• Número 420
  • 04 de febreiro de 2019

Loita social

Comunicado da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME)

Comunicado da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME)
O comunicado faise público a raíz da decisión da Comisión Europea de abrir expediente sancionador ao estado español por incumprir a directiva europea de loita contra o abuso sexual infantil

A finais do ano 2015 tres entidades –AGAMME, Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo e o Grupo de investigación Antígona, da UAB- viaxamos ao Parlamento Europeo para presentar unha demanda contra o estado español por non dar cumprimento á directiva europea de loita contra a violencia sexual na infancia. Tres anos máis tarde, despois de que o Parlamento Europeo tivese admitido a demanda a trámite e iniciado unha consulta ao respecto, despois de que se tivese fornecido a demanda coa documentación de 14 casos paradigmáticos, coa colaboración doutras seis entidades (SIMI, Custodia en Positivo, Asociación Abogadas Asturianas por la Igualdad, Aspasi, Fight 4 Child Protection e Infancia Libre), despois do silencio das autoridades españolas durante máis de ano e medio, a Comisión Europea abría no día de onte un expediente sancionador contra o estado español por este motivo.

Algúns dos asuntos que motivaban a demanda presentada e secundada polas oito entidades  eran a falla de medios adaptados e suficientes, tanto materiais como profesionais no eido xudicial; a prolongación excesiva dos prazos de espera para a toma de declaración dos nenos e nenas vítimas; a repetición de intervencións, que causa vitimización secundaria; a vulneración do dereito do neno e da nena a recuperarse, dado que precisa a autorización de ambos proxenitores para poder asistir a unha terapia, sexa ou non violento algún deles; a sistemática dúbida sobre a credibilidade do testemuño infantil, o cal suporía, a ollos da Comisión, un ataque ao interese superior do neno e da nena; a aplicación nos xulgados españois da teoría da suposta síndrome de alienación parental, a pesar de estar amplamente rexeitada pola comunidade científica, polo Consello Xeral do Poder Xudicial e pola Fiscalía de Violencia de Xénero. Todo isto levaría, segundo informa a Comisión Europea, á presunta falla de dilixencia na investigación dos abusos sexuais contra nenos e nenas no estado español.

Aínda que nos parece en certo modo un fracaso que tivese sido inútil a interlocución por medios internos co goberno e as institucións españolas, vemos este acontecemento como unha oportunidade para comezar a promover un verdadeiro cambio na forma en que se vén abordando esta problemática. Cremos que o traballo debe dirixirse principalmente en dúas direccións:

A primeira, moi evidente, realizar as modificacións lexislativas necesarias para romper definitivamente a impunidade do delicto de abuso sexual. Actualmente estase a redactar por parte do goberno un proxecto de Lei para a Protección Integral da Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia. Para que esta lei sexa efectiva é imprescindible que sexa moi concreta en aspectos como o nivel de formación esixible para calquera profesional que vaia entrar en contacto cunha vítima menor de idade, establecer con claridade que se consideran retrasos inxustificados e que prazos se deben cumprir para a toma de declaración dende o momento en que a vítima se atope en condicións de ofrecer o seu testemuño. Debe aclarar cales son as condicións materiais das salas adaptadas para recibir a nenos e nenas vítimas nas dependencias xudiciais, como se vai evitar todo contacto co reo antes, durante e despois da declaración. Cales son as condicións profesionais e humanas que garanten unha toma de declaración respectada e adaptada, que tipo de preguntas e actitudes non estarán permitidas. Deberase asegurar que o neno ou nena vítima vai ser protexido-a nos procedementos civís que poidan producirse simultaneamente, así como na intervención doutros servizos públicos. A lei debe prohibir a utilización de teorías e prácticas que ataquen a imaxe e a credibilidade das vítimas e debe perseguir este tipo de comportamentos dentro do sistema xudicial e dos servizos que lle aportan información, establecendo medidas disciplinarias e responsabilidades penais e civís en caso de incumprimento. Trátase de erradicar a suposta síndrome de alienación parental, que tanto dano causa ás vítimas e tanto vén prexudicando á calidade da xustiza española, englobando baixo esta etiqueta diversas denominacións que parten dos mesmos plantexamentos ideolóxicos e procedementos. A lei debe asegurar un cumprimento real e efectivo do dereito dos nenos e nenas a seren escoitados-as nos aspectos que teñan relevancia nas súas vidas e que a súa opinión sexa tida en conta. Debe asegurar tamén que os tribunais non poidan utilizar argumentos xenéricos e baleiros á hora de establecer cal é o interese superior e que, pola contra, deban referirse ao contexto concreto do neno ou nena. Debe ser unha obriga dos tribunais establecer medidas de protección urxentes cara  os nenos e nenas vítimas no prazo que se estableza dende a presentación da denuncia. Debe concretarse tamén o procedemento polo cal se considera a súa madurez e contemplar que, unha vez acadada a idade na que é responsable penal dos seus actos, 14 anos, a súa opinión debe ser vinculante. A lei debe contar necesariamente cunha dotación económica importante para poder ser levada a efecto, en caso contrario será un simple lavado de cara.

Isto no tocante ao reto de mellorar a xustiza, cunha perspectiva de futuro. Sen embargo hai outra dimensión igualmente necesaria, primordial para as entidades que estamos cada día en contacto con persoas de carne e óso, que sofren. A restauración do dereito a unha vida digna e sen violencia de todas esas vítimas menores de idade que quedaron atrapadas nese período de práctica xudicial anómala e que seguen a vivir no terror da revitimización. Pensamos na nena que convive co seu presunto agresor dende hai dous anos, e ten 5, afastada (completamente, ningún contacto permitido) da súa nai por un suposto trastorno mental que o sistema público de saúde desminte; a adolescente de 13 anos a quen a xustiza se nega a ter en conta, obrigada a visitar a un proxenitor a quen teme; outra adolescente, 14 anos, a quen o tribunal pretende revincular por medio da “mediación”. Son só tres exemplos. A xustiza debe facer un traballo de autocrítica, facer caer esa xurisprudencia perniciosa. Cómpre realizar unha revisión de sentenzas, especialmente naqueles casos nos que existe un risco de revitimización. Non é tarefa fácil, non hai costume no estado español de que os tribunais dean un paso atrás e recoñezan unha práctica inadecuada, e sen embargo é a única opción humana.

As entidades que participamos debemos estar satisfeitas, hai unha lección que aprender de todo isto: cando imos xuntas chegamos máis lonxe. Un agradecemento moi especial a todas as familias que colaboraron aportando a documentación dos seus casos, sen a cal a petición non tería continuado a súa tramitación. E tamén a aqueloutras que quererían ter participado pero que, por medo a repercusións nos seus procedementos xudiciais, non o puideron facer.

A Xunta Directiva de AGAMME, 25 de xaneiro de 2019.

Agamme

Asociación galega contra o maltrato a menores
http://www.agamme.org/

FACEBOOK | TWITTER

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
25 de janeiro de 2019 10:39

https://artabra21.blogspot.com/2019/01/a-raiz-da-decision-da-comision-europea.html