• Número 420
  • 04 de febreiro de 2019

Laboral

O TXUE corrixe ao Supremo: as empresas deben rexistrar a xornada laboral

O TXUE corrixe ao Supremo: as empresas deben rexistrar a xornada laboralo
O ditame do avogado xeral non é vinculante, aínda que os xuíces adoitan seguir as súas recomendacións no 80% dos casos

As empresas españolas teñen a obriga de implantar un sistema de cómputo da xornada laboral efectiva que realiza o seu persoal co obxectivo de comprobar que se cumpre o horario de traballo e rexístranse adecuadamente as horas extraordinarias. Así o ditaminou este xoves o avogado xeral do Tribunal de Xustiza da UE (TUXE), Giovanni Pitruzzella, nunha opinión que dá a razón ao sindicato Comisións Obreiras e corrixe a xurisprudencia do Tribunal Supremo.

O ditame do avogado xeral non é vinculante, aínda que os xuíces adoitan seguir as súas recomendacións no 80% dos casos. A sentenza final publicarase nos próximos meses.

Na súa sentenza de 23 de marzo de 2017, o Tribunal Supremo fallou que non existe unha obrigación xeral de rexistrar a xornada ordinaria de traballo: a lexislación española só esixe levar un rexistro das horas extraordinarias traballadas e a comunicalas a final de mes á representación legal dos traballadores. Un rexistro da xornada laboral ordinaria "levaría un risco de inxerencia inxustificada da empresa na vida privada do traballador", sostén o Supremo.

A pesar desta xurisprudencia, Comisións Obreiras interpuxo unha demanda de conflito colectivo ante a Audiencia Nacional contra Deutsche Bank para obrigarlle a implantar este rexistro. A Audiencia non está convencida de que a interpretación do Supremo sexa compatible co dereito comunitario e por iso preguntou ao TXUE. De feito, segundo a información facilitada á xustiza europea, en España o 53,7% das horas extraordinarias non se rexistran.

Medio de proba ante os tribunais

No seu ditame deste xoves, o avogado xeral sostén que a lexislación da UE impón ás empresas a obrigación de implantar un sistema de cómputo da xornada laboral efectiva dos traballadores a tempo completo que non se comprometeron de forma expresa, individual ou colectivamente, a realizar horas extra. "Os Estados membros teñen liberdade para determinar a forma e o modo de cumprimento desa obrigación", di Pitruzzella.

Sen un sistema de cómputo do tempo de traballo, non existe ningunha garantía de que se respecten efectivamente os límites de horas traballadas que marca a lexislación da UE e en consecuencia de que se poidan exercer sen obstáculos os dereitos que esta normativa confire aos traballadores. 

Ademais, a inexistencia dun rexistro da xornada laboral efectiva fai que sexa moito máis difícil para o traballador obter a defensa xudicial dos dereitos que lle confire a directiva sobre tempo de traballo, xa que se lle priva dun primeiro indicio probatorio esencial, resalta o avogado xeral. 

O rexistro da xornada laboral efectiva desempeña ademais unha "función esencial" para garantir que o empresario cumpra o resto de obrigacións que lle impón a directiva sobre tempo de traballo, como son os límites da duración da xornada laboral, o descanso diario, os límites da duración da semana laboral, o descanso semanal e as relativas ás horas extraordinarias.

"Estas obrigacións gardan relación non só co dereito do traballador e dos seus representantes a poder controlar periodicamente a cantidade de traballo realizado con fins retributivos, senón sobre todo coa protección da saúde e a seguridade no lugar de traballo", conclúe o ditame.

https://www.elespanol.com/economia/empresas/20190131/tjue-corrige-supremo-empresas-registrar-jornada-laboral/372713087_0.amp.html?fbclid=IwAR2FpoaLOpXFSFVW5bIR3dkuru4N8x7OKMMeP7NNBr6_Ndh534OVoY_lNeA