VI Semana de Loita contra as Fronteiras

Foro Galego da Inmigración, Raias Traveseiras,
ODS-Coia e Grupo de Axitación Social (GAS) lanzamos a VI Semana
de Loita contra as Fronteiras, que organizaremos do 1
ao 3 de febreiro deste 2019 baixo o lema: A Lei de
Estranxeiría Mata!
Nesta sexta edición abordaremos o racismo e a
violencia institucional contra as persoas migrantes que supón a Lei de
Estranxeiría. Unha lexislación que criminaliza, exclúe, invisibiliza,
violenta e, en útima instancia, mata. Tal e como denunciaba o ano pasado
o Sindicato de Manteros y Lateros de Madrid coa morte de Mame Mbaye
vítima do acoso e persecución policial.
Para afondar no impacto da Lei de Estranxeiría
sobre os dereitos e liberdade das persoas migrantes, e en xeral para a
sociedade, contaremos coa presenza de Sani Ladan (Camerún-Sevilla) e
Florencia Brizuela (Arxentina-Barcelona).
Sani Ladan é Mediador Intercultural, especialista
en migracións e estudante de Relacións Internacionais na Universidade
Loyola Andalucía. É activista polos dereitos humanos e integrante da
Asociación Elín (Ceuta).
Florencia Brizuela é avogada, Mestrado en Cidadanía
e DDHH, Doutora en Dereito e Ciencias Políticas pola Universidade de
Barcelona. É activista e traballa con temáticas como os feminismos
contrahexemónicos, interculturalidade e interseccionalidade, empregando
entre outras ferramentas o Teatro das Oprimidas. É co-autora do libro
"Descentrar la mirada para ampliar la visión. Reflexiones en torno a los
movimientos sociales desde una perspectiva feminista y antirracista"
publicado o ano pasado pola Editorial Descontrol.
Programa da VI Semana de Loita contra as
Fronteiras:
VENRES 1 febreiro
COMPOSTELA – 20h – Casa do Matadoiro. Palestra:
“Lei de estranxeiría e racismo estrutural” a cargo de SANI LADAN
VIGO – 20h – Cova dos Ratos. Palestra: “Lei de
estranxeiría e racismo estrutural” a cargo de FLORENCIA BRIZUELA
SÁBADO 2 febreiro
COMPOSTELA – 17:30 – Casa do Matadoiro.
Conversatorio e merenda: “Mulleres migrantes partillando experiencias”
con FLORENCIA BRIZUELA e mulleres do sector dos coidados.
A CORUÑA – 18:30 – Local de A.V.V Agra do Orzán.
Palestra: “Lei de estranxeiría e racismo estrutural” a cargo de SANI
LADAN
DOMINGO 3 febreiro
COMPOSTELA – 16:30 – CSA Casa do Sar. Obradoiro:
“Descentralizar a ollada para ampliar a visión. Racismo e privilexio
branco nos espazos feministas” a cargo de FLORENCIA BRIZUELA en
colaboración con Resistencia en Terra Allea.
---
+INFO:
https://contraasfronteiras.wordpress.com