• Número 421
  • 11 de febreiro de 2019

Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC)

“A precarización do persoal investigador na universidade é máis que preocupante”

“A precarización do persoal investigador na universidade é máis que preocupante”
A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) anuncia mobilizacións para demandar a fin da “discriminación” salarial e laboral que sofre parte deste colectivo universitario

Fran Prieto é un dos portavoces da Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), entidade que vén de anunciar accións de protesta para denunciar a "discriminación" que sofren na universidade compostelá un colectivo de entre 300 e 400 persoas do total das por volta de mil persoas contratadas a proxectos na USC. 

- Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela anunciades mobilizacións perante o que cualificades de “discriminación” e  “desprezo” pola USC (Universidade de Santiago de Compostela)

- Falamos de discriminación no sentido de que hai persoal na USC que tendo a mesma categoría profesional e requisitos de acceso e que fan as mesmas funcións que realizan outras persoas, están nunhas condicións laborais peores. A pesar de ser da mesma categoría e ter as mesmas funcións a unhas recoñécenlles uns dereitos e a outras non: a nivel salarial, a nivel de lles negar as subas salariais e tamén de indemnizalas por extinción de contrato

- Porqué se dá esta diferencia?

- A USC alega que estas persoas ao ser contratas fináncianse ou cofináncianse con fondos de convocatorias públicas, como poden ser do Ministerio ou da Xunta, e réxense só polas condicións que figuran nesas convocatorias. E alegan iso a pesar de que a propia normativa da universidade di que en todo o que non estea regulado aí actuará de forma complementaria ou supletoria a normativa interna da USC. A Universidade recorre a desculpas varias para non aplicar esa norma laboral. Iso xera discriminación e tamén está a provocar reclamacións por parte das persoas afectadas, que recorren á vía xudicial para que se lle recoñezan uns dereitos que a universidade lles nega. “Só pedimos que todas as persoas que teñen a mesma categoría profesional teñan garantidas as mesmas condicións laborais mínimas que xa recolle a normativa da USC”

- A través desa vía xudicial xa se conseguiron recoñecementos destas demandas?

- Hai moitas demandas, tamén do persoal contratado laboral que está a encadear contratos. Na propia web da USC teñen unha sección onde se poden ver todas as sentenzas e tamén se poden ver as cantidades e indemnizacións que ten que pagar a Universidade.

- Cantas persoas podedes estar afectadas na USC por esta situación que denunciades?

- Non é doado dar unha cifra exacta, son convocatorias que saen anualmente, entra algunha xente, outra vai acabando… O que si hai é estimacións e poden estar roldando as 300-400 persoas. En total, o colectivo de persoas contratada a proxectos, un colectivo moi temporal e precarizado como recoñecía o propio reitor e xerente cando accederon ao cargo, andaba perto das mil persoas. Agora mesmo é o colectivo laboral, sacando os funcionarios, máis amplo da USC, por riba do PDI laboral ou do PAS laboral.

- Xa tendes elaborado un calendario de mobilizacións?

- Nos vindeiros días convocaremos unha asemblea extraordinaria monográfica para que a xente poida propoñer, debater e decidir que accións  se deben desenvolver.

- No comunicado sodes como críticos coa equipa de goberno da USC, coa súa xestión e actitude a respecto da problemática que denunciades

- Estamos sorprendidos con esa actitude. Nós reunirámonos co actual reitor e xente do seu equipo durante a campaña electoral e amosáronse moi receptivos e empáticos. Parecían interesados. Mesmo no seu programa e intervencións en campaña chegaron a incorporar algunha das peticións que lle trasladáramos. Porén, en canto gañou cambiou completamente. Lembrámoslle os compromisos que adquirira con nós, mesmo no Claustro, onde hai claustrais que son membros nosos, e nada. Parece que agora non ten moito interese.

Mantivemos reunións co xerente e tamén conversas cos sindicatos. Os sindicatos propuxeron ao xerente facer unha xuntanza para falar desta problemática mais esa reunión non se dá convocado.

- É o que expoñedes un elo máis na cadea de precarización do persoal de investigación nas universidades galegas?

- A realidade é, en xeral, preocupante. Por información que temos, nas universidades de Vigo e A Coruña, o volume de persoas contratadas nesa situación tan temporal e tan precaria non é tan alarmante como na USC. Pero o certo é que a nivel xeral a situación é máis que preocupante. É significativo que agora en xaneiro, ao entrar en vigor a suba do SMI e actualización das bases de cotización á Seguridade Social, que sube o mínimo; provoque que o salario destas persoas fique por baixo do mínimo da base de cotización do Grupo 1. É dicir, non só non lle actualizan os salarios, como si se fai con outras persoas da súa categoría; non lles aplican as subas que si lle aplican aos demais colectivos, senón que van cobrar menos porque lle reteñen máis. Isto dá unha idea do nivel de precariedade.

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/precarizacion-do-persoal-investigador-universidade-mais-preocupante/20190206132315075792.html