• Número 424
  • 04 de marzo de 2019

É o capitalismo

Narón berra: "Poligal non se pecha"

Narón berra: "Poligal non se pecha"
Os empregados manifestáronse ata o concello

Ao berro de "Poligal non se pecha", os traballadores desta empresa dedicada á fabricación de filme de polipropileno para alimentación, asentada en Narón (A Coruña), protagonizaron na mañá deste luns unha manifestación, que congregou a unhas 200 persoas entre operarios, familiares, amigos e cidadáns.

A marcha partiu ás 10,00 horas desde a planta, situada no polígono da Gándara, en dirección ao Concello de Narón, onde o seu comité de empresa foi recibido polos portavoces dos grupos municipais, ademais de pola súa alcaldesa, Marián Ferreiro (TeGa).

A dirección da empresa, pertencente ao grupo catalán Peralada, presentou o pasado venres, 22 de febreiro, nun dos xulgados do mercantil de Barcelona, un concurso de acredores e cesamento de actividade, coa aplicación dun ERE extintivo para todos os seus operarios, uns 108 fixos, ademais de media ducia de eventuais.

O presidente do comité de empresa, Rafael Souto, asegurou minutos antes de iniciar esta acción de protesta que "os traballadores, tres días despois do anuncio de peche, aínda non o cren". Ademais, trasladou que "os apoios desde o ámbito político están chegado desde todos os partidos". "Pero desde o día da comunicación da fatídica noticia, non volvemos a saber nada da empresa", sentenciou.

APOIO MUNICIPAL

Unha vez no concello, o presidente do comité de empresa trasladoulle aos políticos municipais a situación actual e o rexeitamento á decisión do grupo propietario desta planta, ao entender que "a empresa ten futuro e viabilidade" e considerou que "non existen razóns xustificadas para unha medida tan drástica".

Pola súa banda, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, comunicoulles aos responsables do comité de empresa que solicitou unha entrevista co conselleiro de Economía, Francisco Conde, "ao que xa se explicou a situación".

Do mesmo xeito, tamén remitiu un escrito ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no que lle mostrou "unha gran preocupación pola gravidade da situación e a posible perda de máis de cen postos de traballo", instándoo a que, "na medida das súas competencias, intermedie nesta situación, en aras dunha solución a este problema".

Ferreiro tamén se comprometeu a solicitar unha entrevista cos responsables do Grupo Perelada, co fin de intermediar entre a empresa e os traballadores, "para tratar de reverter a decisión do cesamento de actividade da planta".

MOCIÓN NO PLENO

Tamén o vindeiro xoves, 28 de febreiro, está prevista a intervención dos traballadores no pleno municipal, ao que levará unha declaración institucional para reclamar a continuación da actividade en Poligal neste municipio de Ferrolterra.

Durante os próximos días, os representantes do comité de empresa teñen previsto manter varios encontros de tipo político.

Así, na tarde deste luns serán recibidos na Subdelegación do Goberno na Coruña. O vindeiro mércores, 27 de febreiro, acudirán ao Parlamento de Galicia para manter encontros, durante a mañá, con representantes dos catro grupos políticos no Horreo; mentres que o xoves intervirán no pleno de Narón. Para o venres, 1 de marzo, teñen previsto reunirse con responsables da Deputación da Coruña.

Ademais, continua sendo efectiva a medida acordada en asemblea polos traballadores que, a pesar de dispor dun permiso retribuído, acoden nas súas quendas habituais ata as instalacións industriais a diario e con presenza de operarios as 24 horas do día.

EXPLICACIÓNS Á XUNTA

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, esixiu á Xunta que "asuma as súas competencias" para evitar o peche de Poligal, que implicaría o despedimento de máis dun centenar traballadores.

Así, mostrou a súa solidariedade e o "apoio" do Goberno ao persoal desta empresa especializada na produción de filme de polipropileno para alimentación. Tamén dixo que agarda que a empresa "cambie a súa idea" de extinguir a actividade no centro de traballo situado en Narón. Mentres, reprochou á Xunta "a súa actitude de pasividade" cando se aplicou un ERE en 2014 e pediulle que modifique "a súa posición de entón para defender o emprego e a actividade económica".

http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/87063-naron-berra-poligal-se-pecha