A mordaza nos estadios deportivos

Hai poucos días, no estadio da Cerámica de Vila
Real, produciuse unha das máis ridículas actuacións da censura encadrada
na lei contra a violencia no deporte. A policía española requisou unha
bandeira do Athletic de Bilbao pola súa aparencia “case anarquista”. A
mesma mantiña as cores habituais do club de fútbol e engadía a letra A
(Athletic) dentro da letra C (Club), o cal podía incitar a violencia,
segundo a ilustre opinión dos axentes.
Esta situación que pode parecer cómica reflicte de
xeito palpábel que existen ordes claras de retirar calquera simboloxía
incómoda para o sistema. Bandeiras que per se non o son (non
confundir legalidade con oficialidade), convértense en ilegais cando se
trata de entrar con elas nun estadio deportivo ou mesmo cando se camiña
con ela arredor do mesmo.
A lei do deporte é utilizada dun xeito
manifestamente revirado co fin de castrar a liberdade de expresión. Na
realidade, o artigo 6 indica: “Queda prohibido (…) Introducir, exhibir
ou elaborar faixas, bandeiras, símbolos ou outros sinais con mensaxes
que incitaren á violencia ou en virtude das cales unha persoa ou grupo
delas for ameazada, insultada o vexada por razón da súa orixe racial ou
étnica, a súa relixión ou conviccións, a súa discapacidade, idade, sexo
ou orientación sexual”. Esta lei do 2007 non evitou que durante moitos
anos os seareiros de clubs coma o Real Madrid, o Atlético de Madrid ou o
Betis, nomeadamente, exhibisen con total impunidade bandeiras
franquistas. No 2013 o Valedor do Pobo realizou un relatorio no que
indicaba que a lei contra a violencia no deporte “foi pensada para
prohibir símbolos ilegais” e non estreleiras, mais parece que ese
relatorio non foi moi tido en conta no Ministerio do Interior.
Durante moito tempo, e dentro de circunstancias
políticas distintas, os ataques dábanse case exclusivamente nos campos
de Euskadi. Non hai que dicir que a globalización deste fenómeno censor
chegou como resposta ao avance independentista do pobo catalán. Ben é
certo que desta vez tamén están aproveitando para atacar seareiros do
noso país. Comezaron confiscando estreleiras en campos de Valladolid e
Madrid, despois en Madrid foron por bandeiras dos pobos celtas e agora a
censura segue polo propio país: pavillóns do Sar e de San Lázaro
(Compostela), estadio do Couto (Ourense) e estadio de Pasarón
(Pontevedra). Neste último a escusa foi que a estreleira “provocaba
axitación” nos seareiros do equipo visitante, que curiosamente era o
Racing de Ferrol, e o asunto acabou custando ao que levaba a bandeira
unha multa de 500 euros.
Tampouco faltan exemplos ridículos. Como o que se
deu nun campo madrileño, onde foi expulsada unha persoa acusada de
“exaltación do terrorismo por levar unha bufanda co perigoso logo da
revista Nós. Ou do policía de Alcorcón, candidato ao récord da
estupidez, que retivo na entrada do estadio un seguidor deportivista por
sospeitar do significado da palabra escrita na bufanda: “Voltaremos”.
Ante o perigo, o dilixente uniformado pediu información por radio.
“¿Pero de verdad me estás preguntando eso?”, sobresaltouse o consultado.
Máis serio foi o caso acontecido en 2013 no
Pavillón do Sar. Axentes da policía expulsaron do recinto (empurrándoo
escaleiras abaixo) un mozo que desenvolveu con outras compañeiras unha
bandeira nacional e unha faixa coa mensaxe “Que volten para casa”. Un
mes despois, e desta vez sen levar bandeira ningunha, o mozo volveu ser
expulsado polos axentes de servizo no pavillón. Debido á violencia da
actuación policial, o mozo tivo de recibir asistencia médica, como
documenta o parte emitido polos servizos de urxencias.
Que dicir do caso catalán. Dende, como no caso
galego, prohibir esteladas (mesmo estaba xa previsto prohibilas
en Miami caso de terse xogado alí o Girona-Barcelona), até o esperpento
de impedir a entrada na final da copa do rei de persoas con bufandas ou
camisolas amarelas. Aínda tiveron sorte de que a Unión Deportiva Las
Palmas non xogase aquela final. Tal é o ridículo que están a facer as
administración estatais, que se chegou a impedir a entrada con roupa
amarela a seguidores do Boca no derbi xogado co River en Madrid.
Acontece que o uniforme do Boca ten unha franxa amarela.
Mais a castración da liberdade no provén só da
“autoridade”. Os medios de comunicación que transmiten estes eventos,
colaboran activamente na censura activa. Hai que lembrar a baixada do
son de ambiente durante a protesta contra o himno español nas finais de
copa entre o Barcelona e o Athletic, ou no minuto 17 dos partidos do
Barcelona, cando os espectadores entoan a coro “Independencia”. Que
dicir das filigranas que fan para evitar que sexan vistas faixas con
lemas incómodos, como a que esta fin de semana exhibían algunhas persoas
en apoio aos presos políticos e os medios evitaron enfocar.
En palabras do recoñecido falanxista e presidente
da LFP, as retransmisións non deben incluír imaxes que non pertenzan ao
espectáculo deportivo. Entendemos entón que dentro do espectáculo
deportivo están as seguidoras máis fermosas que en cada partido son
enfocadas “por acaso” en múltiplas ocasións. Tamén entendemos como parte
do espectáculo deportivo (que non político) a chegada do monarca ao
palco, evitando evidentemente enfocar ás persoas que o reciben con pouco
cariño e buscando aquelas que aplauden afervoadamente.
Como vemos, a lei contra a violencia no deporte, ao
igual que outras como a que regula o delito de odio, aparentemente
formulada para protexer os dereitos das minorías, é finalmente utilizada
para atacar a liberdade de expresión.
https://adiante.gal/a-mordaza-nos-estadios-deportivos/