• Número 420
  • 04 de febreiro de 2019

Sentenza pioneira

O TSXC declara nulo o despedimento dunha traballadora con cancro de útero

O TSXC declara nulo o despedimento dunha traballadora con cancro de útero
“Non podemos obviar que estamos ante unha patoloxía netamente feminina, o que impón axuizar a cuestión desde unha perspectiva de xénero”

Nunha sentenza “pioneira en Cantabria e nova no resto de España”, o Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria (TSXC) declarou nulo o despedimento dunha traballadora con cancro de útero. O TSXC anulou así a sentenza de instancia e constituíu doutrina con respecto a “concretar e aclarar os conceptos de despedimento por razón de discapacidade e por razón de enfermidade, manifestou o despacho santanderino JM Ruiz Avogados, defensor da traballadora e que destacou que a sentenza é “digna de encomio”, pois “supón o recoñecemento dos dereitos dos traballadores en xeral e das mulleres en particular” e pon ao TSXC “á cabeza dos tribunais no ámbito laboral en España”.

A traballadora, que prestaba servizos como camareira, foi diagnosticada de carcinoma epidermoide infiltrante (cancro de útero) e tras comunicarllo á empresa foi despedida o 15 de maio de 2018. “Trátase dunha traballadora en baixa temporal por diagnóstico de carcinoma epidermoide infiltrante, cun período de baixa temporal previsto de 68 días”, e foi despedida precisamente “por non soster a baixa, en tempada alta e con poucas traballadoras”, destacou o despacho, que presentou demanda por despedimento nulo no xulgado do Social número 3 de Santander, que o 24 de setembro de 2018 sentenciou desestimando a nulidade do despedimento e cualificando este de improcedente. Pero a sentenza foi recorrida en suplicación, e o TSXC, en sentenza de 18 de xaneiro de 2019, acabou dando a razón á demandante.

Na sentenza o TSXC estima o recurso de suplicación, revoga a sentenza do xulgado do Social número 3 de Santander “no sentido de declarar a nulidade do despedimento” da demandante e condena á empresa “a readmitir inmediatamente á traballadora nas mesmas condicións laborais ás que tiña con anterioridade ao despedimento, con abono dos salarios de tramitación ata a efectiva readmisión, a razón de 38,16 euros diarios, con exoneración dos períodos coincidentes coa situación de incapacidade temporal”.

 “Dos antecedentes fácticos expostos dedúcense –seguindo a doutrina do TXUE [Tribunal de Xustiza da Unión Europea] – varios indicios para entender que non estamos ante unha mera enfermidade senón ante unha discapacidade”, establece o TSXC, que destaca que o cancro de útero “ocasiona unha limitación duradeira, ao tratarse dun proceso morboso que non presenta unha perspectiva ben delimitada de finalización a curto prazo; moi ao contrario, é moi posible que o seu tratamento leve cirurxía, radiación ou tratamento con quimioterapia, opcións terapéuticas que se prolongarán no tempo e impedirán a participación plena e efectiva da actora na vida profesional en igualdade de condicións cos demais traballadores”. Por iso, o tribunal asegura que no momento do despedimento “a demandante atopábase nunha situación de discapacidade a efectos da Directiva 2000/78/CE do Consello” e que “non podemos obviar que estamos ante unha patoloxía netamente feminina, o que impón axuizar a cuestión desde unha perspectiva de xénero, como tamén se apunta no recurso”. “Os indicios achegados pola traballadora de estar a ser tratada desfavorablemente por razón dunha enfermidade de longa duración, como é o cancro, non foron desvirtuados pola empresa”, polo que “o seu despedimento sen causa obxectiva que o xustifique debe declararse discriminatorio e, polo tanto, nulo”.

https://www.eldiariocantabria.es/articulo/cantabria/tsjc-declara-nulo-despido-trabajadora-cancer-utero/20190130122514056337.amp.html?fbclid=IwAR1cMq0wW8PhcMz3W1E2P8-_Mz8XAKCQvcLjyQSoDAOMGMU9CvQPhs7wmV4