• Número 420
  • 04 de febreiro de 2019

Opinión - Francisco Javier González

O imperio gringo dita a súa LEGALIDADE

O imperio gringo dita a súa LEGALIDADE
Venezuela - escribe Francisco Javier González - está nunha complicada e crucial encrucillada que merece a pena analizar detidamente

Venezuela está nunha complicada e crucial encrucillada que merece a pena analizar detidamente, o que comporta máis dun artigo. Empezo por situar, desde a miña óptica, a raíz do problema, e é que ao imperio gringo nunca lle importou un carallo o cumprimento da legalidade. Para que, se son eles quen a crea ou transforman ao seu antollo?

Verdade é que, como indica o refraneiro, o home é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra, e é que parece que a historia se adoita repetir a si mesma, e iso, nestes días, estamos a velo en Venezuela. Non aprendemos.

O 11 de abril de 2002, Pedro Carmona, presidente da organización patronal FEDECAMARAS, auto proclamouse como Presidente da República de Venezuela –suprimiu o de Bolivariana “”-  baseándose no Art. 233 da Constitución venezolana e na falsa noticia de que o presidente Chávez, secuestrado en Forte Tiuna por militares da dereita golpista, presentara a dimisión. O seu primeiro –e último- acto de goberno, ademais de suprimir as leis económicas –as habilitantes- que enfrontaban ao goberno coa patronal, foi disolver tres poderes do Estado, a Asemblea Nacional, o Consello Nacional Electoral e o Tribunal Supremo de Xustiza e arrogarse a capacidade de destituír a todos os alcaldes e gobernadores que crese conveniente. De forma case instantánea, os gobernos de USA do presidente George W Bush e o de España, do seu émulo e fiel lacaio Joséª M Aznar, recoñeceron a “legalidade” de Carmona e do seu goberno golpista, que non chegou a perdurar nin 74 horas. Carmona “O Breve” contou co apoio decidido das xerarquías eclesiásticas venezolanas, ademais e como non, do apoio decidido dos gobernos pro-gringos da Colombia de Pastrana, de Costa Rica e O Salvador que tentaron o recoñecemento do goberno de Carmona por parte da OEA co entón secretario xeral, o colombiano César Gaviria xa que Carmona aludía á OEA como garante da lexitimidade do golpe, pero topáronse coa oposición decidida de México, de Nicaragua, da Arxentina de Eduardo Duhalde, de Brasil e de Chile, que rectificaba así a súa posición inicial de apoio ao golpe.

O guirre gringo George W Bush, saíu electo nas eleccións presidenciais USA con máis de medio millón de votos menos que o seu competidor demócrata Al Gore, o que foi posible grazas á fraude nas eleccións en Florida, que gobernaba o seu irmán Jeb Bush que, para iso, eliminou arbitrariamente á maioría dos afroamericanos do censo electoral, amañou as soadas papeletas “bolboreta” e o sistema de votación. Legalidade imperial, of course. Desde o inicio do seu mandato, como parte da súa Guerra contra o Terror e do Eixo do Mal, a través do seu secretario de estado Colin Powell tratou de intervir no goberno de Venezuela e derrocar a Chávez para garantir o control gringo do petróleo polo que fomentou e apoiou o golpe de Carmona que foi aplaudido entusiasticamente pola prensa gringa, co Washington Post á cabeza. En España, o seu pupilo Aznar facía o propio co aplauso, tamén entusiasta, da caverna reaccionaria hispana, pero co agravante de que mesmo a prensa supostamente socialdemócrata como El País, apoiase cinicamente o “carmonazo” que, supoñían, amparaba os intereses españois en Venezuela.

Non lles soa a coñecido o refrán de que se apoia a Venezuela dando un golpe de estado “legal”? Vemos como a historia se repite e é que non aprendemos. O de agora é case un calco do 2002 incluíndo o denigrante papel lacaiuno da socialdemocracia española, desde Felipe González ao goberno Sánchez, e da supostamente democrática e legal Unión Europea, acosados uns e outros polos vociferantes guirres dunha dereita cada vez máis fascistoide. Nada nos estraña coñecendo os tristes papeis xogados en Libia ou Siria. Ata tal punto chega o parecido que a primeira rata venezolana en Washington en abandonar o barco gobernamental, tanto antes cando o carmonazo como agora co “Guaidocazo”, foi o agregado militar na capital gringa. Casualidades ou causalidades?

Antes como hoxe –e como no Chile de Allende- comezouse pola guerra económica e a mediática. A Venezuela o acoso gringo á súa economía custoulle ao redor de 20.000 millóns de $ USA en 2018 e máis de 1.600 millóns en perda de valor das empresas. Chega ao momento que se bloquearon as reservas internacionais de ouro de Venezuela noutros países. Como exemplo agora mesmo Londres retén ouro venezolano por valor duns 600 millóns que, probablemente, xa vendese no mercado.

O triste é que toda esta historia está baseada nunha suposta ilegalidade do goberno Venezolano de Nicolás Maduro e a “legalidade democrática” do auto proclamado “Presidente” baseado no Art 233 da Constitución da República Bolivariana de Venezuela, que establece que a Asemblea Nacional pode proclamar un presidente interino en caso “de falta absoluta do Presidente” e enumera as causas desa “falta absoluta” como “morte, renuncia, destitución ou incapacidade física ou mental”. O autoproclamado Juan Guaidó aduce a destitución de Maduro como causa, pero, de novo a Constitución prevé que “a destitución ten que ser decretada polo Tribunal Supremo de Xustiza e, posteriormente, aprobada pola Asemblea Nacional” Pois o señor Guaidó saltouse á toureira a Constitución aconsellado polos seus mentores gringos e criollos, pero de legalidade duns e outros, datos por diante, falaremos doutra vez. 

Quero ver agora o panorama visto desde o Estado Español e, máis concretamente, desde esta colonia de Canarias. Especúlase con que o Tribunal Superior de Xustiza venezolano é un poder progubernamental e, polo tanto, manexable desde o goberno. Con iso xustifícase o feito de que España, como toda a esfera de influencia gringa Israel, OEA e UE incluídos, neguen lexitimidade ao goberno de Maduro e lla concedan, en cambio, ao auto proclamado Guaidó e á Asemblea Nacional en desacato segundo ese TSX venezolano. Pregúntome entón, tendo en conta, e aos feitos me remito, que o TSJ español é moito máis banal, prevaricador e progubernamental que o deostado como tal de Venezuela, como é posible que os dirixentes políticos cataláns responsables do Procés e da Declaración Unilateral de Independencia leven máis dun ano no cárcere sen xuízo ou no exilio e que ao Parlament Catalá se lle anulen por sentenza do TSX de España as resolucións que posibilitaron un Referendo Democrático pero, mutatis mutandi, en Venezuela os responsables deste golpe chamen mesmo á subversión e sigan nas rúas campando ás súas anchas? Esas resolucións catalás, referendadas por un Referendo popular ao que se lle nega validez polo Estado Español son ilegais pero a auto proclamación nunha praza pública caraqueña dun pseudo-presidente monicreque si é legal e democrática?

Propoño que, en virtude da “legalidade imperial” que practica o goberno español na súa antiga colonia americana, busquemos un Juan calquera que proclame a Independencia desta colonia africana e que impoña un prazo de oito días ao Goberno Español para que a valide ou, no peor dos casos, que o moi constitucional Clavijo “o Afuchado convoque con urxencia unhas eleccións a un Parlamento Canario Constituínte que a leve a cabo e ordene o abandono inmediato deste país por parte das tropas e policía españolas.

Gomera. Noroeste de África ao 27 de xaneiro de 2019.

http://canarias-semanal.org/art/24470/el-imperio-gringo-dicta-su-legalidad