Dentro das protestas de persoal da CRTVG: "Construímos unha Galicia inexistente ao servizo do poder"

Desde hai case nove meses, profesionais dos medios
públicos galegos mobilízanse contra a “manipulación” e o
“desmantelamento” e para esixir o cumprimento da lei de Medios e a
creación do ansiado Consello de Informativos. Fano a través do colectivo
Defende A Galega, que agrupa a maioría do persoal da CRTVG e impulsa a
protesta que cobre de loito a redacción de San Marcos e as delegacións
territoriais cada venres negro desde finais de maio. Van xa polo 39º.
Desde que comezaran, o colectivo denuncia
“represalias” contra aqueles xornalistas que se implican nas protestas,
ben sexa nas de cada venres, na
manifestación que percorreu as rúas de Santiago o pasado setembro ou
mesmo na
folga e paros convocados polo comité de empresa. As últimas,
denuncian,
contra Marga Pazos, que foi relegada a un posto de locutora tras gañar
unha sentenza contra a TVG, declarar no xuízo que condenou a
Corporación por
vulnerar o dereito á folga no 8-M e dar a cara -con lectura de
manifesto incluído- nas mobilizacións dos seus compañeiros. Antes, foron
Carlos Jiménez, Ana Pérez ou Beatriz Moyano e Alfonso Hermida, estes
dous últimos protagonistas por
dimitir como presentadores do Telexornal Serán polo control informativo
que dixeron sufrir.
É tal o conflito nos medios públicos galegos?
Existe a forte manipulación que denuncian profesionais? Hai solución?
Defende A Galega responde, aínda que como colectivo e non a través dun
portavoz único.
“Nin temos nin agardamos ter interlocución ningunha
por parte da dirección da CRTVG”, di Defende A Galega cando se lle
pregunta sobre a resposta da empresa ás 39 semanas de mobilizacións. O
que si teñen, din, son “respostas”: “En forma de sancións, expedientes e
represalias contra aqueles que decidiron dar a cara e plantarse contra a
manipulación que exercen os responsables dos medios públicos”.
O último caso, denuncian, no Telexornal Serán
da fin de semana pasada, cando se deu "prioridade" e dedicou moito máis
tempo á concentración da dereita e da ultradereita en Madrid, con cortes
da lectura do manifesto e de varios líderes políticos, que á
manifestación pola sanidade pública en Santiago, sen referencia ao
manifesto nin declaracións dos líderes da oposición.
É peor agora a manipulación? “A
manipulación informativa é un mal endémico da CRTVG. Todos os
dirixentes políticos tentaron, dun xeito ou doutro, empregar os medios
públicos no seu propio beneficio ao longo da historia, conseguindo con
esta mala praxe degradar a nosa imaxe pública. Pero dende hai uns meses
esa manipulación é quizais máis evidente”, responde Defende A Galega,
que é claro: “As únicas protestas que teñen cabida nos informativos da
Radio Galega e da TVG son aquelas que serven para atacar o Goberno
central ou aqueles gobernos municipais que non están en mans do PP”.
Pero o director xeral da Corporación, Alfonso
Sánchez Izquierdo, negou xa moitas veces calquera tipo de manipulación.
Hai pouco
na última comisión de control parlamentaria, onde dixo que "demostrar a
cobertura correcta da CRTVG non é complicado", ademais de asegurar
que usar a palabra "represión" era “moi de panfleto sindical” e acusar a
oposición de fixarse só nos expedientes "con máis repercusión
mediática".

Defende A Galega, integrado por traballadores, moitos con anos de
experiencia, asegura que “todos os conflitos cuxa
resolución depende directamente da Xunta son relegados ou mesmo obviados
nos espazos informativos”. “Hai colectivos que se senten
silenciados, maltratados polos medios públicos”, recoñecen, ademais de
sinalar a consecuencia da supresión das desconexións locais, tamén moi
criticada. “Fai que cada día cubramos menos roldas de prensa e, ás
veces, cubrímolas para despois non informar delas”, din para aclarar que
están “fartas de colocar o micro a sabendas de que a declaración non se
vai ver nin escoitar”.
Por todo isto e moito máis din levar tanto tempo
protestando, malia non ter recibido aínda resposta da dirección. “Xogan
a ignorarnos pero non o conseguen”, din, conscientes de que molestan.
“Algún dirixente político foi incapaz de disimulalo diante de todos e
todas”, engaden, tras advertir de que non van calar. “En cada ataque, en
cada sanción, en cada intento de ensuciar a imaxe pública dos nosos
compañeiros e compañeiras, vannos a atopar. E non calaremos cada vez que
os nosos dirixentes políticos teñan a tentación de transformar a Radio
Galega e a TVG no seu gabinete de prensa particular”, aseguran.
Ademais, tamén avisan de que a intensidade das
protestas “será directamente proporcional á utilización política que
fagan dos medios públicos e á política represiva que exerza a
dirección”. E lanzan unha mensaxe: “Gustaríanos que a cidadanía nos
acompañase. Non o facemos por nós, facémolo por todos vós”.
https://praza.gal/politica/dentro-das-protestas-de-persoal-da-crtvg-construimos-unha-galicia-inexistente-ao-servizo-do-poder?fbclid=IwAR3HPL_Xm8YbYwoXdJGYfknvf1egt6vwfRhZEL4pqkGIkY-_97ZuTHYBkO0