Colapso (intencionado) na sanidade pública galega

Un multimillonario dono dunha farmacéutica doa
parte do seu patrimonio a un hospital tras perder ao seu pai, enfermo de
Alzheimer. Para o hospital, esta noticia incríbel permite mellorar as
instalacións, facéndoas máis eficientes e, o máis importante, sen dar
nada a cambio. Só un médico ve algo raro detrás dunha doazón tan
xenerosa e aparentemente altruísta. Como é posíbel que un empresario
multimillonario regale os seus cartos? Non se equivoca. Ao tempo, todas
as decisións teñen que pasar polo millonario, decidindo a quen curar
segundo os gastos que supoña, esixindo que se proben os medicamentos da
súa farmacéutica e despedindo a traballadoras –entre elas a este médico–
por non estar de acordo coa procura do máximo beneficio no canto de
velar polos enfermos.
O multimillonario Edward Vogler e o doutor Gregory
House son dúas personaxes da coñecida serie House M.D. Con todo, en
Galiza acontece algo non moi diferente que non ten nada de ficción.
Estamos a ser testemuñas dunha privatización lenta –mais implacábel– da
sanidade pública que podería rematar con décadas de loita a prol dunha
sanidade universal.
“Imos cara a unha sanidade ‘yankee’ na que a promoción da saúde non
importa”
Pablo Santiago
A historia da sanidade en Galiza
A sanidade pública no estado español non ten nin
medio século de existencia mais neste tempo chegou a ser unha das
mellores do mundo. En 1986, a Ley General de Sanidad e o Sistema
Nacional de Salud (SNS) modernizaron uns hospitais obsoletos, froito da
ditadura, e melloraron a atención coa creación dos centros de saúde e da
atención primaria.
En Galiza, coa chegada do PP á Xunta nos anos 90, a
sanidade universal e gratuíta comezou o seu declive, sendo atacada desde
o poder coa escusa de non ser sustentábel, con medidas de corte
privatizador. No blogue Pavillón de Repouso, Pablo Vaamonde, médico e
fundador da revista Cadernos de Atención Primaria, denuncia este ataque.
“Hai unha estratexia internacional para converter a sanidade nunha
parcela de negocio. Desde o FMI, o BCE ou o poderoso Club Bilderberg, os
poderes económicos teñen a mirada posta sobre o SNS e manobran para
facerse con el. No Estado hai plataformas (FAES, SEDISA, Club Gertech)
que repiten as falacias neoliberais (recollidas no Informe Abril en
1992): que a sanidade pública é insostíbel, que a xestión privada é máis
eficiente e que a financiación debe ser pública mais a provisión dos
servizos debe ser privada”.
Con todo, a sanidade pública é sostíbel e, para
moitas, o problema son os recortes e o mal uso do orzamento que se fai
desde moitos gobernos. O PP de Núñez Feijóo é dos que semellan crer nesa
falsa falta de solvencia, malia erixirse coma defensor do sistema
público e de culpar da situación a “críticos destrutivos da esquerda”.
Feijóo foi responsábel do Sergas nos 90, cando se leva a cabo un dos
primeiros intentos privatizadores —as fundacións— que remataron
‘rescatadas’ con diñeiro público. Desde a súa chegada á presidencia da
Xunta, Feijóo está a contribuír a un constante deterioro do sistema,
lexislando a favor dos intereses privados. Un exemplo é a nova Lei
Galega de Saúde, que supón para moitas un retroceso implacábel, mais non
o único. Son exemplos disto a paralización de hospitais públicos como o
de Vigo, transformado nun hospital semiprivado xestionado pola
multinacional Concessia; a paralización do Plan de Mellora de Atención
Primaria, que rematou tamén coa autonomía na xestión nesta
especialidade; ou a Instrución 1/2018, que deriva pacientes a hospitais
privados e castiga a quen se nega.
O 9 de xaneiro unha manifestación percorreu as rúas de Compostela na
defensa dunhas urxencias sanitarias dignas.
Pablo Santiago
Redución orzamentaria, recortes de persoal,
desaparición de áreas sanitarias —que acentúa o problema demográfico—,
colapsos en urxencias provocados polo deterioro da atención primaria...
Nin rastro dunha política sanitaria a favor dos pacientes, que sofren de
maiores listas de espera e dunha peor calidade na súa atención. Os PAC
de diferentes áreas sanitarias levan meses de protestas ante a falta de
persoal, causa da morte dunha persoa no PAC d’A Estrada en agosto.
En canto aos complexos hospitalarios, o Complexo
Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), baixo a xerencia de
Eloina Núñez –curmá de Feijóo– desde o ano pasado, é un exemplo do que
está a pasar na sanidade galega: tanto pola infiltración de empresas
como por verse afectado polas políticas do PP.
medtronic, con voz e voto no CHUS
Medtronic, empresa estadounidense de tecnoloxía,
servizos e solucións médicas, é unha das maiores empresas adicadas a
este ámbito. Segundo o libro A saúde como negocio, coordinado por
Vaamonde e coa participación do voceiro de SOS Sanidade Pública de
Galiza, Manuel Martín, Medtronic está “vinculada ao capital risco, á
industria farmacéutica e á industria da alimentación”. Ademais, o libro
recolle que forman parte do consello de administración de Medtronic o
xerente do grupo estadounidense Apollo –beneficiado por Feijoo coa
adxudicación de EVO Banco (Novagalicia)– e o Director Xeral de Trexton,
empresa mundial de aeronaves –incluíndo avións de guerra–. Por outra
banda, é socia da Sociedade Española de Cardioloxía.
Medtronic entrou con éxito en bolsa en 1985, mais
en 2008 tiña perdas millonarias. Segundo unha investigación do Consorcio
Internacional de Xornalistas (ICIJ), “tivo que pagar 6700 millóns de
dólares para resolver querelas xudiciais de 20.000 pacientes entre 2008
e 2017” xa que que os seus produtos “están relacionados coa morte de
9300 persoas e coas lesións de 292.000”. De feito, no Estado español,
unha bomba de insulina desta multinacional, a Minimed 640G, foi retirada
do mercado tras un aviso de mal funcionamento da Axencia Española de
Medicamentos e Produtos Sanitarios.
En 2014, os autores de A saúde como negocio
xa advertían que Medtronic levaba anos interesada en entrar na sanidade
do estado español, concretamente na área cardiovascular, por estratexia
empresarial. Malia o seu historial de erros e mala praxe entraron na
sanidade catalá no 2015, e no ano 2016 logrou un convenio co Sergas,
precisamente na área cardiovascular. Mais, a diferencia do caso catalán,
a Xunta ocultou as cláusulas do acordo.
Non é a gripe, son os recortes
Marcos Pérez Pena
Malia o seu historial de erros e mala praxe
entraron na sanidade catalá no 2015, e no ano 2016 logrou un convenio co
Sergas, precisamente na área cardiovascular. Solicitamos ver o acordo e
a Consellería de Sanidade rexeitouno alegando que había segredos
“vinculados á propiedade industrial”, denuncia Fernando Abraldes, da
Asociación de Pacientes do CHUS. “Fixemos un recurso ante a Valedora do
Pobo e deunos a razón. Medtronic contestou que non tiña ningún problema
e tiveron que darnos a información. A Xunta foi máis opaca que a propia
empresa”. Abraldes di que a Xunta non quería revelar o contido deses
convenios polo alcance que ten a intervención sobre a sanidade pública
por parte do sector privado e das multinacionais de instrumentos e
software sanitarios.
Finalmente, os traballadores do CHUS tiveron aceso
ao convenio, mais a información é pouco precisa. Para Fernando Abraldes,
o perigo está en darlle tanto poder a unha empresa privada dentro dun
hospital público. “Sorprende que a administración pública dea tal
capacidade de intervención a unha multinacional americana a través de
convenios que non requiren de concorrencia nin ningún requisito previo,
nin acreditación de competencias, nin solvencia económica ou
profesional... nada. Se os elementos que forman parte do convenio se
fixeran mediante un procedemento público no que se permitira
concorrencia, os problemas de Medtronic no pasado poderían ser motivos
de exclusión do procedemento de contratación”.
Ilustración: Miguel Peralta.
Por outra banda, o acordo de “colaboración”, sen
intercambio económico (0 euros), evidencia que a empresa obterá algún
outro tipo de beneficio co acordo. “No convenio Medtronic deixa claro
cal é o seu obxectivo para o futuro: que os produtos que ofrezan ao
mercado teñan un valor engadido ao estar avalados por hospitais
públicos. Non é o mesmo ter un instrumento de control remoto para
persoas con dificuldades cardíacas, testado nun hospital público que
diga que funciona perfectamente, a non telo. Con ese aval, gañas unha
posición predominante no mercado”, denuncia Abraldes. Prodúcese ademais
“unha dependencia tecnolóxica cara a esta empresa, que implica que cando
o hospital precise calquera compoñente, a quen ten que recorrer é a
Medtronic”. Abraldes recorda tamén que Medtronic está a utilizar o
patrimonio público, os medios técnicos do CHUS, o persoal do Sergas e
aos pacientes para testar os produtos con liberdade.
Ademais, Medtronic ten presenza física nas áreas de
cardioloxía destes hospitais e no dixestivo de Lugo, con asesores que
controlan o que pasa no hospital e o cumprimento do acordo. Para
Fernando Abraldes “este é o verdadeiro cabalo de Troia da sanidade; hai
outros xeitos de privatizar mais isto ten unha implicación de tal
calibre que quedamos moi alarmados. Incluso se prevé que os plans de
formación do persoal –sobre todo médicos residentes– corran a cargo de
Medtronic, e tamén a utilización dos seus elementos técnicos. É
incrible”.
A privatización desde abaixo
A perda de personal nos Puntos de Atención
Continuada (PAC) e
a falta de recursos na atención primaria por mor dos recortes
deterioraron a atención aos pacientes, chegando ás 60 consultas ao
día, segundo denunciaron varios profesionais. Ante unha atención
primaria masificada, moita xente acaba buscando resposta nas urxencias.
“Hai listas de espera de dez días. A xente busca a
atención onde lla poidan proporcionar no momento” afirma María Míguez,
da Asociación Galega de Médicos e médica do PAC de Santiago, para quen a
situación é insostíbel. “Se a atención primaria tivera os medios e o
persoal precisos, moitas urxencias e domicilios que cubrimos os PAC,
serían resoltos na atención ordinaria e reducirían a carga de
traballo”.
A manifestación foi encabezada polos xefes dos centros de saúde de Vigo
que demitiron a comezos de decembro.
Raúl Novoa González
As traballadoras dos PAC reivindican desde hai meses á Consellería once
melloras nas súas condicións. “É un chiste, concederon a menos
importante das reivindicacións que tiñamos”, di Marisé López, tamén
médica do PAC. “É unha burla cara o noso traballo. Nin sequera
convocaron ao comité de folga”. María Míguez engade: “din que os centros
están suficientemente dotados e que non o consideran importante, mais
tiñan que verse eles no momento dunha urxencia cunha persoa soa para
atendela. O outro día en Vigo, unha médica estaba soa e tivo que pedir
axuda ás persoas que estaban na sala de espera. Este sábado en Santiago,
por exemplo, entraron case 50 persoas nunha hora”.
Marisé e María coinciden en que a intención é
privatizar alegando que a sanidade pública non cumpre e que a privada é
mellor. “No noso PAC privatizaron o almacén e agora é un desastre. As
gasas, por exemplo, son dun material malísimo, ou as luvas, que se
gastan moitísimo e non fan a súa función. Moitas veces deciden eles o
que fai e non fai falta... Por exemplo co Urbason –que é un corticoide
básico en moitos tratamentos– atopámonos con que case non hai porque no
almacén din que non é necesario ou que gastamos moito”.
Peche de 24h para denunciar a situación nos PAC
Pablo Santiago ,
Elena Martín
Ao colapso nos PAC súmaselle a falta de persoal nas
urxencias dos hospitais, facendo que a situación sexa aínda peor. “Desde
2010 a 2019 en Urxencias houbo que ampliar espazos con padiolas, boxes
ou cubículos sen aumentar o persoal. Estamos reclamando persoal para
atender eses espazos”, di Camilo Agulleiro, da Comisión de Centro do
CHUS. “Non reclamamos unha subida retributiva, reclamamos máis persoal
para tratar aos pacientes con celeridade, para non saturar Urxencias”.
A manifestación foi convocada pola Comisión de Centro do CHUS.
Pablo Santiago
Ante a
situación desesperada nas Urxencias, a Xunta e o Sergas alegan que
non hai persoal suficiente para cubrir as baixas e as xubilacións,
dicindo ademais que a xente nova prefire marchar a quedarse en Galiza.
“Isto é mentira”, denuncia Agulleiro. “Cando se convoca unha OPE en
Galiza para prazas estábeis, preséntase moitísima xente e incluso vén
xente doutras comunidades. Agora os médicos cando rematan o MIR están
con contratos día a día cambiando de centro, polo que acaban por marchar
a outro sitio cunha maior estabilidade”.
Compostela mobilízase por unhas urxencias dignas
David M. Sobrino Platas
Fernando Abraldes cre que o problema é “querer
incrementar a produtividade co mesmo volume de persoal, que non é
posíbel. Ao final, os pacientes son as vítimas, vendo a súa saúde
deteriorada e permanecendo nos corredores e despois morrendo a última
hora nun cubículo porque non te atenderon antes”, en referencia ás dúas
persoas mortas nas Urxencias do CHUS en xaneiro.
A situación está chegando ao punto de cuestionar a
universalidade e gratuidade da sanidade pública. Con todo, e
parafraseando á Doctora Cuddy —da serie House M.D.—, a solución pasa
polas nosas mans. “Se facedes todo o que Vogler di porque tedes medo de
que marche cos seus cartos, entón el ten razón, é o voso dono. Pero
aínda podedes escoller. E probabelmente sexa a última vez que poderedes
facelo”.
https://www.elsaltodiario.com/sanidad-publica/colapso-sanidade-publica-medtronic