• Número 425
  • 11 de marzo de 2019

Sanidade Pública

Problemas en varios PACs por falta de médicos e enfermeiras

Problemas en varios PACs por falta de médicos e enfermeiras
O colectivo PACs en pé de guerra denuncia falta de profesionais médicos en varios centros de saúde da área da Coruña: Cambre, Carballo, Arteixo e a propia capital herculina

Así, segundo os seus datos, a noite do luns o funcionamento do PAC da Casa do Mar sufriu atrasos porque un dos galenos tivo que ir cubrir a ausencia dun compañeiro en Cambre. Sucede que nesa vila o SERGAS só destina un médico ao PAC. Ademais, "esa mesma tarde desde as 15 ás 18 horas o PAC de Carballo estivo cun médico de menos".

Ademais, o PAC do SERGAS en Arteixo este sábado "non tivo enfermería dispoñible no centro durante a maior parte da tarde , pois a única dispoñible estivo a atender domicilios e emerxencias fóra do centro". Loxicamente, isto causou importantes atrasos aos pacientes. O colectivo lembra que Arteixo ten máis de 30.000 habitantes e a súa PAC só dispón dun equipo ; "con reforzos puntuais que nin sequera son equipos completos". 

Por agora, o SERGAS non respondeu ás críticas lanzadas por PACs en pé de Guerra. Cando hai falta de galenos, a Xunta adoita escudarse na falta de profesionais nas listas de contratación. Escusa non válida para o caso de Arteixo, pois non hai déficit de profesionais de enfermería nesas listas.

Hai que lembrar que os PACs levan semanas en folga demandando melloras laborais e profesionais. Por agora, non hai acordo.

SERVIZOS MÍNIMOS PARA OS TRABALLADORES, PERO NON PARA O SERGAS

O impacto do paro está limitado polos servizos mínimos, do 100%. Os folguistas argumentan que casos como os denunciados, nos que médico ten que saír do seu posto de traballo habitual a cubrir a ausencia dun compañeiro ou urxencias,  quedando o seu labor habitual sen cubrir; demostra que é a propia Xunta quen está violando eses servizos mínimos, ao non dotar de persoal suficiente para que todas as consultas teñan persoal.

https://gal.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1344943/problemas-varios-pacs-falta-medicos-e-enfermeiras

Fracasa a reunión de xefes de servizo co Sergas sobre o novo plan de Atención Primaria

A reunión prevista para este mércores entre a Xunta e os xefes de servizo de Atención Primaria de Vigo para abordar o novo modelo proposto pola Administración autonómica non puido desbloquear a situación debido a que os traballadores consideraron que a comunicación non era a desexada e decidiron non participar. Mentres, a Consellería de Sanidade avanzou que se aplicarán medidas solicitadas coincidentes con demandas de profesionais doutras áreas.

NON HAI NEGOCIACIÓN NIN DATA PREVISTA

"Os interlocutores non eran os que queriamos", afirmou un dos dos empregados públicos asistentes á saída da reunión fixada na cidade olívica cos altos cargos do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Así, finalmente, a negociación cos xefes de servizo da área de Vigo, que o pasado mes de decembro presentaron a súa dimisión, non tivo lugar.