• Número 422
  • 18 de febreiro de 2019

CUT - CRTVG

CUT e UXT piden o cese da directora de recursos humanos da CRTVG

ACUT e UXT piden o cese da directora de recursos humanos da CRTVG
Se non a cesan, que faga efectiva a súa ameaza e marche das mesas de "negociación"

CUT e UXT piden o cese da directora de recursos humanos da CRTVG

Os sindicatos piden un cambio de interlocución ao considerar que Susana Fernández Veiguela non ten a capacidade nin o talante precisos para resolver a conflitividade laboral que padece o persoal dos medios públicos

As seccións Sindicais da CUT e e UXT na CRTVG veñen de solicitarlle por escrito ao Director Xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, o cese de Susana Fernández Veiguela, actual responsable da dirección de recursos humanos. Os dous sindicatos con representación nos medios públicos consideran que Veiguela xa non resulta válida como interlocutora. despois de que a responsable da empresa procedese a mandarlles a estas organizacións un recado verbal (a través do presidente en funcións do comité de empresa de San Marcos) de que “ou cambian de actitude e comportamento nas xuntanzas” ou a directora erguerase e marchará das mesmas.

Para a CUT e a UXT o que lle molesta a Veiguela. ademais do ton bronco que impregna as xuntanzas empresa-sindicatos desde a súa chegada á dirección, xa que nada se resolve, é precisamente non ter a estes sindicatos baixo control. A directora de recursos humanos chegou a dicir publicamente nunha xuntanza con traballadores que "tiña dous sindicatos de man”, dúas organizacións entre as que, desde logo, non se atopan nin a CUT nin a UXT, que hai tempo que padecen o ninguneo premeditado e a falta de resposta a calquera pregunta que formulan por parte da directora de recursos humanos. Segundo a CUT e a UXT, unha responsable que fai estas declaracións publicamente non pode seguir un minuto máis no posto.

CUT e UXT culpan a Veiguela de falta de capacidade, interese e talante para liderar e tratar de reconducir as relacións laborais na CRTVG, que, en opinión destes sindicatos, nunca na historia desta empresa pública estiveron tan visiblemente deterioradas como agora. Parálise na negociación da nova clasificación profesional, que está a avanzar pola vía dos feitos consumados; eliminación da xa raquítica produción propia sen sequera a preceptiva información aos comités; expedientes sancionadores arbitrarios e represión desatada, imposición unilateral dun número inédito de contratos en prácticas mentres se asfixia a contratación vía listaxes, etc. etc. Os dous sindicatos interpelan ao director xeral a reconducir esta tensión nomeando a un novo interlocutor capaz de afrontar esta crise De non producirse este necesario relevo. CUT e UXT animan á directora a, efectivamente, darlle a volta á súa ameaza e "marchar" pola súa propia vontade das mesas.

San Marcos, 12 de febreiro de 2019