• Número 421
  • 11 de febreiro de 2019

CUT - CRTVG

Máis represión na CRTVG

Máis represión na CRTVG
O Comité de empresa da CRTVG manifesta a súa indignación polo que considera outro caso de grave represalia o unha traballadora

O Comité de empresa da CRTVG manifesta a súa indignación polo que considera outro caso de grave represalia o unha traballadora, unha vez máis pola súa participación activa nos Venres Negros e a súa significación pública na defensa da independencia dos medios públicos de comunicación de Galicia e a defensa da lingua.

Nesta ocasión a represaliada é a compañeira Marga Pazos, unha  profesional de recoñecido prestixio e traxectoria á que a directora de Recursos Humanos (Susana Fernández Veiguela). por orde da Directora de Informativos (Concha Pombo), vén de apartar das tarefas propias de redactora que viña desenvolvendo dende hai anos para limitala ás funcións obsoletas de locutora de TV.

O comité considera que se trata dunha represalia que a dirección executa aproveitando a escusa dunha sentenza en primeira instancia que lle recoñece a Marga Pazos o dereito a percibir o complemento de nivel (de locutora a redactora). despois de quedar acreditado que en efecto leva anos desenvolvendo esas funcións.

É un feito que o resto dos locutores e locutoras da TVG desenvolven funcións de redacción e tamén que a propia empresa recoñeceu sempre na negociación da nova clasificación profesional que esta categoría tiña que integrarse na de redactor/a porque a realidade é que todos estes compañeiros e compañeiras hai anos que desenvolven de facto cada dia ese traballo.

Ademais de que Marga pasa a ser a única locutora á que se lle prohibe redactar, o comité considera especialmente represaliadora esta medida porque é a primeira vez que a empresa aplica unha sentenza de recoñecemento de nivel para limitar as funcións da persoa á que o xulgado lle acaba de dar a razón.

O comité conclúe tamén que a empresa levaba tempo procurando unha oportunidade para “castigar” o esta compañeira tras a folga de mulleres do 8 de marzo de 2018, que lle valeu á CRTVG unha. condena por vulneración deste dereito fundamental ao substituír a súa ausencia por un traballador non folguista.

O comité solidarízase de xeito unánime con Marga Pazos e agarda que a empresa recapacite e reconduza esta perversa e asfixiante política de represión que eleva aínda máis a indignación e o malestar do conxunto do cadro de persoal nun momento de crispación e fondo deterioro das relacións laborais.

San Marcos, 6 de febreiro de 2019