Persoal de Urxencias do Clínico de Santiago pide amparo á xustiza ante un novo "colapso"

Na décimo cuarta semana de folga, persoal médico
das Urxencias do Hospital Clínico de Santiago vén de pedir amparo ao
xulgado ante os continuos “colapsos” que denuncia no servizo, o último
este pasado luns. A delegada de prevención enviou a solicitude na pasada
tarde “co fin de evitar situacións catastróficas como as
acontecidas nas datas recentes nas que mesmo se produciu o falecemento
de pacientes tras deteriorarse nos corredores sen ter podido
ser diagnosticados axeitadamente polos médicos”.
Así, Fátima Nercellas --a mesma doutora que
trasladou á Fiscalía o caso das dúas mortes que agora se investiga--
requiriu ao xulgado de instrución de garda que “acorde de maneira
inmediata requirir ao Sergas para que tomen medidas inmediatas para que
os pacientes de Urxencias poidan ser atendidos debidamente e os médicos
poidan prestar servizos nas debidas condicións”. “Así, nun corredor, non
podemos prestar asistencia axeitadamente”, advirte a delegada de persoal
na petición á que tivo acceso Praza.gal, na que reclama "unha medida
cautelar urxente" e que “se tomen as medidas para que se cumpra a
normativa e, en particular, a de seguridade e hixiene no hospital”.
"O Sergas é coñecedor da situación que se denuncia
e, no entanto, non se adoptan as medidas necesarias", di o escrito
presentado nos xulgados. A xerencia do Clínico asegura que non recibiu
comunicación nin requirimento ningún xudicial.
A “masificación” e os continuos “colapsos” no
servizo de Urxencias do Clínico veñen sendo denunciados constantemente
tanto por persoal como por usuarios e pacientes desde hai meses. O
ateigamento do espazo no pasado mes de xaneiro levou a que a Fiscalía
abrise unha investigación pola morte de dous enfermos tras longo tempo
agardando nos corredores. Segundo Nercellas, o amoreamento de pacientes
nos corredores continúa.
“Este luns ao mediodía chegou
a haber 19 pacientes; sobre as catro da tarde eran 13 as persoas
clasificadas para entrar nos cubículos pola súa situación e que estaban
agardando nos corredores”, explica Nercellas, que enviou
--como no día no que trasladou á Fiscalía o caso das mortes-- un correo
advertindo á xerencia do Sergas e a dirección da área sanitaria do
problema e da necesidade de abrir espazos para a atención. Ante a falta
de resposta, decidiu pedir amparo á xustiza porque “non se pode explorar
unha persoa enclaustrada no corredor”. “Adoitan dicir que minto e iso
non é certo”, explica ante o rexeitamento de Sanidade ás súas
denuncias.
A petición de amparo chega cando a folga semella
achegarse ao seu final logo de catorce semanas. A asemblea de
traballadores celebrada este luns debateu a última proposta da xerencia
e a comisión de centro acordou presentar unha última contraoferta na que
se acepta a dotación de profesionais pero reclamando dous médicos máis
dos dous que propoñía a dirección. Tamén se solicitará un maior detalle
e concreción no que ten que ver coa apertura de diversas zonas en caso
de aumento da demanda asistencia, así como da dotación de medios e
persoal de enfermería, auxiliares e médicos nelas.
Será o mércores cando a xerencia e os traballadores
debatan esta última proposta para poñer fin á folga convocada pola
comisión do centro. Podería ser o final deste paro, aínda que polo
momento o que seguirá será o convocado para os médicos polo sindicato
O’Mega.
O cadro de persoal deste colectivo está formado por
40 profesionais e coa folga reivindicaron 47 para facer as quendas,
aínda que con posibilidade de rebaixar o número para chegar a un acordo.
Ademais, prevén que se contraten máis traballadores fixos xa que hai
oito máis non fixos que o Sergas contrata para cubrir ausencias.
Os médicos aceptarían agora catro profesionais máis
pero sempre que lles concreten a presenza real e o número de
interinidades para que os postos sexan estables, ademais de non
traspasar a “liña vermella”: “Teñen que protexer a saúde laboral”.
https://praza.gal/acontece/persoal-de-urxencias-do-clinico-de-santiago-pide-amparo-a-xustiza-ante-un-novo-colapso
Noticias relacionadas
Persoal de Urxencias do Clínico de Santiago acepta a nova proposta do Sergas e remata a folga