• Número 423
  • 25 de febreiro de 2019

Loita social

Presentan alegacións o proxecto de drenaxe temporal da mina de Touro

Presentan alegacións o proxecto de drenaxe temporal da mina de Touro
Para a veciñanza é inaceptable que non se resolva un problema de contaminación tan grave coa desculpa dese suposto interese científico

Membros da “Plataforma veciñal Mina Touro-Pino Non” achegaron este luns 18 as alegacións ao Proxecto de Drenaxe Temporal da mina de Touro presentado recentemente pola actual titular, Explotaciones Gallegas SL.

Este proxecto preséntase a instancia da Xefatura Territorial da Consellería de Economía Emprego e Industria, non por vontade da propia empresa de asumir o tratamento adecuado para os pasivos medioambientais da vella mina de Touro, e pon de manifesto a deficiente xestión que se estivo a facer deses pasivos ao longo de todos estes anos. Proba da contaminación é que debido á acidez das augas se desenvolveron organismos extremófilos, dos que a empresa refire un suposto interese científico para non teren actuado antes.

Para a veciñanza é inaceptable que non se resolva un problema de contaminación tan grave coa desculpa dese suposto interese científico: eses regatos daban servizo ás comunidades por onde ían pasando, que levan anos privadas dese recurso e soportando a contaminación. Tampouco podemos aceptar que a empresa delegue as súas responsabilidades e confíe na dilución da contaminación no río máis grande do que eses regatos son tributarios: Lañas, Ulla… Ademais, estudos recentes baseados nas propias analíticas das estacións de control de Augas de Galicia, incluídos o Lañas e o Ulla, indican que se superan as normas de calidade ambiental para moitos elementos. A veciñanza non pode concordar co proxecto nos termos que está presentado. Dunha banda, trátase dunha medida temporal, para pouco máis de 6 meses, sen indicar que ocurrirá unha vez superado ese horizonte temporal. Doutra banda, non aborda o problema: para evitar que as drenaxes contaminadas dos regatos Portapego, Felisa e balsa de Angumil cheguen ao Lañas plantéxase recoller as súas augas e bombealas á balsa de Vieiro, que é unha antiga corta mineira inundada. Polo tanto, o único que se vai conseguir é mover as augas contaminadas dun lado a outro explotación mineira, agravando aínda máis a contaminación da balsa de Vieiro. Agravarase tamén a afección sobre o regato Pucheiras, tributario do Brandelos, que ao bordear esa balsa sofre importantes problemas de contaminación. E malia a que se indica que esas augas van ser bombeadas á balsa de Vieiro para “o seu posterior tratamento”, logo non se concreta o tal tratamento que corrixa a hiperacidez desas augas nin a súa carga en metais pesados.

En definitiva, a veciñanza demanda un proxecto no que aporte unha solución definitiva para recuperar a calidade das augas e dos solos en toda a área da contorna mineira.

http://parte.gal/2019/02/20/presentan-alegacions-o-proxecto-de-drenaxe-temporal-da-mina-de-touro/