• Número 420
  • 04 de febreiro de 2019

Universidade

Acordo de gratificación por xubilación, falecemento, incapacidade e por coidado de fillos/as con diversidade funcional

Acordo de gratificación por xubilación, falecemento, incapacidade e por coidado de fillos/as con diversidade funcional
Asinamos este acordo co convencemento de que é absolutamente mellorable

Despois de que o xoves, 31 de xaneiro, o xerente publicase a Resolución do 30 de xaneiro de 2019 pola que se regula a xornada, o horario de traballo, as vacacións e a concesión de permisos e licenzas do PAS – xa vos informamos no PASquín 419 dos motivos polos que non asinamos a resolución- convocou para o luns, día 4, a unha representación de cada sindicato e agrupación electoral para proceder á sinatura do “Acordo entre o reitor da Universidade da Coruña e a Xunta de Persoal de PAS para o aboamento dunha gratificación por xubilación á idade legal, así como unha axuda familiar por falecemento e/ou incapacidade definitiva que supoña a ruptura da prestación de servizos coa Universidade da Coruña e dunha axuda por fillos/as do pas con diversidade funcional igual ou superior ao 33%”.

Esta acordo, que substitúe ao actualmente en vigor asinado no ano 2010, incrementa a cantidade máxima a percibir no caso de xubilación que pasa de 12.000€ a 18.000€.

O acordo ven a representar, respecto do Convenio Colectivo de PAS laboral o que percibiría unha persoa do grupo 3 (C1 na actualidade) con entre 30-35 anos de antigüidade.

Transcribe, tamén, o establecido no Convenio Colectivo no caso de falecemento ou incapacidade definitiva.

Na outra circunstancia que recolle - axuda por coidado de fillos/as con diversidade funcional igual ou superior ao 33%- o acordo homologa ao persoal funcionario co que xa recollía o Convenio Colectivo do PAS laboral asinado no ano 2009 (xa choveu) ao establecer unha redacción semellante ao establecido no artigo 58 do citado convenio que é:

“Todo/a traballador/a que teña baixo a súa dependencia directa e legal, e que viva ás súas expensas, cónxuxe ou persoa con que conviva maritalmente, fillos ou ascendentes de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais recoñecidos como tales polos órganos oficiais competentes na materia e sempre que os ingresos do diminuído non superaren o salario mínimo interprofesional en cómputo anual, percibirán unha axuda máxima de 150 € ao mes ata completar, se for o caso, o importe do salario mínimo interprofesional.”

Asinamos este acordo co convencemento de que é absolutamente mellorable.