• Número 420
  • 04 de febreiro de 2019

Sanidade Pública

As deficiencias na pediatría "estoupan" no norte: falta de médicos, longas viaxes e remendos "voluntarios"

As deficiencias na pediatría "estoupan" no norte: falta de médicos, longas viaxes e remendos "voluntarios"
Mobilización contra a falta de pediatras en Viveiro © Somos unha Área Viveiro

O déficit de pediatras aséntase como un grave problema (outro máis) da sanidade en Galicia. Xa nos últimos meses, a ausencia de especialistas provocou protestas en diferentes localidades e barrios das cidades. Lonxe de arranxarse, as queixas pola deficiente atención espállanse, tamén con relatos como o daquela familia da Costa da Morte que percorreu 140 quilómetros na procura dunha correcta asistencia pediátrica no Nadal. Nos últimos días, as denuncias concéntranse no norte do país: concellos e cidadanía de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña mobilízanse ante unha situación que cualifican de “penosa” e “triste”. Falta de médicos, longos desprazamentos, demoras nas citas... E unha resposta común e sen resultado inmediato por parte do Sergas: non hai profesionais para contratar e as prazas cubriranse cando aparezan. E así seguen. 

 “O que non houbo foi previsión por parte da Xunta nin condicións laborais decentes para que os médicos non marchen fóra. É un problema de lonxe que estoupa agora en moitos sitios porque afecta a toda Galicia”, explica Víctor Vila, voceiro da Plataforma na Defensa da Sanidade Publica da Mariña, impulsora de mocións reclamando melloras na atención pediátrica aprobadas nos últimos días nos plenos dos concellos do Valadouro, Barreiros ou Ribadeo e que serán debatidas noutros da zona. 

As eivas en pediatría son constantes. A metade das prazas de toda a Mariña están cubertas por médicos de familia habilitados, non especialistas. En Galicia, un 60% dos concellos carecen de pediatra e 78 deles perderon o único que tiñan desde 2004

O cadro de persoal é escaso e, ante unha baixa, vacacións ou marcha definitiva, as familias quedan desamparadas. Pasa arestora coa pediatra que comparten Mondoñedo, Barreiros e Lourenzá. Dá asistencia a máis de 700 cativos pero unha ausencia prolongada deixounos sen doutora. A praza non se cobre e substitúese, como se pode, por horas e só algúns días, tal e como recoñece o Sergas. Hai “atrasos nas vacinas, na atención e nos tratamentos”, denuncia o alcalde barreirego, Alfonso Fuente Parga, que causou baixa no PP en 2015. Moitos pequenos son levados a médicos de cabeceira, que autorizan as vacinas que son postas por ATS. 

A só uns poucos quilómetros, a situación non é mellor. Dous pediatras atenden uns 2.000 nenos de Viveiro, O Vicedo e Ourol. Desde hai xa anos, as mobilizacións veciñais reclamando máis persoal e medios son constantes. Cando un dos dous profesionais está de baixa, “o outro asume un cupo elevadísimo, alonga as xornadas até as 4 ou 5 da tarde e con consultas rápidas para tirar cara adiante”, como destaca Víctor Vila. Non hai substitutos. 

“Non dan feito e están saturados, mesmo indo por urxencias tivemos problemas para que nos atendesen... Veciñanza e alcaldes fixeron forza para pedir substitutos cando houbese baixas, pero os problemas seguen”, explica unha nai do Vicedo. Recoller testemuños sobre as deficiencias na atención pediátrica é doado. As queixas son comúns, repetitivas e constantes. 

Tamén algo máis ao oeste. Moeche, Cerdido e San Sadurniño teñen fixado para este xoves e á mesma hora (20) cadanseu pleno extraordinario no que demandarán á Xunta o “inmediato restablecemento” do servizo de pediatría que se prestaba nestes tres concellos e no das Somozas. Pais e nais levan días mobilizados ante a “precaria” situación da pediatría na área. 

A atención sanitaria infantil prestábase cunha pediatra con base en San Sadurniño que se desprazaba en itinerancia durante parte da súa xornada a Cerdido, Moeche e As Somozas. A especialista marchou tras aprobar unhas oposicións –algo sabido hai tempo-- e o servizo é atendido agora por un médico puericultor tres días á semana e por médicos de familia outros dous. En todos os casos, as familias teñen que se desprazar a San Sadurniño, a 15-20 minutos e entre 16 e 20 quilómetros de distancia para calquera das combinacións. 

Son máis de 320 nenos os afectados. Malia a problemática que supón, a Xunta non é quen de poñer data para a solución e recoñece que as deficiencias son minguadas grazas a “outros profesionais que se presentan voluntarios para prolongar os seus horarios”. 

Recoñeceuno así Ángel Facio, responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, durante a xuntanza que mantivo este martes cos alcaldes de Moeche, Cerdido e San Sadurniño. “Non hai profesionais de pediatría para contratar; en canto haxa un dispoñible, será contratado”, destacou tras aclarar que a praza non está en cuestión. 

Con todo, non hai data para recuperala e os alcaldes apelan á presión. “Estamos como entramos, sen novidade e sen garantía ningunha de que se solucione o problema de xeito inmediato”, explica Beatriz Bascoy, rexedora de Moeche, moi crítica con que a xuntanza tardase once días en celebrarse desde que se solicitou e que o xerente do Sergas se reunise antes co alcalde das Somozas “e alcaldables” do PP. Ademais, insiste na “falta de previsión” que agora “pagan” os habitantes destes tres municipios. “A cousa, por desgraza, vai para longo”, asumiu o seu homólogo en Cerdido, Benigno Galego. Todos asumen que, polo menos en febreiro, os atrancos para as familias seguirán.

Tamén no Ortegal. Alí, Cariño, Mañón e Ortigueira comparten unha doutora (non é pediatra) que presta atención sanitaria a uns 800 pequenos. Os luns, martes, mércores e venres atende de 9 a 12 na capital comarcal e de 12 a 14 horas en Cariño. Os venres tócalle toda a mañá no Barqueiro. “Se non está por baixa ou por días libres, non temos médica”, explica unha nai do municipio cariñés. 

Nese caso, a opción que lles dan é acudir ao centro de saúde de Cedeira. A media hora en coche do centro de Cariño e a 40 minutos do Barqueiro e Ortigueira. “A outra opción é ir directamente por Urxencias a Ferrol”. A unha hora de camiño se hai sorte co tráfico. 

O problema, que parecía solucionado tras unha baixa laboral da doutora asignada na zona, volveu. Xa non hai cita para a atención pediátrica dun pequeno de Cariño ata a semana que vén. Se ten que ir ao médico, deberá ir a Cedeira. Neste caso, como en todos os anteriores, engádese un problema máis: a imposibilidade dos profesionais de facer un seguimento continuo e constante do paciente. 

“Levamos con estes problemas tempo. Conformámonos co pouco que nos dan, cunha miseria e quen o paga son os cativos. Se non nos unimos e reclamamos, así nos irá”, insiste unha nai farta dunha situación que se repite cada pouco. 

Ao tempo, no pleno do Parlamento galego, Núñez Feijóo era inquirido sobre as continuas problemáticas do sistema sanitario. “A sanidade galega nunca estivo mellor. Está infinitamente mellor valorada que a oposición; é mellorable, pero boa. A oposición é mala”, resumiu o presidente da Xunta entre os aplausos dos seus compañeiros de bancada.

O Sergas admite os problemas en pediatría e "prega" unha "marxe de confianza" a familias afectadas

Os continuos problemas cos que as familias se atopan á hora de levar os seus pequenos a unha consulta de pediatría provoca que sexan moitos os que optan por presentar reclamacións na súa correspondente área sanitaria. A Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol é unha das que máis recibe por mor das continuas ausencias de médicos ou dos desprazamentos obrigados de moitos usuarios a centros de saúde que non lles corresponden ou mesmo ás Urxencias do hospital máis achegado. 

Na súa resposta ás reclamacións, a xerencia da área sanitaria ferrolá asume os problemas e non dá solución máis aló de pedir tempo e paciencia. Nunha das cartas que recibiu unha das familias que enviou un escrito de protesta, a dirección ofrece as súas "desculpas polos inconvenientes que puidese ter sufrido" o reclamante e agradece a comunicación "por ser a única maneira de coñecer as distorsións que aparecen en diferentes niveis do sistema de saúde e así continuar traballando na procura da súa solución". 

A xerencia da área ferrolá asegura que están a "levar a cabo distintas accións de mellora" pero que, "malia isto, a dispoñibilidade de pediatras é moi baixa", "Pregámoslle unha marxe de confianza para seguir traballando na procura de solucións que nos permitan ofertar uns servizos de atención sanitaria de calidade á cidadanía". 

"Comprendemos e lamentamos os prexuízos e as molestias que estes feitos lle ocasionan como usuario e garantímoslle que os nosos centros e profesionais prestan asistencia inmediata a todas as doenzas que non admiten demora", conclúe a carta coa que o Sergas respondeu ás queixas dunha familia farta de carecer de pediatra no seu centro de saúde e de ter que desprazarse ducias de quilómetros para que o seu fillo sexa atendido. 

https://praza.gal/acontece/as-deficiencias-na-pediatria-estoupan-no-norte-falta-de-medicos-longas-viaxes-e-remendos-voluntarios