• Número 421
  • 11 de febreiro de 2019

Sanidade Pública

A asemblea de traballador@s dos PACs rexeitan a proposta presentada ao Comité de Folga o pasado martes polo SERGAS

A asemblea de traballador@s dos PACs rexeitan a proposta presentada ao Comité de Folga o pasado martes polo SERGAS
@s traballador@s lembran que só piden que se cumpra o Pacto de 2008 e as leis vixentes

@s traballador@s dos PACs da área de Coruña, tras reunirse en asemblea co resto de áreas de Galiza para valorar o Borrador da proposta presentado ao comité de folga o pasado martes queremos manifestar que:

1.    Parécenos unha proposta do todo Insuficiente, pois dos 11 puntos solicitados soamente trátanse 5 dos mesmos.

2.    Deses 5, en canto ao cómputo de xornada segue sen ser garantida a neutralidade en todos os permisos, só se parchean os de 3 a 5 días. Dixemos por activa e por pasiva que non queremos aplicativos que nos aproximen, senón a neutralidade en Igualdade de condicións ao resto dos traballadores, tal e como se acordou no Pacto do 2008 seguindo as directrices da legalidade vixente.

3.    Parécenos inconcibible, que en ningún deses puntos, nin se fale nin se establezan prazos para implementar equipos completos (medicina/enfermería), nin para revisión das necesidades de persoal de cada centro.

4.    Xa nos parece unha falta de respecto que non estea concedido o 20% dos nosos complementos de festividade e nocturnidade, que lle lembramos non é unha mellora salarial, senón un dereito adquirido pola penosidade do traballo e que nos foi conxelado desde o 2010.

5.    Sorpréndenos, que tras un ano sen intención de buscar solucións, de súpeto ao Sergas éntrelle a présa por pechar a nosa negociación nunha mesa sectorial, e non pechar un acordo co comité de folga onde están presentes os traballadores. Desde aquí lle encomiamos a que se volva a sentar connosco os traballadores, pois non estamos a reclamar nada que non nos corresponda por estar xa acordado, ou que sexa o seu deber como empleador levar a cabo conforme esíxelles a lei, como é o caso da prevención de riscos laborais.

Para finalizar, esperamos que á mesa sectorial do próximo mércores día 13 vaian cunha proposta con redacción clara e acorde aos nosos 11 puntos, así como instamos as organizacións sindicais, especialmente as presentes onte na asemblea (UXT, CEMS,OMEGA,CIG E CCOO), manteñan o seu compromiso de informar e acatar as decisións da asemblea antes de asinar calquera acordo.

Porque son os nosos dereitos seguimos e seguiremos en pé de Guerra!