Queremos Galego comeza en Lugo unha campaña a prol da liberdade para o galego

Lugo, 6 de marzo de 2019.- A plataforma cidadá
Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades, comezou esta mañá
cunha concentración fronte ao Concello de Lugo unha campaña a prol da
liberdade para o galego que confluirá nas mobilizacións que se
celebrarán o 17 de maio en todas as cidades galegas.
Esta campaña pola liberdade da cidadanía
galega para falar a súa lingua dará continuidade á repulsa social
amosada esta mañá en Lugo pola sentenza “ideolóxica” coa que o Tribunal
Supremo (TS) rexeitou o recurso presentado polo Concello de Lugo contra
a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anulaba
parcialmente a ordenanza de normalización lingüística da cidade,
aprobada por unanimidade polo pleno da corporación en 2012 e ratificada
tamén por unanimidade tras a sentenza do TSXG.
O portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira,
recordou que a sentenza do Tribunal Supremo “pretende pór limites á
oficialidade da lingua galega e impedir que poida manter calquera
situación de igualdade respecto ao castelán”, estabelecendo uns máximos
que o galego non debe traspasar baixo ningún concepto. Ilegaliza ademais
unha posición social maioritaria no conxunto do pobo galego, a de que a
lingua propia de Galiza é o galego, que é o noso principal elemento de
identidade colectiva e que se atopa nunha absoluta situación de
desprotección, aínda cunha lexislación que no mellor dos casos non se
aplica e se vulnera constantemente. O mesmo tribunal non actúa contra as
máis de 500 disposición legais que garanten a presenza absoluta do
español e sitúan o galego en situación de inferioridade.
“Que liberdade hai de empregar o galego se as
empresas concesionarias da administración non teñen que ofertala?”,
pregúntase Maceira “a única liberdade que vén de recoñecer o TS é a
destas empresas para excluír aos falantes de galego de servizos
públicos”.
Embora a lexislación e acordos favorábeis á lingua
galega sexan poucos e limitados, a vontade xeral por repor, rehabilitar
e normalizar o noso idioma, fica claramente reflectida en textos como o
Estatuto de autonomía de Galiza, a Lei de normalización lingüística, a
Lei de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, o Plan
xeral de normalización da lingua galega, e mesmo tratados internacionais
como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, ratificada
polo Estado Español en 2001, ou outros acordos como a Declaración
universal de dereitos lingüísticos.
https://www.amesa.gal/zonas/lugo/queremos-galego-comeza-en-lugo-unha-campana-a-prol-da-liberdade-para-o-galego