• Número 420
  • 04 de febreiro de 2019

Oficina de Dereitos Sociais - Coia

Núñez Feijóo pasará a cobrar a RISGA mentres a Xunta non publique o decreto

Núñez Feijóo pasará a cobrar a RISGA mentres a Xunta non publique o decreto
Constrúen unha realidade paralela, para tratar de agochar con mentiras e propaganda a dor que provocan na vida real

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vai cumprir un propósito que fixo a pasada Noitevella. No mes de febreiro de 2019 vai renunciar ao soldo que ten asignado, é dicir, a 80.818,23 € ao ano. Como únicos ingresos contará coa RISGA. Con este xesto, o presidente galego quere amosar a súa solidariedade cos miles de fogares galegos que están en risco de pobreza (un 18,7% das galegas segundo as estatísticas) e que levan anos agardando por facer da RISGA un verdadeiro dereito.

Núñez Feijóo tomou esta decisión mentres “desde a Xunta non sexamos quen de publicar o decreto”. Así desde febreiro e até a publicación da norma que desenvolva a lei de inclusión de Galiza o presidente da Xunta será perceptor da RISGA.

Durante todo o tempo que pase até a publicación do decreto que desenvolva a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galiza Feijóo vivirá con 403,38 €/mes. O presidente recoñece así a súa responsabilidade e preocupación polo tema: "desde a entrada desta lei pasaron catro anos e tres conselleiros que non foron quen de publicar o decreto que ten que desenvolver os aspectos máis beneficiosos da RISGA, tiña que facer algo e optei por este xesto para chamar a atención". O presidente tamén declarou que "complementarei os ingresos da RISGA, co paquete do Banco de Alimentos, coa axuda da parroquia e co que me dean nas ONGs. A RISGA non chega é precisarei da caridade de moitas organizacións para poder rematar os meses".

Preguntado pola posibilidade de poñer en marcha medidas que si garantan os dereitos de todas a ter unha vida digna, como por exemplo a Renda Básica das iguais que tantos en colectivos na Galiza veñen esixindo, di que "non descarta ningunha posibilidade. Todo dependerá do mal que o pase no tempo que cobre a RISGA".

Xa non sabemos como denunciar a mala vida que padecemos. Nesta ocasión empregamos unha fake new e tiramos de clickbait para tratar de chamar a atención sobre as desastrosas políticas que padecemos e que afondan na desigualdade e na inxustiza.

Facemos coma elas que constrúen unha realidade paralela, para tratar de agochar con mentiras e propaganda a dor que provocan na vida real. O pasado 14 de decembro de 2018 o presidente da Xunta volvía a anunciar a publicación do decreto, que con 4 anos e medio de atraso ten que desenvolver a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galiza. Hai xa tempo que perdemos a conta das veces que a Xunta anunciou a saída do decreto. Nas últimas declaracións de decembro Feijóo explicaba que as razóns para non desenvolver a lei estaban no impacto da crise nos orzamentos autonómicos e na necesidade de procurar "consenso" coas entidades sociais [1].

Négannos medidas que garantan unha vida digna para todas, na contra ofrecen mentiras que coas que alongar as faragullas ao mesmo tempo que reparten contratos de servizos sociais básicos a empresas amigas como: CLECE, EULEN...

Fronte estas políticas miserentas esiximos dereitos que aquí e agora permitan a todas vivir unha vida digna. Renda Básica das iguais e moito máis!

Coia, 29 xaneiro de 2019

--

[1] https://www.farodevigo.es/galicia/2018/12/14/risga-subira-190-euros-mes/...

Campaña "Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito" > http://odscoia.arkipelagos.net/fagamos-da-risga-un-verdadeiro-dereito-in...