• Número 424
  • 04 de marzo de 2019

Lingua

Queremos Galego chama a mobilizarse o mércores 6 en Lugo en resposta á sentenza do Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística

Queremos Galego chama a mobilizarse o mércores 6 en Lugo en resposta á sentenza do Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística
Concentración en mostra de repulsa á sentenza “ideolóxica” coa que o Tribunal Supremo (TS) rexeitou o recurso presentado polo Concello de Lugo

Compostela, 26 de febreiro de 2019.- A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades, vén de convocar unha concentración para o vindeiro mércores, día 6 de marzo, ás 12h fronte ao Concello de Lugo en mostra de repulsa á sentenza “ideolóxica” coa que o Tribunal Supremo (TS) rexeitou o recurso presentado polo Concello de Lugo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anulaba parcialmente a ordenanza de normalización lingüística de Lugo, aprobada por unanimidade polo pleno da corporación en 2012 e ratificada polo pleno tras a sentenza do TSXG. A plataforma cidadá anima a sociedade galega a mobilizarse e manifestar o seu rexeitamento a unha aldraxe contra a dignidade do conxunto do pobo galego.

“A sentenza do TSXG ratificada agora polo TS”, explica Marcos Maceira, voceiro de Queremos Gaelgo, “ataca elementos da política de normalización da lingua galega completamente asumidos e apoiados maioritariamente polo pobo galego, como evidencia o feito de seren aprobados e acordados con total unanimidade das forzas políticas con representación institucional”. “Utiliza prexuízos ideolóxicos e políticos subministrados polo extrema dereita para agredir a lingua galega e as persoas que queren utilizala”, engade, “fortalecendo a consideración do galego como un idioma inferior”.

Entre estes elementos están a rotulación en galego das sinalizacións públicas, o carácter de lingua propia e oficial de Galiza e as súas institucións, o dereito a empregar a lingua propia con absoluta normalidade, a formación do funcionariado para que poida desenvolver as súas tarefas en galego ou que as subvención dunha administarción como a local, que ten a obriga de promover o galego, non poidan corresponderse con ese fin.

O TS pretende pór limites á oficialidade da lingua galega e impedir que poida manter calquera situación de igualdade respecto ao castelán. O TS estabelece uns máximos que o galego non debe traspasar baixo ningún concepto. Ilegaliza ademais unha posición social maioritaria no conxunto do pobo galego, a de que a lingua propia de Galiza é o galego, que é o noso principal elemento de identidade colectiva e que se atopa nunha absoluta situación de desprotección, aínda cunha lexislación que no mellor dos casos non se aplica e se vulnera constantemente. O mesmo tribunal non actúa contra as máis de 500 disposición legais que garanten a presenza absoluta do español e sitúan o galego en situación de inferioridade.

A sentenza avalada polo TS ponlle o carimbo de legalidade e lexitimidade á discriminación de usuarias e usuarios de servizos públicos privatizados por razón de lingua, ao primar o suposto dereito de descoñecemento do galego por parte das empresas emprestadoras de servizos á administración municipal fronte ao dereito a empregalo e ser atendido en igualdade de condicións por parte das e dos cidadáns. Este aspecto contravén ademais o contemplado no parágrafo 3 da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, que sinala o compromiso de “garantir que as linguas rexionais ou minorizadas se empreguen na prestación dun servizo” tanto polas autoridades administrativas como “polas persoas que actúen no seu nome”.

“Con esta sentenza o TS e o TSXG renegan de ser de Xustiza”, insiste Maceira. “Que xustiza hai nunha sentenza que pretende manter a exclusión histórica do galego, a súa invisibilización e mantela inaudíbel e invisível na administración local e en todos os servizos que ofrece a través de empresas privadas?”. “A maioría das galegas e galegos, falantes ou non de galego”, afirma, “queren a súa lingua e queren que a administración actúe para repola e rehabilitala, como pretendía facer minimamente o Concello de Lugo a través da ordenanza” e lembra que “foi aprobada por unanimidade en correspondencia coa posición manifestada por todas as forzas políticas ao aprobaren o Plan xeral de normalización da lingua galega”.

O TSXG deixa clara a liberdade para a administración municipal utilizar o galego sempre que se manter como lingua secundaria e que non se pretenda un mínimo estatus de igualdade. “Esa é a visión que teñen de Galiza e do galego”, indica Maceira. “Que liberdade hai de empregar o galego se as empresas concesionarias da administración non teñen que ofertala? A única liberdade que vén de recoñecer o TS é a destas empresas para excluír aos falantes de galego de servizos públicos”.

Embora a lexislación e acordos favorábeis á lingua galega sexan poucos e limitados, a vontade xeral por repor, rehabilitar e normalizar o noso idioma, fica claramente reflectida en textos como o Estatuto de autonomía de Galiza, a Lei de normalización lingüística, a Lei de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, o Plan xeral de normalización da lingua galega, e mesmo tratados internacionais como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, ratificada polo Estado Español en 2001, ou outros acordos como a Declaración universal de dereitos lingüísticos.

Concentracion Lugo (781 kB)

https://www.amesa.gal/noticias/noticias-da-mesa/queremos-galego-chama-a-mobilizarse-o-mercores-6-en-lugo-en-resposta-a-sentenza-do-supremo-contra-a-ordenanza-de-normalizacion-linguistica