A CUT, o Sindicato Labrego e o Sindicato Ferroviario convocan folga de 24 horas para o vindeiro 8 de Marzo só para mulleres

A Central Unitaria de Traballadoras, O
Sindicato Labrego Galego e o Sindicato Ferroviario-Intersindical
rexistraron onte na Consellería de Traballo da Xuntade Galicia o
preaviso de convocatoria de folga de 24 horas para o vindeiro 8 de
marzo, tal e como fixeran as tres organizacións sindicais o ano
pasado seguindo o mandato dos movementos feministas.
A novidade da convocatoria de folga deste ano
radica en que, por primeira vez, diríxese exclusivamente a “todas as
mulleres traballadoras de Galiza”, deixando a porta aberta ademais a que
se sumen “todas aquelas persoas que estean sometidas ás diferentes
violencias patriarcais como reacción ao seu xénero”. A folga de
mulleres realizarase no plano laboral, estudantil, de coidados e de
consumo.
A Secretaría das Mulleres da CUT
iniciará nos días vindeiros unha campaña de mobilización desta folga
que, baixo o lema “Todas con dereitos, ningunha con medo”,
intentará achegarlles a todas as galegas a importancia de secundar ou
apoiar este paro que quere
“evidenciar que, se as mulleres paran, a vida
para; así como visibilizar o poder das mulleres sobre o sistema e unilas
en combate contra todas as violencias machistas e capitalistas”.
1 febreiro, 2019
Secretaría das Mulleres da CUT
Noticias relacionadas
CUT, SLG e Sindicato Ferroviario convocan para o 8M unha greve “só para mulleres”