Agosto de 2010
 
 

09/08/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

O Burgo volve á UE

 

Trinta asociacións chegan ó Parlamento europeo para que investigue as verteduras do ecosistema coruñés e obrigue ó seu saneamento ante a "pasividade" das administracións.

 

 

A ría do Burgo volve a Europa. Cun proceso de infracción aberto pola ausencia dunha depuradora que trate as augas residuais da comarca coruñesa e dun plan hidrolóxico da conca Galicia-Costa, as trinta organizacións agrupadas na Plataforma en Defensa da Ría do Burgo decidiron presentar onte unha queixa ante o Parlamento da UE para denunciar o grave episodio de contaminación que sofre o ecosistema, que supón "un risco para a vida humana, o medio e a riqueza marisqueira".

No escrito presentado ante a Comisión de Peticións da Cámara, a Plataforma cidadá pídelle á UE que investigue as verteduras da ría, así como a "pasividade" das administracións -Goberno central, Xunta e concellos da contorna- para acabar con elas. Os denunciantes recordan que actualmente hai detectados máis de 80 puntos de vertedura, entre os urbanos -os concellos da Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo emiten directamente as súas augas residuais á ría- e os industriais, con empresas como Bunge ou o matadoiro Fricosa depositando os seus residuos sen ningún tipo de tratamento e carecendo de conexión ó sumidoiro das redes municipais. Dende a Plataforma apúntase ademais a que se están incumprindo ata tres normativas comunitarias relacionadas coa calidade das augas e esixe que se impoñan sancións ós causantes directos e indirectos das verteduras. "Dende 1986 levamos escoitando promesas de saneamento da ría do Burgo que, ata o de agora, só serviron para encher xornais e panfletos electorais, mentres os lodos contaminantes ían acumulándose até chegar aos 1,90 metros de espesor", apuntan dende a Plataforma.

 

Goberno central, Xunta e Concellos, responsables

O enfrontamento entre o Ministerio de Medio Ambiente e o departamento homólogo da Xunta mantén paralizado o saneamento integral da ría, a pesar de que os orzamentos deste ano recollen unha partida monetaria con este fin. A consellería que dirixe Agustín Hernández é a encargada de elaborar un proxecto para tratar os residuos que, segundo o Ministerio, é a peza indispensable para que este departamento poña en marcha o dragado. A esta falta de acordo súmaselle o atraso na execución da depuradora de Bens, aínda sen data de inicio despois de sufrir varios adiamentos. A Coruña convértese así na única cidade de máis de 200.000 habitantes de todo o Estado que non conta cunha EDAR para tratar as súas augas residuais, situación pola que a UE ten aberto unha investigación que podería derivar en sancións como a decidida en 2005 pola ría de Vigo. A responsabilidade chega tamén á administración local xa que, tal e como esgrimen dende a Plataforma, os concellos limítrofes non fixeron nada para forzar a posta en marcha da depuradora nin adaptaron a súa rede de sumidoiros.

Á vista de todas as "irregularidades", ademais de esixir o saneamento integral da ría de forma inmediata, dende a Plataforma reivindican que se cumpra a normativa ambiental, se sancione ós responsables das verteduras e se pidan responsabilidades políticas.

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript