Agosto de 2010
 
 

09/08/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

As empresas do IBEX reparten 14.000 millóns de euros entre os seus accionistas

 

13.986 millóns de euros son as ganancias que as maiores empresas monopolistas van repartir este primeiro semestre do ano entre os seus propietarios e grandes accionistas.

 

 

 

Mentres os traballadores/as da administración, entre o desconto no salario, a suba do IPC, a previsión de xullo era do 1,9%, , incremento do IVE… continuaremos a perder poder adquisitivo.

Os  pensionistas, xa saben que, tras a conxelación das pensións decretada polo goberno e as subas de impostos directos e indirectos, o seu poder adquisitivo se vai ver reducido en máis dun 4%.

Os parados, aos que só se lle prorrogará o subsidio de paro (426 euros) por seis meses máis, cando as previsións máis optimistas din que España non volverá crear emprego, como pronto, ata finais de 2011, xa saben que cando volvan a atopar traballo, grazas á reforma laboral ditada este semestre terán que aceptar peores condicións salariais e despedilos novamente será aínda máis doado e máis barato.

Os traballadores asalariados deben saber que os topes do 1% de suba salarial impostos para este ano na negociación colectiva (cando a inflación prevista é do 2,3%), unido ás subas de impostos, taxas e prezos de servizos básicos como gas, electricidade ou carburantes van facelos perder polo menos un 5% do seu salario real. E a cousa será aínda peor o ano que vén, cando coa reforma laboral xa en marcha o seu empresario se acolla a "razóns obxectivas" para descolgarse dos aumentos salariais negociados no convenio do seu sector, mantendo ou rebaixando o seu salario.

Os autónomos ou un pequeno ou mediano empresario debe saber que a falta de financiamento que o asfixiou este semestre o vai seguir facendo durante un longo período de tempo, porque como dixo o gobernador do Banco de España, vostedes non representan "unha demanda solvente de crédito". E malia que as probas de resistencia ditaminaron que a banca española ten "unha saúde excelente", o diñeiro que reciben, practicamente "gratis total", do goberno ou do Banco Central Europeo van dedicalo a tapar os seus propios buratos, a facer negocio especulando coa débeda pública ou prestándoo a uns poucos monopolios aos que si consideran unha "demanda solvente".

Agora ben, se vostede é propietario ou un grande accionista de calquera dos monopolios españois que cotizan no Ibex-35, entón está de parabén. O que para o 90% da poboación son recortes, axustes e rebaixas salariais, para vostede é participar nunha repartición récord de beneficios por segundo ano consecutivo. O que para os demais é crise e empobrecemento, para vostede é ganancia extraordinaria.

Polo menos iso é o que se desprende da noticia dada a coñecer onte por Bolsas e Mercados Españois: as empresas cotizadas no Ibex 35 retribuíron os seus accionistas de xaneiro a xuño con 13.986 millóns de euros, bastante máis de dous billóns das antigas pesetas. E iso só nos seis primeiros meses do ano. É a segunda cifra máis alta da historia para o primeiro semestre dun exercicio, só superada pola repartición de beneficios do primeiro semestre do ano pasado.

E adiviñan quen repartiu os maiores beneficios? Si, acertárono, o Santander de Botín, o gran patrón da oligarquía financeira española.

Dous anos de crise, dous anos de beneficios récord para os monopolios españois!

Se botamos unha ollada ao acontecido durante este semestre, a secuencia podería ser máis ou menos a seguinte:

Entre febreiro e marzo, dende o Fondo Monetario Internacional (é dicir, dende Washington) e dende Berlín empezan a soar insistentes voces esixindo ao estado español que poña orde nas súas finanzas públicas e empece a aplicar un duro plan de axuste, de recortes en gastos sociais e rebaixas salariais. Inmediatamente, os grandes banqueiros e empresarios españois súmanse ao coro co argumento -expresado polo gran xefe de todos eles: Emilio Botín- de que "todos debemos apertarnos o cinto para que a España non lle rebaixen a cualificación", é dicir para que eles non teñan que pagar intereses máis altos pola inxente débeda que acumularon durante a "década prodixiosa" en que estenderon os seus negocios por medio mundo e obtivo beneficios fabulosos.

Só dous meses despois, o goberno Zapatero apréstase a cumprir os ditados de Washington, Berlín e Botín. Baixo a bandeira "de que" a "crise é de todos" e todos debemos resignarnos a perder unha parte substancial das nosas rendas e salarios, Zapatero pon en marcha o maior plan de axustes e recortes sociais da democracia: conxelación de pensións, rebaixa salarial aos traballadores/as da administración pública, eliminación do cheque-bebé, recortes nas axudas ás persoas dependente, reforma laboral, abaratamento do despedimento, rebaixa das futuras pensións, recortes en sanidade, en educación, en axuda ao terceiro mundo...

Pois ben, mentres todo isto tiña lugar nuns meses de febril axitación política, resulta que os grandes monopolios españois, os mesmos que presionaron e esixiron ao goberno que tomase medidas inmediatas de axuste, estaban neses mesmos instantes xerando unha distribución récord de beneficios entre os seus propietarios, repartíndose entre eles unhas ganancias superiores mesmo ás que tiñan antes da crise. Pero non dicían que para saír da crise tiñamos que apertarnos todos o cinto? A mesma realidade veu a desmentir os seus embustes: aquí do que se tratou todo o tempo é que para que vostedes poidan saír da crise máis fortes e con maiores beneficios, os demais temos que apertarnos o cinto.

Ese é todo o problema que se encerra tras a crise e a batalla política que abriu: se vostedes van conseguir seguir apertándonos o cinto e ata onde, ou se nós, o 90% da poboación, imos ser capaces de impoñer outra política que redistribúa de forma máis equitativa a riqueza nacional e xere unha alta capacidade de aforro para destinalo ao investimento produtivo, á creación de riqueza e emprego.

O próximo 29-S, primeiro día de folga xeral, temos a  oportunidade de vernos fronte a fronte.

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript