• Número 423
  • 25 de febreiro de 2019

CUT

Nueva Pescanova, crónica dunha venda anunciada

Nueva Pescanova, crónica dunha venda anunciada
O futuro está aquí, e lamentablemente está nos parámetros que a CUT argumentaba daquela

A negociación do pasado convenio viuse traspasada pola convocatoria de folga e unha solución con mediación incluída. Aquela folga, convocada por CUT, CIG, UGT e máis a USO, cos esquirois de CCOO, levou tamén á detención do noso delegado Luis Bar, cando a empresa decidiu enviar 15 leiteiras para garantir o paso dos esquirois de CCOO.

Durante aquela mediación insistiamos en afirmar que a intención de PESCANOVA era abaratar a plantilla para poder vender o GRUPO coma un paquete atractivo no ano 2020, data imposta polos bancos que eran propietarios da empresa. Os interlocutores da patronal negaban este argumento dicindo que eles querían unha PESCANOVA forte para o futuro.

O futuro está aquí, e lamentablemente está nos parámetros que a CUT argumentaba daquela. Hai quince días comunicáronnos que a unidade produtiva do frío (curiosamente, na nova organización da empresa crearon tres unidades produtivas: frío, produción Chapela e produción Porriño) sería subrogada pola empresa de loxística ALC. Así, dun día para outro, dinlle ás 46 persoas (algunhas con máis de 25 anos de antigüidade) que xa non son de PESCANOVA. O argumento é que eles non son expertos na xestión do frío; o noso que tardaron case 60 anos en darse de conta. A dirección da unidade produtiva, que indirectamente está declarándose incompetente, é premiada quedando en PESCANOVA con salarios de escándalo, as persoas traballadoras, que mantiveron a empresa por riba dos ladróns que a dirixiron, son premiados cunha couce. Esto é NUEVA PESCANOVA.

Dende a CUT temos claro que pretenden vender a empresa por cachiños, só hai un obxectivo: sacar cartos para os bancos, sempre os bancos por riba das nosas vidas. O único que permanecerá en pé será a marca comercial, o resto todo se traduce en beneficios.

A posición da CUT foi clara ante esta nova: imos garantir as condicións dos traballadores e traballadoras e o convenio que temos en vigor é o punto de partida para mellorar, non un obxectivo a desfacer. PESCANOVA non vai librarse de nós, calquera problema que teñamos tamén o será deles.

Asimesmo iniciamos movementos burocráticos (Inspección de Traballo, xuntanzas coa dirección da empresa…) e de acción sindical (xa os anunciaremos) xunto as centrais sindicais CIG, USO e UGT para defender o futuro e dignidade dos nosos postos de traballo.

 

Noticias relacionadas

Sindicatos denuncian o inicio do "desmantelamento" do grupo Nova Pescanova

Os sindicatos CIG, UGT, USO e CUT denunciaron este xoves a externalización da división de frío de Nova Pescanova, unha "manobra" que ven como o primeiro paso para o "desmantelamento" do grupo, antes de vendelo "por anacos".

Así o trasladaron en rolda de prensa os portavoces das centrais sindicais, como Ricardo Castro ( CUT), quen explicou que os traballadores externalizados (e subrogados) son 46 operarios dos centros de Chapela, O Porriño e Arteixo, que pasan a ser empregados de Actividades Loxísticas Centralizadas, ALC.

Tras criticar "as formas", anunciando esa subrogación "dun día para outro", Castro lembrou que estes traballadores seguirán desempeñando o seu labor nos centros do Nova Pescanova, polo que advertiu de que o grupo será "responsable" de "calquera problema" que xurda coas súas condicións laborais. "Non vai ser tan fácil para a empresa desfacerse de nós", aseverou.

   Así mesmo, denunciou que os sindicatos descoñecen en que condicións vai implementar esa  externalización e, aínda que dá por feito que os afectados seguirán ao amparo do convenio asinado en 2017, admitiu a "preocupación" polo que poderá pasar despois de que se acabe a vixencia do acordo (en 2020). "Non imos dar marcha atrás, nin empezar de cero, haberá que negociar desde o último convenio como punto de partida mínimo", puntualizou Castro.

PLAN ESTRATÉXICO

Por outra banda, Teresa Pérez Lago (USO), incidiu en que os sindicatos carecen da documentación que avala o proceso de externalización da división frigorífica do grupo, unha medida que, supoñen, enmárcase no Plan Estratéxico de Nova Pescanova 2016-2020.

Con todo, aclarou, ese plan estratéxico tampouco foi "nunca" trasladado aos representantes dos traballadores. Por iso, solicitaron unha reunión co responsable de Recursos Humanos do grupo, Pedro Casaño, que se celebrará este venres ás 11,30 horas nas instalacións de Chapela-Redondela.

FRACCIONAMIENTO E VENDA

O portavoz de UGT, Rubén Pérez, lembrou que os donos maioritarios de Nova Pescanova son entidades financeiras, e que "os bancos non queren empresas, queren vendelas para recuperar o diñeiro".

Nese contexto enmarcou a decisión de externalizar a división de frío, e outras medidas encamiñadas a "facer rendible e atractiva" a empresa. "Queremos dar a voz de alerta porque Galicia non se pode permitir perder este grupo, que acabe non só en mans de fóra, senón en distintas mans", advertiu.

Na mesma liña, Xosé Fernández Piñeiro (CIG) recalcou que este " fraccionamento" de unidades de produción "é o inicio do desmantelamento" do grupo, e subliñou que "en ningún centro de traballo" fíxose un estudo económico sobre as vantaxes de externalizar divisións. "O obxectivo é a disgregación e a eliminación de postos de traballo", denunciou.

https://m.europapress.es/galicia/noticia-sindicatos-denuncian-inicio-desmantelamiento-grupo-nueva-pescanova-20190221131453.html?fbclid=IwAR0tNrrIGkEUhXAULY32B6zno-B6Bdyej1jA9r8Zu6fu4dQHh8aqbneXbIs