• Número 420
  • 04 de febreiro de 2019

Universidade de Compostela

Escrito enviado a Xerencia sobre o control horario

Escrito enviado a Xerencia sobre o control horario
A aplicación do control horario na USC está a provocar queixas d@s traballador@s

O Comité Intercentros na súa reunión do día 21 de xaneiro, ante as numerosas solicitudes de información, queixas e incidencias que está recibindo, acordou trasladarlle á xerencia as seguintes consideracións con respecto á posta en marcha do período de proba do control horario:

o   A posta en marcha do período de proba foi precipitada. As numerosas incidencias e queixas que traslada o persoal, deixan claro que non se tiveron en conta previamente as distintas xornadas, a prestación efectiva de servizos que se están a realizar e as características específicas das distintas categorías, centros ou unidades.

o   Á falta de estudo e clarificación das distintas xornadas e prestación de servizos do PAS laboral úneselle a falta de información sobre a adaptación do sistema de fichaxe ás distintas categorías ou servizos e sobre o propio uso da plataforma.

o   A escasa información que recibe o persoal carece de unificación e homoxeneidade, o que aumenta aínda en maior medida o estado de confusión actual.

o   Este Comité Intercentros considera desafortunados os escritos de comunicación que o Xerente enviou ás listas de USC-PAS, que en todo caso se deberon enviar a USC-Difusión incluíndo a todos os colectivos da USC na mesma medida nas “esixencias de transparencia e responsabilidade no manexo dos recursos da cidadanía”.

Por todo isto, este Comité Intercentros solicítalle:

Que retire temporalmente a data proposta como de implantación definitiva do rexistro horario, 1 de setembro de 2019, en tanto non se solventen as incidencias, algunhas das cales van ter que ser negociadas con este Comité, non se realice a oportuna información a todo o colectivo, e non se faga extensivo a todo o persoal que traballa na USC coas mesmas esixencias.

Por outra parte, tamén consideramos que a aplicación debe estar no idioma oficial da USC.

Saúdos.