• Número 420
  • 04 de febreiro de 2019

Loita social - Contra a especulación urbanística

A longa batalla de Elviña. Elviña non se vende!

A longa batalla de Elviña. Elviña non se vende!
Todos os venres dende hai sete anos as veciñas de Elviña ocupan a pasarela de Alfonso Molina. Óscar Górriz

Ignorada polas institucións e pola meirande parte da concidadanía, a veciñanza deste pobo que nunca quixo ser un barrio máis da cidade, segue a pelexar polo seu dereito a existir e marca o camiño para imaxinar outros xeitos de pensar o territorio. En palabras de Pilar Santiago, activista de Elviña non se vende, “estamos desaloxando as veciñas da cidade, e logo poñemos monólitos lembrando o pasado. Compre pelexar por outro modelo de urbanismo”.

En tempos, San Vicenzo de Elviña foi unha parroquia extensa e de grande importancia para Coruña. De orixe preindustrial e situada na periferia, contiña unha grande extensión de terras de cultivo e foi coñecida como a despensa da cidade. Coa expansión da urbe, a mediados dos anos 50, a labranza entrou en crise. “Mantívose a explotación de hortas e pastos, pero en moitos casos para o abastecemento das familias”, apunta Luís Gómez, presidente da Asociación veciñal de Elviña e Castro. A parroquia de Elviña comeza a desaparecer.

Tras décadas de agresións en forma de proxectos urbanísticos, e castigada por plans xerais ou parciais de urbanismo, a parroquia quedou reducida a dous lugares, Elviña e Castro, asoballados por infraestruturas viarias, polígonos residenciais e industriais, e polos terreos do campus da Universidade da Coruña.

“Desarrollismo”

Primeiro chegaron as grandes infraestruturas. “A rede viaria cambiou completamente a configuración da parroquia”, sinala Luis Gómez. “A principal vía de entrada na cidade, Alfonso Molina, incide directamente no núcleo de Elviña, e as ampliacións van levando casas e fincas”. Moita xente marcha porque non pode facer vida ao carón dunha vía de tales dimensións, e pola constante ameaza dunha nova ampliación.

Logo chegaron as fábricas. A veciñanza de Elviña aínda lembra o golpe que supuxo a entrada de Fertiberia, adicada á produción de fertilizantes. Ao amparo da Lei de Expropiación Forzosa colleron moitas leiras do medio rural de Elviña. Gómez lembra cando as Mariñas Douradas quedaron sepultadas pola fábrica, e Carlos Maceiras, un histórico activista veciñal, engade: “Chamábanlles así porque eran terras húmidas e moi produtivas, tiñan varias colleitas ao ano. Fertiberia entrou no ano 64 e inmediatamente a froita de Castro de Elviña desapareceu e as leiras sufriron o deterioro derivado dos tóxicos que empregaban na fábrica”.

Aos poucos chegaron os polígonos. Enrique Seoane, doutor en Arquitectura e profesor e investigador na UDC, explica como a mediados do século pasado, cando se visualizan os límites da cidade, decidiuse que en vez de medrar como unha ‘mancha de aceite’ a cidade medraría ‘por paquetes’: “É un proceso que leva a absorber o rural por medio do arrase, sustentado na idea de que moita xente prefería vivir en pisos. En plena ditadura, quen non estivese de acordo, non tiña moito que facer”.

“Estas leis”, prosegue o urbanista, “non tiveron en conta a especificidade do territorio galego”. O sur de Madrid medrou con plans parciais semellantes, cara a onde había campos. “Pero aquí non hai campo, hai aldeas e no caso de Elviña xa non eran aldeas, senón vivendas unifamiliares, que se xeneralizaron nos anos 70, e leiras. Compre deixar de pensar no territorio como mero soporte das edificacións, senón como soporte de vida, de historia, de natureza”, conclúe Seoane.


Para a construción do Parque Ofimático foron expropiadas forzosamente máis de cincuenta casas. Óscar Górriz

O colectivo de arquitectura Ergosfera sinala que estas zonas se “paralizan” por caer dentro da zona de interese dalgún proxecto urbanístico, e quedan como hai trinta anos: sen beirarrúas, alumeado público e sumidoiros. “Así expulsan á xente das súas vivendas”. Falouse dunha ‘xeración perdida’ que tivo que marchar ao non poder construír unha vivenda na súa propia leira, ou rehabilitar a que xa tiñan, por tela en terreos paralizados. A consecuencia foi o avellentamento da poboación e o progresivo deterioro do lugar. “E no futuro, o plan prevé rematar de cercar os núcleos con máis solo urbanizable”, conclúen os arquitectos.

A Universidade

Moito do que hoxe coñecemos como o campus de Elviña e da Zapateira provén da venda dos terreos de Fertiberia, a comezos dos anos 90, e do monte de man común do Castro. “Foi un dos moitos procesos especulativos de [o alcalde socialista] Paco Vázquez”, afirma rotundo Carlos Maceiras. “Os terreos da fábrica tiñan que ser restituídos aos seus propietarios a cambio da ridícula cantidade que recibiran pola expropiación. Pero o Concello negociou coa fábrica e colocou aí a Universidade”. A veciñanza de Elviña, tristemente afeita a preitear, comeza un proceso xudicial complexo contra esta manobra. A xustiza remata por darlles a razón anos despois, mais o proceso xa non tiña volta atrás.

“No plan de urbanismo argallaron un millón de metros cadrados para a Universidade, unha barbaridade”, prosegue Maceiras. Ese plan recollía unha ampliación para unha residenecia universitaria e infraestruturas para comunicala cos campus e coa cidade. En 2008 chegan novas expropiacións. “Fixémoslles fronte”, afirma o activista. “Demos boas razóns, fixemos mobilizacións e a presión necesaria para conseguir salvar trinta casas que hoxe poden ser arranxadas e vivir nelas”.

Para o presidente da asociación veciñal, Luís Gómez, esa nova fronte da interminable Batalla de Elviña tivo “un resultado agridoce”. “Presentábase un horizonte de transformación que se cambiou en parte co esforzo da veciñanza. Salváronse moitas casas, pero moitas outras non”, afirma.

Unha das moitas casas que segue afectada pola ampliación da universidade é a súa, na que segue habitando dende hai dez anos pero que xa non lle pertence. Chegou ao acordo de que podería habitala até que se desenvolvan as ampliacións planeadas, unha situación habitual para a veciñanza dos lugares de Elviña e Castro.

O parque ofimático

“En 1991, a Xunta presenta o Parque Ofimático, un proxecto faraónico de parque empresarial de alta tecnoloxía”, lembra Pilar Santiago. En 1995 desbotaron o proxecto pola falta de empresas interesadas, e foise transformando para permitir usos residenciais de vivenda pública, privada e terciaria. Comezaron mercando leiras en Xuxán, As Cernadas, Galán e Eirís de Abaixo, separados do núcleo de Elviña pola avenida de Alfonso Molina. Pronto ampliaron o proxecto e conseguiron saltar ao outro lado da avenida. “Concederon tanta edificabilidade que non tiñan espazo para equipamentos”, explica Santiago.

Pilar Santiago: “Con vontade política pódense facer cousas, pero hai que tela”
Toni Tarela

 

 

En 2007 apróbase o Proxecto de Reparcelación. As veciñas que non venderon son expropiadas, e convertidas en promotoras do polígono: “Se hai un 51% de persoas propietarias dos terreos que quere comezar a construír, a lei outorga mecanismos para obrigar a vender a quen non o fixera”, apuntan dende Ergosfera.

“Ser promotora leva canda si pagar as cotas de urbanización: tes que pagar farois, beirarrúas, etc. logo de perder a túa casa na expropiación. En moitos dos casos non chegaches nin a cobrala, xa que os gastos son maiores que os cartos que pagaron polas vivendas”, completa Pilar Santiago.

Foi o caso, por exemplo, de Emilio Rey e Evangelina Paz, traballadores xubilados aos que lles foron expropiadas dúas leiras con casa de 2.200 metros cadrados por 90.000 euros, en troques dunha parcela no polígono de menos de 700 metros cuns gastos de urbanización de 339.754,90 euros. Non dan as contas.


Evangelina e Emilio diante da súa casa, expropiada polo Concello para a ampliación do Ofimático. Óscar Górriz

“En ningún momento recibimos información por parte da administración. Descubrimos pola prensa que ían chegar as cartas de desaloxo”, denuncia Pilar Santiago. “Un día vas pagar o IBI e dinche que a túa casa non é túa. Que meses antes nolas deran de baixa no catastro”, lamenta Loli Rey. “Foi nese momento cando comezamos as mobilizacións”.

Elviña non se vende

As veciñas xúntanse para facer fronte a esta nova agresión e nace ‘Elviña non se vende’. Alegacións, manifestacións e desobediencia civil son as ferramentas coas que a veciñanza se enfronta á Xunta e ao Concello para defender a súa terra. Esixen a desafectación das seis casas que aínda quedan en pé e deixar a marxe dereita de Alfonso Molina fóra do proxecto. Tamén solicitan a restitución da casa de Varo e Isabel, derrubada tras un violento desaloxo en 2014, estando no goberno municipal o PP de Carlos Negreira, para a construción dunha ponte de unión entre o polígono e a Universidade.

A ponte foi finalmente desbotada, deixando a vergoña do soar cos restos da casa demolida como unha mostra máis deste absurdo e violento proceso urbanístico. “Seguimos buscando unha saída negociada. Confiamos que os resultados sexan salvar a parte de Elviña que queda en pé afectada polo polígono e liberar ás veciñas da promoción no Ofimático e das débedas adquiridas”.


Soar cos restos da casa demolida de Varo e Isabel hai case cinco anos. Ao fondo, o Ofimático. Óscar Górriz

“Moita xente que vivimos este proceso quedamos tocados”, recoñece Luis, o home de Pilar. “Déixante sen casa, sen cartos. Imaxina que espertas un día e debes medio millón de euros”. As forzas non son as que foron, pero seguen na loita. Todos os venres, dende hai máis de sete anos, ocupan a pasarela que cruza Alfonso Molina para lembrarlles ao Concello, á Xunta e aos grandes promotores que “Elviña non se vende”.

 “A Lei do Solo menciona unha vez a palabra veciñanza, e pola contra menciona por 180 veces a palabra propietario. O sistema está pensado para ser máis forte que o poder democrático”, denuncian dende Ergosfera. “Debe ser a veciñanza quen tome as decisións, non os técnicos e profesionais implicados nun plan xeral. A sociedade é madura e sabe orientar o seu destino”, engade Enrique Seoane. “Agora toca restaurar, reedificar, rehabilitar. Non é momento de medrar”, prosegue o urbanista, “senón de cualificar e centrarse en mellorar a vida dos que estamos”.

A cidade do culto ao coche e ao cemento, dos ríos esquecidos e do patrimonio xacente baixo edificios e campos de golf, é tamén a cidade que pensa na ecoloxía e na produción de quilómetro cero, na mobilidade sostible e nas hortas urbanas. Un corpo complexo que debe medrar con idéntica complexidade. Dende unha cidadanía consciente e coñecedora de como funcionan os procesos urbanísticos, capaz de enfrontarse a eles e modificalos, é posible imaxinar outras cidades posíbeis, como a que descobres cando vas dar unha volta por Elviña e Castro, e falas un anaco coa boa xente que os habita.

https://www.elsaltodiario.com/especulacion-urbanistica/longa-batalla-de-elvina