• Número 421
  • 11 de febreiro de 2019

Laboral

DIA despedirá a 2.100 traballadores no Estado

DIA despedirá a 2.100 traballadores no Estado
Como é habitual, unha nefasta xestión que se pagará coa eliminación de postos de traballo e recortes nas condicións laborais, económicas e sociais d@s trabllador@s que continúen na empresa

A cadea española de supermercados DIA despedirá a «un máximo de 2.100» traballadores en España de DIA e a súa filial Twins Alimentación tras rexistrar unhas perdas de 352 millóns de euros o ano pasado e entrar en quebra técnica, xa que ten un patrimonio neto negativo de 166 millóns de euros, fronte aos 257,3 millóns positivos dun ano antes, segundo os resultados anuais presentados pola compañía.

O conselleiro delegado, Borja de la Cierva, recoñeceu que 2018 foi «un ano turbulento para DIA, probablemente o máis difícil desde a fundación da compañía hai máis de 40 anos». De la Cierva, que dirixe a empresa desde o 28 de decembro do ano pasado subliña que os resultados de 2018, son un «claro indicador» de que a xestión da empresa «non alcanzou as expectativas».

Nos próximos días, a compañía iniciará un proceso de consultas cos representantes dos traballadores para iniciar o proceso de despedimento colectivo co fin de «asegurar a sustentabilidade futura da compañía», sinala nun comunicado. Os máis de dous mil despedimentos anunciados representan o 8% do persoal directo en España, onde ten máis de 26.000 empregados, aínda que sumando Brasil, Arxentina e Portugal rolda os 43.000 empregos directos.

A compañía atópase inmersa nunha crise na que os resultados non fan máis que constatar o difícil momento que atravesa, agravado ademais pola pugna entre o conselleiro delegado e o máximo accionista, o magnate ruso Mijaíl Fridman (a través do fondo Letterone) que acaba de lanzar unha OPA. A pesar da situación de quebra técnica ou ‘causa de disolución’, a empresa pode seguir operando grazas ao apoio dos bancos acredores, que lle garantiron liquidez ata maio. Con todo, necesita unha ampliación de capital. O Consello de Administración propón unha ampliación de 600 millóns de euros, que tería que ser aprobada en Xunta de accionistas o próximo mes, mentres que Fridman -que aínda que controla o 29% do capital está ausente do Consello desde decembro- ofrece unha ampliación de 500 millóns de euros condicionada a que triunfe a súa OPA.

Perdas millonarias

A cadea pechou o exercicio 2018 con 352,6 millóns de euros de perdas consolidadas, en contraste cos 101 millóns de beneficio que obtivo o ano anterior, segundo o comunicado remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). As vendas caeron un 11,3% ata os 7.288 millóns de euros, rexistrando descensos en todos os países onde opera (España, Portugal, Brasil e Arxentina). O ebitda (resultado antes de impostos, amortizacións, intereses e depreciacións) baixou un 47,8% ata os 246 millóns de euros.

A compañía presentou un plan estratéxico 2018-2023 centrando a transformación da oferta comercial en «calidade, os prezos baixos e a proximidade». A empresa promete modernizar o estado das tendas e revisar o sistema de incentivos para os franquiciados. Entre os obxectivos financeiros para este período persegue mellorar o ebitda a partir de 2020, investimento contido en 2019 e recuperación a partir de 2020 e crecemento de díxito simple en vendas. A media mañá, a acción rexistraba un descenso do 0,28%.

Retribucións

As retribucións dos conselleiros o ano pasado ascenderon a 3,89 millóns de euros, case o dobre que un ano antes debido á indemnización abonada ao anterior conselleiro delegado Ricardo Currás, quen percibiu 2,55 millóns de euros fronte aos 898.000 euros de 2017. Currás recibiu 497.000 euros de soldo, 1,65 millóns de indemnización por cesamento e 404.000 euros en concepto de incumprimento do prazo de preaviso e polo pacto de non competencia. A retribución do actual conselleiro delegado foi de 125.000 euros. A compañía comunica á CNMV que a Comisión de Retribucións está a analizar, para a súa elevación ao Consello de Administración, a activación das cláusulas ‘ clawback’ (redución ou devolución) sobre as distintas retribucións abonadas aos conselleiros executivos cesados en 2018.

https://kaosenlared.net/dia-despedira-a-2-100-trabajadores-en-espana-tras-perder-3526-millones-y-entrar-en-quiebra-tecnica/

Como é habitual, unha nefasta xestión que se pagará coa eliminación de postos de traballo e recortes nas condicións laborais, económicas e sociais d@s trabllador@s que continúen na empresa