Agosto de 2010
 
 

02/08/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

O Consello Galego de Universidades adopta as liñas básicas para o futuro plan de financimento do Sistema Universitario de Galicia 2011-2015

 

O Consello Galego de Universidades (CGU) coñeceu o día 28 as liñas básicas para a elaboración do novo Plan de finanzamento 2011-2015 do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que deseñou e presentou a consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

 

 

Infórmase nos medios de comunicación que, deste xeito a consellería cumpre co mandato do Parlamento de decembro de 2009. Mostrouse o resultado do traballo desenvolvido dende o pasado mes de marzo pola Comisión de financiamento e investimentos do CGU no que están representadas as universidades, consellos sociais e os tres partidos políticos con representación parlamentaria, se isto é certo, o día 22 o Consello de Goberno xa debería saber o resultado. Na reunión do Consello de Goberno deuse unha información que non parece concordar co que se comeza a coñecer polos xornais.

A elaboración desta proposta está motivada pola extinción do aínda vixente, así como a necesidade de ter un documento que estea adaptado ás necesidades actuais do ensino universitario e á integración no Espazo Europeo de Educación Superior. Ademais estas liñas mestras a seguir terán en conta a situación de crise actual que está a condicionar todas a decisións que se toman en todos os campos da sociedade.

As liñas básicas para a elaboración do novo plan presentadas hoxe foron aprobadas por unanimidade, e dentro dun clima de diálogo e entendemento. Con elas preténdese potenciar a competitividade dos distintos membros do SUG, e así obter unha mellor eficacia a través dunha maior eficiencia tanto no campo educativo como na súa xestión.

Proceso de elaboración

Ao longo da mañá o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, recordou as accións desenvolvidas dende o primeiro encontro para a elaboración do documento. Así, sinalou que "en todo momento se mantivo a transparencia e o diálogo con todas as partes implicadas, co fin de conseguir o maior consenso no que será o novo modelo de financiamento do SUG,". Ademais recordou que "o proceso de elaboración deste plan coincidiu no tempo co 'Documento de mellora e seguimento das políticas de financiamento', elaborado polo Ministerio de Educación, e que será a folla de ruta que teñen que seguir os integrantes do Sistema Universitario Español”.

O documento realizouse tras a creación dunha sesión constitutiva, do 10 de marzo, na que se fixou un cronograma para as xuntas da Comisión de Financiamento e Investimentos. Un traballo que foi asumido pola consellería de Educación, que se encargou de presentar constantemente os avances efectuados aos implicados, ao tempo que estes daban a coñecer as súas suxestións. Todos os documentos foron analizados e os que se aprobaron foron incluídos nas bases do novo plan, que deberá estar en vigor en xaneiro do próximo ano.

Bases do documento

As liñas básicas dada a coñecer reflicten a necesidade de marcar as pautas para o financiamento nas universidades, entre os que destacan a estabilidade económica, a suficiencia, a eficiencia e a equidade institucional. Ademais conta cunha epígrafe dedicada á diagnose do SUG; e outra na que se delimitan que os obxectivos son converxer coa media estatal de financiamento público da universidade (medido a través da porcentaxe do PIB), e conseguir a media de financiamento do Sistema Universitario Español.

O documento estrutura as achegas ás universidades a través dunha epígrafe dedicada ao financiamento destas. Así na sección estrutural o punto de partida será a cantidade necesaria para conseguir o principio de suficiencia estática que proporcionará estabilidade ás institucións universitarias en Galicia.

No financiamento por resultados considéranse os resultados medidos a través da docencia, investigación e transparencia tecnolóxica. Mentres que en financiamento por mellora da calidade se determinan as achegas de acordos ou convenios das consellerías e a Administración pública coas universidades.

Do mesmo modo se determinan as áreas de acción que miden os progresos das universidades no cumprimentos da súa misión. Un labor de control que se mide polo grao de satisfacción das necesidades sociais, a docencia, a investigación, a proxección internacional, a responsabilidade social, a xestión e a consolidación dos campus periféricos.

Proceso antes de xaneiro

As bases do novo plan presentadas hoxe son parte dun proceso que se verá completado en setembro coa xunta da Comisión de Financiamento e Investimentos que determinará o panel de indicadores que serán aplicados para o reparto das achegas correspondentes ao financiamento por resultados. Ademais neste mes, a Consellería de Facenda concretará as cifras que serán integradas no Plan de financiamento nos presupostos xerais da comunidade autónoma para o 2011. Posteriormente, cada unha das universidades debe presentar o seu plan de sostibilidade económica.

Ao mesmo tempo que se desenvolven estes pasos, iniciarase a tramitación administrativa do acordo sobre o Plan de financiamento do SUG 2011-2015, e que debe ser asinado antes de rematar o ano polas consellerías de Facenda, Educación, Economía e Industria, e polos reitores.

Outros puntos do CGU

No mesmo encontro se informou dos temas tratados na Conferencia Xeral de Política Universitaria na que quedaron definidos os indicadores do sistema de información integrada que serán controlados por un unha comisión mixta que fará o seguimento do Plan de austeridade 2011-2015.

Ademais decatouse de que na Conferencia Delegada de Política Universitaria se informou de que o próximo ano se desenvolverá un modelo de contabilidade de custos, que será unha liña eficaz e eficiente para o sistema universitario español, xa que grazas a isto no curso 2012-2013 todas as titulacións deben coñecer o custo real que ten a súa impartición.

No CGU aprobouse a supresión dos centros da Universidade da Coruña da Escola Universitaria de Estudos Empresariais e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a petición da propia UDC, e simultaneamente quedou aprobado que foran substituídos pola facultade de Economía e Empresa e de Ciencias do traballo.

Ademais nesta reunión informouse dos resultados da reunión do pasado 12 de xullo da Comisión Mixta do SGU para a docencia clínica onde se presentou o anteproxecto de decreto pola que se crea a Comisión Mixta do SUG para a docencia clínica e se regula a súa composición e funcións. Tras o remate do tempo para presentar as correspondentes alegacións o texto definitivo do anteproxecto será aprobado o próximo mes de setembro.

Novos membros

Durante a reunión designouse como novo representante das universidades do SUG no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (COGACODE) á vicerreitora de responsabilidade social e de calidade, Benita Silva Hermo.

Na reunión, celebrada en San Caetano estiveron presentes o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o reitor da Coruña, José María Barja, e os novos reitores de Vigo e Santiago, Salustiano Mato de la Igrexa e Juan José Casar Long, respectivamente. Xunto a eles asistiron ao CGU os presidentes dos consellos sociais das universidades, os representantes designados polo Parlamento, e o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego, José Eduardo López. Ademais con motivo da presentación do novo Plan de financiamento estivo presente o secretario xeral de Presupostos da Consellería de Educación, Miguel Corgos.

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript