Persoal da CRTVG denuncia novos atrancos para facer visible a folga feminista

No pasado mes de setembro, o TSXG condenou a CRTVG
por vulnerar o dereito á folga na
xornada de mobilización feminista do pasado 8 de marzo. Fïxoo
cun decreto de servizos mínimos que o tribunal considerou froito dun
"comportamento malicioso" do Goberno galego que lle mereceu un "rotundo
rexeitamento" e que atrancou o exercicio deste dereito fundamental en,
cando menos, tres departamentos da Administración autonómica e mais na
Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), onde a obstaculización
da mesma folga
xa dera lugar a outra condena no mesmo tribunal o pasado abril,
naquel caso pola substitución por un home da presentadora do informativo
Galicia Noticias, que secundara o paro. A declaración da
xornalista afectada provocou, segundo denunciou persoal da Corporación,
"represalias" a esta traballadora, que viu reducidas as súas funcións
habituais na televisión pública.
Neste ano, é outra xornalista da CRTVG a que
denuncia que foi cominada a formar parte do persoal de servizos mínimos
e locutar informacións durante a quenda de tarde malia os acordos aos
que chegaron a representación sindical e a dirección da empresa para que
se priorizase o labor masculino na xornada do 8 de marzo no caso destes
servizos mínimos.
"Convocarase para a cobertura destes servizos
mínimos a homes e non mulleres sempre que a quenda e as funcións
habituais o permitan", di un dos puntos da acta da reunión coa dirección
que foi
feita pública polos sindicatos. "Co obxecto de darlle
visibilidade á folga do 8-M, os espazos informativos da TVG e da Radio
Galega serán presentados por homes. Nos casos en que só haxa unha
presentadora ou locutora para un informativo procederase do seguinte
xeito: O Galicia Noticias emitirase sen presentador e na Radio
Galega porase a un home en servizos mínimos para locutar os espazos
informativos aínda que non sexa a súa función habitual", di un dos
acordos.
Malia estas disposicións, a traballadora afectada
denuncia que recibiu a "designación para a cobertura dos servizos
mínimos" do venres 8 de marzo "na quenda de tarde", lembrándolle ademais
a obrigatoriedade de levalos a cabo. A xornalista asumiu a orde pero
amosou o seu "desacordo" logo de que sindicatos e Corporación "se
comprometesen a cubrir os servizos mínimos con homes co fin de facilitar
o exercicio da fogla ás mulleres".
O argumento, segundo di, que lle deron desde
Recursos Humanos é que non había posibilidade de colocar outro home no
seu lugar na súa quenda. A afectada asegura que foron moita as veces na
que na súa ausencia un redactor cubriu o seu posto, normalmente persoal
que xa conta precisamente cun plus pola súa dispoñibilidade.
A afectada, en conversa con Praza.gal, asegura que
mentres na quenda da mañá dous redactores realizaron os boletíns
informativos, un deles coa devandita dispoñibilidade, ela tivo que
locutar catro boletíns.
A xornalista encadra esta medida nunha decisión
meditada da dirección contra a súa persoa por un conflito laboral que
mantén desde hai tempo, así como pola súa activa participación nos
venres negros convocados polo colectivo Defende A Galega, que anunciou
nun comunicado o seu apoio á folga "por uns medios públicos de calidade
e con perspectiva de xénero".
https://praza.gal/movementos-sociais/os-sindicatos-cualifican-de-exito-o-seguimento-da-folga-feminista#persoal-da-crtvg-denuncia-novos-atrancos-para-facer-visible-a-folga-feminista
Un novo venres negro atravesado pola folga
feminista