02/08/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A patronal conseguiu que o goberno volva modificar as razóns do despedimento, xa era prexudicial, cada vez que lle tocan empeórana. No paso do primeiro borrador que coñecemos ao texto que finalmente presentou o goberno aos axentes sociais xa houbo unha volta de rosca. Aínda se endureceu máis cando se converteu en decreto, e agora tivo un último e definitivo xiro á dereita no trámite parlamentario.
Xavier Caño
Se a primeira versión xa era mala, a definitiva, a que sae do parlamento despois das emendas, empeora aínda máis o texto.
Aprobaron, entre outras cousas, que unha empresa poida despedir barato se prevé ter perdas ou por unha caída, aínda que non sexa continuada, de ingresos –xa sabemos da capacidade dos empresarios para prever o futuro, valerá que consulten á bruxa Lola-; que a carga da proba nos despedimentos fraudulentos corresponda ao traballador e non á empresa; que as ETTs poidan operar nas administracións públicas; e ata que te poidan botar se enfermas máis da conta, ou que sexa posible algunha forma de "despedimento preventivo"
En definitiva, as empresas poderán dicir que lles vai mal, que gañan menos do que deberían (e os malos xestores?) e zas: traballadores ao paro. A CEOE festexa eufórica por algo que quizais nin a dupla Aznar/Rato se atrevería.
Todo o PSOE é culpable, nas votacións cantaron todos aquilo de “prietas las filas” (non houbo nin a mínima disidencia). Algún dos/das que votaron a reforma terán a cara de ir a Rodiezmo á festa dos mineiros da UGT, non se senten culpables das consecuencias do seu voto, dí ben pouco da UGT lles deixe asistir.
Os dirixentes do PSOE están encantados. Por suposto diran que é unha reforma laboral que protexe os traballadores, utilizan eufemismos tales como ao despido chamarlle “axuste”, facilitar o dito despido chámanlle “flexibilidade interna”…. E o increible é que haberá quen o crerá. A maioría dos votantes do PSOE non saben que clase de partido están a apoiar co seu voto. De socialistas e obreiros só lles queda o nome.
A historia demostra de xeito fidedigno que son os partidos socialdemócrata s, é dicir os falsos socialistas co voto da maioría dos traballadores, os que fan os maiores ataques contra os seus intereses e dereitos, porque os partidos que neste deleznable teatro pseudo democrático fan o papel de ser de dereitas non se atreverian directamente. Para iso é fundamental contar cuns sindicatos amarelos que fagan o papel de bombeiros con aqueles que discrepan de toda esta infamia. Triste herdanza que lles queda aos que veñan por detrás.
A Folga Xeral do 29 de setembro debería ser un éxito, pero un éxito que servise para derrotar tamén ás cúpulas sindicais burocratizadas de CC.OO, UGT e CIG. Eles queren esa acción curta, puntual e programada para non facer dano ao goberno amigo, pero para os traballadores e parados debe ser o primeiro elo da loita, unha palabra que os sindicatos gobernamentais perderon do seu vocabulario habitual.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript