O Sindicato Labrego Galego celebra esta fin de semana en Nigrán o XIV Encontro da Secretaría das Mulleres

O Sindicato Labrego Galego presentou, o 6 de marzo,
o XIV Encontro da Secretaría das Mulleres. Foi a responsábel desta área
da organización agraria, María Ferreiro, a encargada de
comparecer diante dos medios de comunicación para falar dun evento que,
nesta ocasión, versará sobre “Corpo e Territorio”.
Baixo esta premisa, o 9 e o 10 de marzo
desenvolverase en Nigrán un programa de actividades que incluirá a
participación da secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane,
para falar da mercantilización do territorio, e da activista feminista,
Nanina Santos, para facer outro tanto sobre a
mercantilización dos corpos. Outras actividades ao redor destas
temáticas durante a fin de semana serán a proxección do documental “Benvidas
ao club”, sobre o tráfico de mulleres e a explotación
sexual ligadas ao Caso Carioca, no que se contará coa directora do
filme,
Carmen PG Granxeiro; ou unha palestra na que se
coñecerán de primeira man proxectos liderados por mulleres como
Fóra do Linde (tracción animal, horta ecolóxica, venda
directa, etc. En Allariz) ou Monte de Vincios
(xestión ecofeminista do monte en Gondomar).
POR QUE AS LABREGAS FARÁN FOLGA O 8 DE
MARZO
Aproveitando a comparecencia diante dos medios de
comunicación, María Ferreiro tamén falou da implicación do Sindicato
Labrego Galego na Folga de Mulleres do 8 de marzo, da que esta
organización agraria foi un dos colectivos que convocan, tanto este ano
como o ano pasado. Para Ferreiro, está plenamente xustificada a
participación das labregas galegas, tanto no eido laboral, como no dos
coidados ou no do consumo:
o Folga laboral: No
eido laboral, explicou Ferreiro, “hai moitas mulleres labregas que non
están cotizando a Seguridade Social e que, nun plano laboral están a ser
totalmente invisibilizadas, consideradas polo sistema como simple axuda
familiar. Nesta problemática segue candente a cuestión da titularidade
compartida nas explotacións: na Galiza, estímase que unhas 30.000
labregas non son titulares da explotación familiar na que traballan a
diario. A pesares de que existe unha lei que permite a cotitularidade
nas granxas dende 2011, para propiciar a igualdade de dereitos laborais
na profesión agraria, na Galiza só se deron de alta como cotitulares 18
mulleres dende aquela”. No conxunto do Estado, a proporción é de 350.000
labregas non titulares e 522 altas na cotitularidade (datos actualizados
a decembro de 2018).
o Folga de coidados:
“No rural existe unha forte división sexual do traballo”, proseguiu a
responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, “e a parte dos coidados
está asumida maioritariamente polas mulleres. Ademais, no rural dáse a
circunstancia de que os servizos e recursos para conciliar a vida
familiar e laboral -residencias, garderías, centros de día, etc.- son
practicamente inexistentes”.
o Folga de consumo:
“Como organización e como mulleres labregas levamos moito tempo
cuestionando o consumismo irracional no que se basea o noso sistema
económico e alimentario. Somos produtoras de alimentos, pero percibimos
uns prezos irrisorios por eles en comparación co que pagan polo produto
final consumidores e consumidoras, con marxes comerciais que decotío
superan o 1.000%. Por iso, apoiamos a folga de consumo tamén, porque é
necesario repensar que consumimos e de que maneira o facemos, pensar nas
condicións laborais e na remuneración do traballo agrario que se agachan
detrás de cada alimento que mercamos”.