21F: concentracións nas cidades galegas contra o “xuízo-farsa” ao independentismo catalán

A vindeira quinta feira, 21 de febreiro,
as sete principais cidades de Galiza acollerán
concentracións de denuncia do “xuízo-farsa” ao independentismo catalán e
de solidariedade para coas persoas encausadas neste proceso.
Convocadas pola Plataforma Galiza con
Catalunya, as concentracións terán lugar ás 20:00 horas en
Compostela (Praza do Toural), A Coruña
(Subdelegación do Goberno); Ferrol (Prza Amada garcía),
Lugo (Subdelegación do Goberno), Ourense
(Subdelegación do Goberno), Pontevedra (Pza Peregrina)
e Vigo (Farola de Urzáiz). O lema das mobilizacións: “Autodeterminación
non é delito”.
A plataforma Galiza con Catalunya, da que fan parte
diversas organizacións sociais, políticas, sindicais e culturais de
Galiza, acordou a principios de febreiro a súa reactivación para facer
seguimento do xuízo contra líderes políticos e sociais cataláns polo
referendo de autodeterminación celebrado o dia 1 de outubro de 2017.
A plataforma entende que este xuízo é un acto
“político e non imparcial que pode acabar impondo condenas de até 25
anos de prisión a persoas elixidas democraticamente polo simple feito de
teren facilitado unha votación aberta, transparente e xusta sobre un
tema que non interesa ao Estado español”.
As organizacións membros da Plataforma lembran que
o dereito de autodeterminación está recollido como tal nos Pactos
Internacionais de Dereitos Humanos (en particular no PIDCP, ratificado
polo Estado español en 27 de xullo de 1977) así como en numerosas
resolucións da Asemblea Xeral das Nacións Unidas e que é un dos
principios fundamentais do dereito internacional público.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/21f-concentracions-nas-cidades-galegas-xuizo-farsa-ao-independentismo-catalan/20190215093545076108.html