O feminismo galego volve desbordar noutro 8M histórico na loita pola igualdade

É difícil pensar nun movemento social e político
que sexa quen de facer historia dúas veces en doce meses na Galicia da
segunda década do século XXI. Nun movemento que non sexa o feminismo.
A masiva manifestación unitaria do pasado domingo en Lugo anticipaba
xa unha previsión de alta participación na xornada de folga e
mobilización deste 8 de marzo. Pero, como hai un ano, o movemento
feminista
desbordou en rúas e prazas de vilas e cidades galegas.
Apenas transcorrera a metade do día e a xornada
xa apuntaba a éxito de mobilización. As centrais sindicais
avanzaban que as quendas de noite emitían bos sinais e en cidades
como
Vigo ou
A Coruña, monumentos emblemáticos e lugares ben visibles chamaban á
folga "por todas as mulleres, por todos os dereitos". Dende o Parlamento
chegaba tamén un significativo sinal político; as dúas comisións que
estaba previsto celebrar este venres
tiveron que ser suspendidas por falta de quórum. Non acudira
ningunha deputada, tampouco as do PP, cuxo líder clamaba case ao mesmo
tempo en Madrid contra "os organizadores" da folga.
O rexeitamento de Casado en concreto e de
dirixentes da dereita en xeral á convocatoria feminista do 8M estivo moi
presente nas faixas e consignas que dende a metade da mañá ateigaron
infinidade de rúas. Incontables ríos humanos encheron de lila a paisaxe:
en forma de poderosa "treboada feminista"
dende os catro puntos cardinais de Santiago, como concentración que
tornaba en manifestación na Coruña ou cos puntos habituais das
protestas cidadás ficando pequenos ante a masiva concorrencia de
mulleres
en Vigo,
Ourense,
Pontevedra,
Ferrol ou
Lugo.
Houbo multitudes nas cidades xa durante a mañá.
E, proporcionalmente, tamén en pequenas vilas e cidades de múltiples
puntos do país. Lalín, A Estrada, Rianxo, Cangas, Vilagarcía...
Foron moitas as prazas de vilas nas que ecou o berro feminista. Tamén en
Vilalba, onde mesmo o monumento a Manuel Fraga apareceu cun mandil
chamando á folga.
Alí unha das protagonistas foi Pilar, unha muller que se move en
cadeira de rodas e que leva seis anos a denunciar que unha obra do
Concello de Abadín lle impide saír da casa sen axuda.
Manifestación matinal do 8M do 2019 en Vigo
CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Mentres a Xunta
optaba por un perfil discreto, lonxe da masiva mobilización das rúas
pero tamén da estridencia da cúpula do PP, os colectivos feministas como
Galegas 8M, Marcha Mundial das Mulleres, Plataforma Feminista Galega e
numerosos movementos locais tomaban as rúas. Con elas, representantes
das principais forzas políticas da esquerda, que moi
maioritariamente optaron tamén polo segundo plano entre as multitudes.
Manifestación do serán na Coruña o 8M do 2019 CC-BY-SA MA
Inmensa diversidade
Estas multitudes eran diversas no sentido máis
amplo do termo. En idade, en profesións, en orixes... E así o
amosaron, aínda con máis amplitude, nas manifestacións da tarde, onde os
centros das sete principais cidades e algunhas vilas volveron rebordar,
pero con moita máis amplitude que durante a mañá. Salferidas entre a
concorrencia figuraban rostros de dirixentes de todas as formacións
políticas da esquerda.E, en cidades como A Coruña, Vigo ou Ourense,
tamén do PP.
A esa hora
as centrais sindicais xa consideraban a folga un "éxito",
especialmente en sectores con gran presenza feminina, e persoas que non
secundaran o paro laboral si o fixeron coas manifestacións.
Remate da manifestación da noite en Santiago CC-BY-SA CA
Ducias de miles de mulleres, pero tamén moitos
homes. Familias enteiras, grupos de amizades, agrupacións
profesionais, organizacións políticas e sindicais secundaron o
chamamento feminista. O adxectivo "histórico" comezou a ecoar polas
rúas galegas no serán do 8M cando, en gran parte das convocatorias,
moitas persoas se preguntaban, na parte final das manifestacións, se a
cabeceira comezara ou non a camiñar.
"Feminismo para adiante, machismo para atrás",
"revolta feminista", "aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé",
coreouse incesantemente. Tamén foron múltiples os cánticos contra a
precariedade laboral, a fenda de salarial de xénero e, moi
especialmente, contra os asasinatos machistas. Nas pancartas e carteis,
moitos deles feitos na casa, proliferaban o rexeitamento do machismo e a
esixencia de rúas e vidas seguras para todas as mulleres: "
Manifestación en Ferrol
As marchas da Coruña (40.000 persoas, segundo a
Policía Local), Santiago (unhas 20.000) e Vigo (105.000, indicou a
Policía Local) foron as máis numerosas. Pero o clamor feminista tamén
fixo rebordar os centros de Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol e de
moitas vilas.
Poucas persoas dubidaban, ao remate das
manifestacións, que doce meses despois o feminismo galego lograra outro
día histórico. Nas rúas, nos centros de traballo, nas casas e mesmo
nas pantallas de televisión. Sirva como nota para a historia do país que
este 8M a folga feminista mesmo logrou que tivese que suspenderse o Luar
da TVG.