• Número 423
  • 25 de febreiro de 2019

Sanidade Pública

As políticas da Xunta fixeron estoupar a burbulla da sanidade pública

As políticas da Xunta fixeron estoupar a burbulla da sanidade pública
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS

As fotos e imaxes de pacientes nos corredores de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) mostraron o punto de saturación da sanidade pública nalgúns hospitais. A morte de dúas persoas dentro da área de urxencias do mesmo hospital encendeu os ánimos aínda máis. Os profesionais de enfermería din estar sobrepasados e ademais, estar sendo chamados para realizaren substitucións en áreas onde non están especializados. O sector das ambulancias está en folga e con servizos mínimos do cento por cento.

Así as cousas, o sector médico tamén acusa á actual dirección da sanidade pública galega de estar inmersa en actitudes “corruptas”, sobre todo no que atinxe ao nomeamento de persoal directivo para as chamadas EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada) de cada área sanitaria. As acusacións de nepotismo, tribunais de avaliación que non cumpren coas demandas legais e a falta de profesionais que cubran as prazas que van quedando baleiras, forman parte da descrición do panorama sanitario galego.

URXENCIAS

Os maiores picos de persoas nos corredores de Urxencias danse os luns e os días despois de festivo. A fin de semana e o festivo a xente non vai ao médico de cabeceira” din desde Prosagap (Sindicato dos Profesionais da Sanidade Pública Galega). “Entre as dúas da tarde e as sete é cando o número de persoas é máis elevado” din as mesmas fontes. O día que falamos co sindicato é luns, son as sete da tarde e non hai grande movemento na área de Urxencias do CHUS. Diante da porta vense as ambulancias grafiteadas con “Folga” ou “En Folga”.

Que pasou coas mortes en Urxencias no CHUS? No primeiro caso “unha das persoas foi clasificada para pasar á zona de dentro, estivo tres horas esperando no corredor. Mentres esperaba para entrar nun “box” da zona de urxencias, esta persoa púxose mal. Comezaron a facer as manobras necesarias necesarias pero tendo en conta a idade moi avanzada e o estado de saúde non se puido facer nada”. Esa persoa pasou as últimas horas da súa vida en Urxencias.


Sala de espera de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

O segundo caso foi unha muller que non demorou moito tempo  a espera no corredor. Pasara a triaxe, a consulta que clasifica aos pacientes por tempos de atención ou criterios de urxencias. Segundo a necesidade avalíase o tempo que pode esperar, pode ir desde o ingreso inmediato a estimar unha espera que pode ser unha hora ou máis. Os primeiros terían un estado de deterioro moi pronunciado e esperan na zona de atención para urxencias e os segundos teñen doenzas cunha urxencia menos pronunciada. “A zona de espera para as persoas máis deterioradas neste hospital é o corredor, non hai unha sala de espera, a espera é incómoda sempre para quen se sente incómodo pola dor”.

A espera nos corredores é unha cuestión de loxística. A falta de áreas específicas para agardar o ingreso en Urxencias forma parte do problema, non é o problema en si. Os diferentes parámetros que concorren para a saturación e a espera nos corredores dun hospital son a falta de salas de espera, picos de asistencia a Urxencias por parte de persoas que non acoden ao médico de cabeceira, falta dun número suficiente de persoal sanitario incluíndo facultativos, falta de material suficiente para a atención aos doentes e tamén o estrés que viven as persoas que esperan nos corredores pola dilación na atención facultativa. “En Urxencias a maoiría dos médicos son especialistas de familia, poden estar doutras especialidades, pero o ideal sería unha especialidade en Urxencias” din desde Prosagap. Ademais, non se renovou persoal en planta, 3.000 prazas son as que se estiman que se perderon, e isto é urxente resolvelo para evitar máis saturacións.

“As actitudes, as descualificacións que fai e as manifestacións que fai” o conselleiro de Sanidade “denotan prepotencia, pero non só del senón de todos os directivos e cando escoitamos as declaracións e argumentos que dan, vemos que son m oi febles”. Non obstante, os profesionais da sanidade temen que quen non teña coñecemento do que sucede dentro “acaben convencidos cos argumentos” da dirección do SERGAS ou da Consellería de Sanidade. “Un exemplo é dicir que non hai médicos e quen non está dentro dará a razón a quen dixo iso”. Mais para Progasap a cousa está clara “se non hai médicos a culpa é deles” da dirección do SERGAS e da Consellería.

PERSOAL SANITARIO

“Estamos mal, defendo e defenderei a sanidade pública, pero os salarios do persoal non médico poden ser mellores” din desde Prosagap. Ademais dos salarios tamén denuncian os “xogos” en canto horarios co persoal eventual. “Os xestores do SERGAS se fosen xestores de empresas privadas estarían no cárcere” din fontes sindicais. “Os eventuais non teñen os mesmos dereitos que o persoal fixo en canto por exemplo, permisos e maneira de contratación. Segundo as fontes consultadas, pode haber profesionais eventuais que teñan empatado en dez anos 500 contratos eventuais.

Existe unha lista de selección temporal onde se inscriben de maneira voluntaria para facer traballos eventuais. Dentro desta lista hai dúas vías, “unha é marcar a túa dispoñibilidade continua, que te podan chamar a calquera hora, iso é voluntario” coa salvedade de non poder traballar máis de 12 horas por mes e pode dar puntos. A segunda vía é estar nunha lista de persoal que cubrirá baixas, vacacións ou outras continxencias. “Sen ter ningún tipo de relación laboral co SERGAS xa poñen condicións, se rexeitas un contrato sen xustificar, penalízante e vas para o final da lista. A dispoñibilidade que teñen non se paga. “Con este sistema teñen un exército de persoas á súa disposición”.

As substitucións agora fanse por cúmulo de tarefas “por exemplo cando non hai abondo persoal para atender o pico de gripe” envíase persoa eventual. A cuestión é que hai persoal eventual formado para unhas tarefas específicas que logo son enviados a outras áreas onde non traballaron e precisan de asistencia dos máis veteranos. “Podes formar ou asistir unha, dúas ou tres veces, pero a xente cansa e se estás formando a persoas todos os días, explicando o mesmo  non é unha asistencia de calidade”.

Tamén se falou no seu momento de “estamos en crise” e por iso os recortes foron mostrados como necesarios. “Durante un tempo está ben, mais son anos e anos acumulando tensión e isto estoupou”. Os investimentos realizados, segundo apuntan fontes sanitarias, fanse moitas veces de cara a colaborar con institucións e fundacións moitas delas privadas. Á parte estaría o orzamento que se destina para centros concertados. “A sanidade concertada pasa a factura á Consellería, esa factura inclúe desde o ingreso ata a alta, e se é unha operación de cirurxía que precisa de curas, esas curas fainas persoal do SERGAS pero a concertada cóbraas como se as fixen nos seus centros”.

AMBULANCIAS

O caso das ambulancias é o último en sumarse á lista de paros e folgas dentro do sector da sanidade. O luns 18 de febreiro comezaba a folga do sector que, de igual maneira ca outros, deben cumprir uns servizos mínimos do 100% para o 061 e programados, como oncoloxía. O día 19 de febreiro o Consello de Relacións Laborais tentou a mediación entre as partes, empresarios e traballadores, sen que houbese acordo. A patronal propuxo unha rebaixa do 10% en salarios.Hai tres anos xa existía esa proposta, hai un mes tiñamos xa case o acordo pero volveron á proposta inicial do menos 10% di Inácio Pavón da CIG. O mércores día 20 o sector das ambulancias convocou unha manifestación para mostrar o desacordo diante da actitude da patronal do sector.

A rebaixa do 10% ten a súa raíz nas maneiras de contratación do servizo. “Isto case era un sector de economía somerxida, aínda que podes ver ambulancias e xente con uniforme” di Pavón. “Non se contrataba persoal necesario e non se pagaba o que marcaba o convenio, por tanto podían permitirse un convenio como o que había porque non o cumprían”. Foi coa última contrata de servizos cando “estoupa toda a burbulla e pasan a cumprir o convenio, pero é que os prezos” que cobraban as empresas “eran baixos, na rede de Santiago aínda era un 7% por debaixo”. A aplicación do convenio deixou sen fondos ás concesionarias “a Xunta de Galicia díxolles que eles sabían o que asinaban e que agora é cuestión das empresas”.

“A Xunta coñece canto custa o mantemento de ambulancias e equipos, bases e limpeza”. Pavón sinala unha ambulancia e di “esa ten os freos mal desde mes e medio que avisou, hainas con goteiras por dentro e cando comunicaron isto a resposta foi que iso non pasa todos os días, só nos días que chove”. Achegándonos máis, podemos ver que varios vehículos medicalizados teñen as rodas case no límite, por desgaste, sería case imposible que pasasen unha ITV. Ademais, denuncian que os chanzos mecánicos para subir ás ambulancias en moitos casos non funcionan e outras xa non teñen. A solución “usar unha caixa para que a xente poda subir”. As reivindicacións continúan sobre todo no que toca ás bases das ambulancias. “Son pisos en estado lamentable, son os pisos máis baratos onde están arrombados todos os traballadores” di Pavón.

TRIBUNAIS IRREGULARES

A denuncia do sector médico sobre irregularidades en tribunais de avaliación xa chegara a Galicia  Confidencial hai tempo. Non obstante, no caso concreto do Xefe de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), repetiuse o proceso administrativo para nomear a persoa que reuniría as cualificacións para ser o responsable de psiquiatría no hospital pontevedrés.

Logo de que os tribunais obrigasen a repetir este proceso, o pasado día 19 de febreiro reuníuse o tribunal avaliador. Dúas eran as persoas convocadas para as probas. Unha era Víctor Pedreira, antigo xefe de servizo de psiquiatría e que tivo que recorrer dúas veces dous tribunais avaliadores, e o doutor Isauro Gómez Tato. Este último era o adxudicatario da xefatura de psiquiatría no CHOP, mais os tribunais consideraron que o tribunal que o aprobara non respetaba os principios de igualdade, mérito e capacidade. O SERGAS tivo que cesalo e nomear un xefe provisorio. O día da avaliación de candidaturas o único que se presentou foi o doutor Pedreira, quen nestes momentos espera a cualificación definitiva do seu traballo e currículo.

A cuestión é que desde os diversos sectores que compoñen a sanidade en Galicia existe unha postura de enfrontamento cara o SERGAS e o goberno galego. A falta de persoal e prazas que non son cubertas, xunto coa deficiencia material en centros sanitarios está provocando casos como os de saturación en Urxencias. A capacidade xestora da sanidade galega está cuestionada desde hai moito tempo. De momento, a folga de ambulancias continúa, é posible que se anuncien máis paros na sanidade. 

Técnico 061 sen roupa de traballo

Muller subindo a unha ambulancia usando unha caixa de plástico

https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/86547-politicas-xunta-fixeron-estoupar-burbulla-sanidade-publica?fbclid=IwAR0e8itpWvrap1KwKnoyaf6oySWvTjS7wNjR1eHKBia4l2BMLYowT5jrrbA