• Número 421
  • 11 de febreiro de 2019

Solidariedade internacionalista

A Coruña con Venezuela. Pola soberanía dos pobos

A Coruña con Venezuela. Pola soberanía dos pobos
O poder do capitalismo sen fronteiras e sen escrúpulos, non só actúa desde Washington

O pobo irmán da Venezuela está a sofrer un Golpe de Estado que ataca o goberno escollido nas urnas do Presidente Nicolás Maduro, que pretende destruír a Revolución Bolivariana e o seu proxecto de independencia e soberanía e que nós, desde a Galiza, rexeitamos frontalmente, firmemente, sen reticencias.

Un Golpe de Estado que parece protagonizado pola dereita opositora -oligárquica, apátrida e sometida aos intereses estranxeiros-, porque o 23 de xaneiro, aproveitando a data simbólica que conmemora a caída do ditador Marcos Pérez, un dos seus deputados, Juan Guaidó, se encaramou a un escenario preparado de antemán e se autoproclamou "presidente encargado" do país. Un Golpe de Estado cuxos lideres aseguran seguir a Constitución, pero que invoca artigos que en ningún caso son aplicábeis á situación que previamente eles mesmos crearon. Un Golpe de Estado que descoñece á mantenta que Venezuela xa ten un Presidente, electo democraticamente en 2013 e de novo en 2018, con máis de 6 millóns de votos, o 67% dos emitidos. Foron eleccións libres, como recoñeceron os centos de observadores internacionais, a pesar de que unha parte da oposición (precisamente a que agora se amotina) decidise non se presentar.

Nós sabemos, porén, que toda esta operación ridícula e ao mesmo tempo irresponsábel non está deseñada desa fracción opositora. Guaidó e o resto de actores da dereita venezolana representan un guión xa escrito no que son apenas os títeres dun poder que leva dúas décadas tentando destruír a Revolución Bolivariana por diferentes medios e que ten a súa sede en Washington e os seus ollos permanentemente postos nos recursos naturais venezuelanos.

Ese mesmo poder que desde hai anos mantén e agora intensifica o bloqueo sobre os activos de Venezuela no estranxeiro –millares de millóns de dólares cuxo secuestro pavimenta unha crise económica real que a oligarquía golpista venezuelana promete resolver recorrendo ás migallas humanitarias dos Estados Unidos, con un cinismo brutal. Ese mesmo poder que leva anos a exercer a guerra comercial, mediática e diplomática contra a Revolución, que tratou por todos os medios de desmontar o proceso de integración latino-americana impulsada por Hugo Chávez e Fidel Castro e que en 2015 acusou o goberno do Presidente Nicolás Maduro de representar unha ameaza para súa seguranza nacional "por non deixar de exercer a soberanía da Venezuela en todos os frentes e en todas as circunstancias. Por outras palabras: por non se deixar roubar e espoliar.

Mais ese poder, que é o poder do capitalismo sen fronteiras e sen escrúpulos, non só actúa desde Washington. Do outro lado do Atlántico Norte tamén varios países da Unión Europea esqueceron o dereito internacional e se creron en disposición de daren ultimatos a un país soberano. Entre eles, o Estado español: o mesmo estado que, cunha man, exixe eleccións "libres" (que só serán libres "se gañar a oligarquía ) mentres coa outra envía forzas policiais para impedir como sexa un referendo de autodeterminación en Catalunya e que mantén presos e presas políticas e obriga a dirixentes políticos ou artistas a fuxir ao exilio. Esta actitude neocolonial e prepotente non nos sorprende, porque o enfrentamos todos os dias ,pero non por iso deixamos de condenalo. Señor Josep Borrell, señor Pedro Sánchez, hai moitos anos que América Latina se soubo libertar do seu imperio en decadencia. Primeiro con Bolívar. San Martín, Sucre ou Marti; e despois cos procesos revolucionarios, aínda en marcha, que os conducen á Segunda Independencia. Deixen América Latina tranquila, Deixen Venezuela vivir en Paz e progresar no modelo de país que a súa poboación escolleu maioritariamente.

PAREN O GOLPE DE ESTADO NA VENEZUELA!

PAREN DE DAR ULTIMATOS RIDÍCULOS E DE RECOÑECER TÍTERES!

RESPEITEN A DEMOCRACIA E A SOBERANÍA DOS POBOS!

MANIFESTO LIDO NA CONCENTRACIÓN REALIZADA NA CORUÑA