• Número 424
  • 04 de marzo de 2019

Loita Feminista - Lugo 3M

Milleiros de persoas enchen as rúas de Lugo chamando a unha "revolta feminista"

Milleiros de persoas enchen as rúas de Lugo chamando a unha "revolta feminista"
"Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé" ou "Esta é a nosa revolta" foron dous dos berros máis repetidos

Milleiros de persoas, a maioría mulleres, ateigaron este domingo as rúas de Lugo na manifestación unitaria do feminismo galego que anticipa, ademais, a mobilización convocada para o vindeiro venres 8 de marzo. A marcha, baixo o lema Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista partiu pouco despois das 12 do mediodía da Porta Falsa e percorreu o centro da cidade para rematar na Praza Horta do Seminario.

Chegaran autobuses dende máis dunha vintena de localidades de todo o país, confluíndo na contorna da estación de tren e do Edficio Administrativo da Xunta. A manifestación despregou toda a súa extensión pola Ronda da Muralla. Alí puido comprobarse o seu carácter masivo, con milleiros de mulleres encabezando a marcha, seguidas tamén por moitos homes. 

A cor dominante foi claramente o lila, nunha mobilización festiva na que se puideron escoitar berros como "Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé" ou "Esta é a nosa revolta". Tamén houbo cancións, nomeadamente algunhas versións feministas de temas ben coñecidos, coma o Verdegaio ("Vai ti, vou eu, vai ela, para rachar o sistema. Vai ti, vou eu, vai ela, polas que xa non berran") ou o Bella Ciao("En todas nós reside a forza, Vén loitar, ven loitar, tar tar. En todas nós reside a forza de facelo realidá").

O manifesto que se leu ao remate da marcha debullou algunhas das demandas que o movemento feminista pon enriba da mesa e que motivan a convocatoria da folga do 8M. O texto esixiu "un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas" e "orzamentos e medidas concretas en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados". Así mesmo, reclamou erradicar a fenda salarial, a precariedade, o acoso sexual e por razóns de xénero e o teito de cristal. E fixo unha especial mención a aquelas mulleres "que non paran nunca porque nin tan sequera teñen o privilexio de poder parar".

Unha vez lido o manifesto, as burelás de orixe caboverdiana Batuko Tabanka puxeron a música, que acompañou un xantar colectivo.

https://praza.gal/movementos-sociais/milleiros-de-persoas-enchen-as-ruas-de-lugo-chamando-a-unha-revolta-feminista