• Número 424
  • 04 de marzo de 2019

Lingua - A Mesa Pola Normalización Lingüística

A Mesa recórdalle ao PP que a cidadanía galega ten dereito a ser atendida na súa lingua polas administracións públicas

A Mesa recórdalle ao PP que a cidadanía galega ten dereito a ser atendida na súa lingua polas administracións públicas
@s galeg@s temos dereito a usar a nosa lingua en todos os ordes da nosa vida

Lugo, 1 de marzo de 2019.-A Mesa pola Normalización Lingüística recórdalle ao Partido Popular que a cidadanía galega ten dereito a ser atendida na súa lingua polas administracións públicas, despois de que Pablo Casado anunciase que o seu programa electoral incluirá unha lei orgánica para reforzar o uso do español e prohibir que a lingua cooficial sexa un requisito indispensábel á hora de acceder a un emprego público.

Esta lei entraría en conflito directo co artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galiza, que sinala que o galego é a lingua propia de Galiza e cooficial, que todos teñen o dereito de o coñecer e de o usar, así como a obriga dos poderes públicos de garantir o seu uso normal e oficial e de potenciar o seu o emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, indicando que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua. Por iso, a Mesa exíxelle a Feixó que “deixe de seguir as propostas da extrema dereita e comece a exercer de presidente, reclamando dentro e fóra do seu partido respecto polo Estatuto que xurou cumprir”.

“A proposta do PP  supón prohibir ou limitar gravemente o dereito da cidadanía galega a usar a nosa lingua en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, a sermos atendidos e entendidos correctamente na administración pública”, explica o presidente da Mesa, Marcos Maceira, ao tempo que lle lembra ao PP que “é a administración a que está ao servizo da cidadanía e non a revés”. “Se queren defender a liberdade”, continúa Maceira, “o primeiro que deben garantir é o dereito a utilizar a lingua galega sempre e en todo lugar, en servizos públicos ou privados. Este dereito xa está limitado na actualidade, pola ausencia de requisito nas listas do Sergas ou na administración xeral do Estado”.

“Pretenden prohibir de novo o uso do galego, culpabilizando as persoas que se verán discriminadas polo uso da súa lingua nos servizos da propia Xunta de Galiza e negando dereitos humanos básicos, como non padecer discriminación por razón de lingua”, conclúe o presidente da Mesa. “Se esta discriminación é grave nas empresas privadas é máis na administración pública que debe velar por estes dereitos”.

O informe da Liña do Galego que cada ano elabora a Mesa recolle, precisamente, que a entidade de defensa da lingua tramitou ao longo do 2018 303 queixas, as que un 46% ían referidas á administración pública, tanto estatal como autonómica e local. “A liberdade de emprego do galego está gravemente limitada pola imposibilidade de uso en numeros servizos públicos”, salienta Maceira, “nomeadamente da administración xeral do Estado, como a Axencia Tributaria ou a Seguridade Social”. “Esa imposibilidade é a que agora pretender trasladar o PP á administración autonómica, onde se detectan vulneracións graves de dereitos en ámbitos como a saúde ou a atención en servizos externalizados”, asegura.

O relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, recolleu tamén no informe preliminar que fixo público tras a súa visita ao Estado español que “as minorías lingüísticas teñen dereito a usar o seu idioma nas súas interaccións coas autoridades e institucións estatais” e que isto “segue sen cumprirse nalgunhas rexións”.

Concentración a cuarta feira en Lugo
A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades, fai un chamamento á cidadanía para participar na concentración que terá lugar a vindeira cuarta feira (mércores), día 6 de marzo, ás 12h fronte ao Concello de Lugo. A mobilización quere amosar a repulsa social á sentenza “ideolóxica” coa que o Tribunal Supremo (TS) rexeitou o recurso presentado polo Concello de Lugo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anulaba parcialmente a ordenanza de normalización lingüística da cidade, aprobada por unanimidade polo pleno da corporación en 2012 e ratificada polo pleno tras a sentenza do TSXG. “A maioría das galegas e galegos, falantes ou non de galego”, afirman dende a plataforma de defensa da lingua, “queren a súa lingua e queren que a administración actúe para repola e rehabilitala, como pretendía facer minimamente o Concello de Lugo a través da ordenanza, que foi aprobada por unanimidade en correspondencia coa posición manifestada por todas as forzas políticas ao aprobaren o Plan xeral de normalización da lingua galega”.

Queremos Galego convocou unha concentración o 6 de marzo, en Lugo para amosar a repulsa social á sentenza ideolóxica do Tribunal Supremo (410 kB)

https://www.amesa.gal/noticias/noticias-da-mesa/a-mesa-recordalle-ao-pp-que-a-cidadania-galega-ten-dereito-a-ser-atendida-na-sua-lingua-polas-administracions-publicas