• Número 420
  • 04 de febreiro de 2019

CUT - CRTVG

Xuntanza Intercentros /empresa postfolga

Xuntanza Intercentros /empresa postfolga
Entre o pasimisí, a irresponsabilidade, a incapacidade negociadora ou a ignorancia

Esta mañá tivemos a agardada xuntanza coa empresa para abordar temas pendentes da folga. A orde do día era moi extensa pero, basicamente, converteuse nun pasimisí de temas sen grandes avances, así que iremos ao gran.

Encallamos xa no primeiro punto, "Dimensión do cadro de Persoal por centros de traballo": a empresa pretendía unha negociación sobre unha proposta súa que contiña erros de categoría e números, amais de pretender unha "reclasificación" dos postos ocupados actualmente nas delegas por locutores, auxiliares de programas ou productores, transformándoos en redactores e axudantes de produción. Cando se lle preguntou que significaba iso que aparecía no papel dixo tan alegremente que os que non encaixaran nesas categorías terían que virse para San Marcos, se é que se sacaban praza (caso dos indefinidos e fixos 2012 con praza en San Marcos adscritos temporalmente ás delegacións). Descoñecía a empresa que tamén hai fixos con prazas propiamente creadas nas delegas nesas categorías que non contempla na súa proposta de futuro (nesas mans estamos). Malia advertirlle da xudicialización e dos dramas nas vidas das afectadas e afectados que podía supor iso, amais de deixar a San Marcos con cadro de Persoal que non se axuste ás necesidades reais (senón ao que non encaixa na proposta da empresa para as delegas), a directora de Recursos Humanos non quixo escoitar nin sequera outras posibilidades ou interpretacións xurídicas.

Pedíuselle á empresa que se desenvolva o plan de estabilización pactado no estado español e agora recollido nun acordo na Xunta, co ánimo de superar o teito das 820 prazas nas que se enroca a empresa e que sabemos que son insuficientes. A empresa primeiramente falaba de crear un proceso de estabilización propio da CRTVG (un simple proceso selectivo, vamos) pero finalmente acordouse tratar do plan de estabilización íntegro, aínda que quedou por determinar en que ámbito, xa que CCOO tiña dúbidas de se debía ser no Comité Intercentros (descoñecemos con que ánimo). Iso si, a empresa primeiro quere tratar a dimensión dos centros de traballo e despois o plan de estabilización, para que o número de prazas non medre, claro. A casa polo tellado que lles convén.

Ou sexa, polo momento outro bluf (o do plan de estabilización) ante unha empresa que negou que se destruíse emprego na CRTVG nin que haxa colaboradores e contratos mercantís fraudulentos. Instouse unha vez máis á dirección de Recursos Humanos a cubrir todas as vacantes por alta dirección, casos de IT e liberacións sindicais, pero como quen oe chover...

Tampouco quixo abordar nada sobre a volta á xornada de 35 horas amparándose na Lei de Medidas Temporais aínda vixente, aínda que estudará a posibilidade de recuperar o complemento de distancia e o plan de pensións. Se lle acorda, claro.

Outra cortiña de fume (o de estudalo), imaxinamos, cando tras dous meses agardando a suposta solución que pediran á Xunta para subsanar a decisión de non substituir vacacións nin asuntos propios, hoxe dixo que seguían pendente de resposta e que o que había que facer era dimensionar e organizar mellor os equipos de traballo (vamos, que nos organicemos mellor entre nós as vacacións para evitar contratación).

Volveu negar tamén a empresa que existise un control de produtividade sobre os operadores de inxesta MAM, aínda que recoñeceu que tras as protestas da CUT, decidiu retirar ese excel que creaba unha gráfica con puntuación do traballo desenvolvido por cada un.

Como tamén negou a directora de Recursos Humanos que se denegasen asuntos propios en xaneiro. Tras retomar o eterno debate sobre a denegación sistemática e transmitirlle que se estaba emprazando a parte de Persoal a gozalos despois da data límite do 31 de xaneiro, chegouse ao acordo excepcional de permitir que este ano se gocen os asuntos propios durante o primeiro trimestre de 2019, só no caso de térense solicitado por escrito antes do 31 de decembro e que fosen denegados a través do sistema (lembrade sempre facelo por escrito para que consten este tipos de casos que a empresa nega).

A gran novidade produciuse na decisión da empresa de executar todas as sentenzas de indefinidade, provisionais ou firmes, independentemente de que esas persoas tivesen contrato activo no momento da sentenza ou non. Decisión que celebramos. Pero chegou o matiz: a empresa quería excluir a aquelas persoas que tiñan un contrato de revezamento longo (ata 2022) por entender que podían verse prexudicados se finalmente a sentenza firme saía na súa contra e quedaban sen a indefinidade e sen o revezamento. A CUT plantexou que iso non pode ser decisión da empresa senón en todo caso darlle a escoller ao traballador ou traballadora, pero sinalou que esa decisión era discriminatoria (logo de que recentemente incorporasen traballadores con sentenza declarados indefinidos provisionalmente sen consultarlles o que preferían). Ao noso entender, ademais, limítase a posibilidade de dar estabilidade a máis traballadores a través desea contratos de revezamento que quedarían libres e propuxo unha alternativa: executar as indefinidades, pactando un sistema de resarcimento se se dese o caso de que se visen agraviados por decaer a indefinidade antes de que rematase o revezamento que posúen actualmente. A empresa non aceptou a proposta e finalmente acordaron que no caso dos traballadores con revezamento ou outras casuísticas de presunta longa duración (alta dirección, IT longas, etc), consultarían ao Persoal afectado sobre se preferían seguir co contrato actual ou executar a sentenza.

Por último, lembrarvos que mañá temos a vista no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do conflito colectivo da CUT e a UXT pola modificación de funcións a redactores/as e OPMV. Sabemos que é difícil que un tribunal entenda todo o que pasou na CRTVG pero non caemos na desesperanza e intentaremos defendelo o mellor posible. Manterémosvos informados das novidades.

Sobre os obxectivos da folga e o nulo avance, proporémoslle ao Comité Intercentros celebración de asembleas para determinar entre todos e todas o camiño a seguir.

30 de xaneiro de 2019