"Dicían que era un proxecto estratéxico, pero foi entrar no cárcere e todo foron problemas"

O Goberno local informou o pasado venres a
Proxecto Cárcere de que rescindirá o contrato que mantiña con esta
entidade para que se encargara da xestión da antiga prisión coruñesa
durante o periodo no que o Ministerio del Interior ceda o edificio ao
Concello. Tono Galán, un dos voceiros do colectivo,
explica nesta entrevista o desconcerto que teñen os seus membros sobre a
actitude municipal e os numerosos atrancos sufridos desde que comezaron
a xestionar o inmoble.
- Que lle parece que o Concello renunciara
á prórroga da cesión do cárcere días despois de anunciar que lle fora
concedida?
-A día de hoxe nós só temos comunicación telefónica
da tarde do venres pasado de que se ía rescindir o contrato que temos e
que se nos enviaría unha comunicación oficial. No caso do Proxecto
Cárcere habería que chamar ao relator que propuxeron para
Cataluña, porque aínda que fora un superdotado non entendería
absolutamente nada, ao igual que nós. Non sabemos absolutamente
nada do que pasa, sabemos que alí hai gardas as vintecatro horas pero
non moito máis.
- O Goberno local di que ten intención de
que o cárcere volva a abrirse e que teña actividade. Cren nesa
afirmación?
-Esa intención será por parte deles, porque nós o
que temos é a rescisión do contrato, aínda que por vía telefónica,
porque oficialmente non temos unha comunicación co Concello malia que
insistimos dende hai meses polo rexistro solicitando reunións e dábanos
igual se era con concelleiros, técnicos ou a asesoría xurídica, pero
queriamos saber o que faciamos mal para facelo ben ao
solicitar autorización para as actividades, pero nin esa oportunidade
tivemos.
- Ademais do mal estado do edificio, o
Concello di que renuncia á cesión pola prohibición da Xunta de que haxa
actividades.
-Limos esa comunicación de Patrimonio nunha
asamblea e non vimos ningún tipo de notificación que se refira a que non
se poden facer actividades socioculturais. Sería unha contradición
absoluta con todo o que se leva feito no cárcere dende que se abriu no
2010. A Xunta denegoulles a instalación dunha rampla para garantir a
accesibilidade universal, que fora unha petición nosa e á que non
fixeron ningún caso malia que advertimos que non abririamos sen ela. E
abrimos cunha rampla feita polo colectivo andaluz Recetas Urbanas con
coste cero para os coruñeses, de feito que o día da inauguración houbo
xente que puido entrar en cadeira de rodas sobre unas ramplas que son
móbiles e que son o que prohibiu Patrimonio.
- Pero o Concello di que nesa comunicación
tamén se prohíbe facer as actividades.
-Esa comunicación é interpretable como todos os
textos xudiciais e administrativos, pero entón, por que en agosto de
2018 antes de abrir o cárcere un técnico de Patrimonio e outro do
Concello foron ver o que se fixo e non puxeron ningunha pega? Sería
moi interesante, en beneficio da imaxe da cidade, que todas as
administración chegaran a un acordo sobre este edificio.
- Cre que ten relación a decisión do
Concello coa chamada a declarar no xulgado á concelleira Claudia Delso?
-Non o sabemos porque nin sabemos porque hai esa
chamada a declarar a unha concelleira como investigada. Sabemos o que
fixemos nós, que é un traballo impresionante e anónimo para mellorar un
lugar que merece ser mellorado. O infantilismo actual do que se
chama política escapásenos, nós temos bastante máis madurez.
- Pode ter relación o peche do cárcere coa
proximidade das eleccións municipais?
-Pode ser, pero cremos que non o pensaron moito,
porque pechar un sitio que estivo abandonado e que unha xente
estivo limpando e coidando non é moi electoral. E ademais houbo
xente facendo cousas, e non só de Proxecto Cárcere, que só fixo dúas
actividades durante estes meses o resto foron de xente que necesitaba un
lugar para facelas.
- No comunicado que difundiron o domingo
destacan as trabas burocráticas que sufriron, mesmo o cobro de 100 euros
en taxas por informar das actividades que querían facer.
-Foi incrible. Nas primeiras conversas que tivemos
co Concello tras gañar o concurso, Proxecto Cárcere era estratéxico para
a cidade e todo eran marabillas, pero foi poñer o pé no
cárcere o 8 de xuño para levar mobles e todo foron problemas.
Dicíannos unha cousa nunha reunión, facíamola e despois viña denegada a
autorización. Se nos querían volver tolos, conseguírono de lonxe.
- Atribúe ese problema aos funcionarios ou
aos políticos?
-Nós somos pioneiros, porque Proxecto Cárcere
tentaba establecer unas novas normas mínimas de convivencia e de
actuación, pero despois de sete meses de andaina, vese que o Concello
non estaba preparado para esta fórmula nova nin fixo absolutamente nada
por arreglalo. Sabemos que a burocracia inunda todo o que facemos, pero
o que sabemos é que o Concello non puxo nin a metade de folgos que nós
para levar o proceso adiante. Hai xente que está afectada, e non o digo
metaforicamente, pola cantidade de voltas que tivo que dar para poder
entregar un papel, e aínda por riba pagando.
- Como interpreta que haxa gardas de
seguridade agora no cárcere?
-Para nós iso foi un anteproxecto da nosa saída do
cárcere. Foi unha falta absoluta de confianza en Proxecto Cárcere e un
feito detestable porque se nos comunicou a tarde anterior. Preguntamos
por que e dixeron que por se entraban no edificio, cando xa alertamos
nós o ano pasado de que aínda entraban rapaces e se nos dixo que estaban
tomadas todas as medidas de seguridade para que non o fixeran. Cada vez
que entrabamos pedíannos a identificación, o que parecía un estado de
sitio, e loxicamente os folgos foron a menos.
- Por que o PSOE non quixo reunirse con
vostedes?
-É unha boa pregunta que non ten resposta. Fixemos
a solicitude para reunirnos en repetidas ocasións e comprendemos que
durante as súas primarias non se fixera porque non tiñan un candidato,
pero logo seguimos igual, polo que non sabemos que opina o PSOE da
Coruña sobre nós. Recibimos no cárcere a Marea Atlántica, BNG, Anova e
Esquerda Unida, pero o PP dixo que non quería facelo aquí porque non era
un sitio seguro.
- No seu comunicado din que durante a
conversa que mantiveron a portavoz do PP, Rosa Gallego, díxolles: "Si
entráis, ¿cómo se os echa?". Realmente foi así?
-É textual. Fomos presentarlle unha proposta sobre
o cárcere antes de que houbera o concurso e foi a primeira pregunta que
nos fixeron, polo que a nosa proposta non lle interesa nada a un partido
que se chama liberal e actúa agora como intervencionista, porque fala de
que non se lle pode deixar á xente un lugar tan emblemático, pero
quizais o que queren e deixarllo a unha empresa amiga que gañe cartos.
https://www.laopinioncoruna.es/coruna/2019/02/12/dician-proxecto-estratexico-foi-entrar/1374424.html?fbclid=IwAR21q3xPtst4Y-IcvB4P26C58aOy_1PlUrABS9LDwauA1K07fF-pZNp27CM#