As Xuntas de Persoal funcionario rexeitan o acordo de carreira profesional asinado pola Xunta e CCOO e UGT

As Xuntas de Persoal funcionario da Xunta de
Galiza, dos Servizos Centrais e das catro provincias, veñen de
manifestar o seu rexeitamento ao acordo de carreira profesional asinado
pola administración con CCOO e UGT. Consideran que é discriminatorio e
un agravio comparativo respecto doutras administracións e doutras
comunidades.
A Xunta de persoal funcionario de Servizos Centrais
rexeitou o acordo este mércores. O xoves día 17 as de Coruña, Lugo e
Pontevedra tamén o rexeitaron. O venres sumouse a de Ourense a este
rexeitamento.
Os motivos que levaron ás cinco Xuntas de Persoal a
rexeitar o sistema de carreira profesional recollido neste acordo son os
expostos nos seus comunicados:
COMUNICADO SOBRE O ACORDO DA CARREIRA
PROFESIONAL.
Á vista do Acordo de concertación do emprego
público asinado o día 15 de xaneiro de 2019 entre a Consellería de
Facenda e as organización sindicais CC.OO e UGT, esta Xunta de Persoal,
debe rexeitar de modo rotundo o sistema de carreira profesional contido
no mesmo, en base aos seguintes razoamentos:
1º Porque este sistema de carreira profesional
supón un agravio comparativo e unha discriminación co persoal
doutras Administracións Públicas, non só doutras Comunidades
Autónomas, senón incluso dentro da propia Comunidade Galega, como é o
caso do Parlamento de Galicia, que está a punto de ser aprobado.
2º Porque este sistema de carreira profesional
supón un agravio comparativo e unha discriminación con
respecto ao persoal de administración e servizos do SERGAS, que
sendo un organismos autónomo da Xunta de Galiza, desenvolve unha
carreira profesional onde o seu persoal pode acceder de xeito
extraordinario a dous dos graos nun período de tempo menor que o persoal
da Xunta de Galiza, o que significa unha diferenza salarial notable que
non ten razón de ser.
3º Porque este sistema de carreira profesional, establece
limitacións respecto ao persoal temporal e interino ao impedirlles
acceder ao encandramento extraordinario, consagrando así unha
discriminación por razón da temporalidade no emprego contraria as
Directivas Europeas de Igualdade no Traballo.
4º Porque, se todo esto non abondase, este sistema
de carreira profesional establece unhas discriminacións
intolerables entre os propios funcionarios de carreira da Xunta ao
establecer por unha banda períodos de cobro mais perxudiciais aos
Subgrupos A1 e A2, que tardarían en cobrar o grado III tres anos máis, e
establecer tamén respecto ás contías unhas diferenzas inxustificables
entres os diferentes subgrupos, neste caso perxudicando aos Subgrupos
C1, C2, e AP, afondando a brecha salarial.
Por todo isto, ante o desprezo continuado que o
actual Goberno galego, profesa aos empregados públicos da Administración
Xeral, e reclamando unha verdadeira carreira profesional, xusta nos seus
emolumentos, equilibrada no seu reparto, integradora en canto ao persoal
que afecte e progresiva no recoñecemento da antigüidade do persoal
público, non podemos permanecer silentes e rexeitamos de modo
contundente o sistema de carreira profesional contido no Acordo de
concertación de emprego público asinado por CCOO e UGT coa Xunta de
Galiza.