• Número 423
  • 25 de febreiro de 2019

CUT - CRTVG

O TSXG anula a decisión unilateral da CRTVG de poñer aos seus redactores a editar vídeo

O TSXG anula a decisión unilateral da CRTVG de poñer aos seus redactores a editar vídeo
O fallo recoñece a existencia dunha modificación substancial das condicións de traballo que a empresa sempre negou

O fallo, que responde á demanda presentada polos sindicatos CUT e UGT, recoñece a existencia dunha modificación substancial das condicións de traballo que a empresa sempre negou.

22 Febreiro, 2019

Seccións Sindicais da CUT e a UGT na CRTVG

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu este 20 de febreiro unha sentenza que anula a atribución unilateral pola CRTVG aos seus redactores e redactoras do labor de edición básica de vídeo, por tratarse dunha modificación substancial de carácter colectivo das súas condicións de traballo. Con este fallo, o Tribunal considera probado que a CRTVG vulnerou o procedemento establecido no artigo 41.4 do Estatuto dos Traballadores, que establece a obrigatoriedade de abrir un período de consultas coa representación sindical antes de aplicar decisións unilaterais deste calibre.

A dirección da CRTVG sempre teimou en que impoñerlle ao persoal de redacción as funcións de edición (historicamente desenvolvidas na canle pública polos operadores e operadoras de video) non representaba unha modificación substancial das súas condicións laborais, facendo caso omiso das advertencias realizadas polas seccións sindicais da CUT e a UGT na CRTVG, que sempre expuxeron a inseguridade xurídica que representanba a medida unilateral disposta pola empresa.

A sentenza, contra a que cabe recurso ao Tribunal Supremo, recoñece que o argumento da CRTVG que apelaba a un cambio tecnolóxico (a posta en marcha dunha nova plataforma de produción dixital) para a imposición desta medida non está xustificado e representa de facto unha mobilidade funcional descendente.

As sección sindicais da CUT e a UGT pídenlle á empresa que acate de inmediato a sentenza e non dilate de xeito indefinido a súa aplicación, polo prexuízo que lle está a ocasionar ao persoal afectado, que leva meses asumindo funcións anuladas por esta sentenza.