• Número 419
  • 29 de xaneiro de 2019

Universidade

Reunión da Xunta de Persoal do día 22 e posterior reunión coa Xerencia

Algúns sindicatos asinan se lles agasalla co bolígrafo, desta vez será un barateiro

O pasado día 22 realizouse unha reunión da Xunta de Persoal e, posteriormente outra entre o órgano de representación do PAS funcionario e a Xerencia. Os principais temas a debater adoptar decisión foron os xa adiantados no PASquín 418. Salientar que a Xunta de Persoal cos votos dos sindicatos CSIF, CCOO e UGT (7 votos) decidiron o apoio do órgano de representación á Resolución que regula a xornada, horario de traballo, vacacións e concesión de permisos e licenzas do persoal de administración e servizos da universidade da Coruña, fronte a CIG e APA que votamos en contra (6 votos).

Os sindicatos que votaron a aprobación da Resolución xustificaron o voto sinalando que as melloras que nela se contemplan son de relevancia e que, a pesar da súa aprobación, non renuncian a seguir reclamando a xornada de 35 horas.

Para nós esta posición non é máis que unha rendición (en todo o proceso non houbo nin a máis mínima intención de forzar o cambio de posición institucional) fronte a unha Xerencia que se nega, de xeito radical, a negociar a recuperación do horario anterior á ampliación a trinta e sete horas e media que, “por imperativo legal” se nos impuxo no ano 2012. Sen desprezar os aspectos positivos que hai na proposta aprobada (tamén hai concesións por parte da representación d@s traballador@s) o que mantivemos nas reunións e segue a ser a nosa consideración principal é que se, neste momento, o que estamos a “negociar” é un regulamento que recolle, entre outras cousas, a xornada, este é o momento de unirse e loitar pola recuperación das 35 horas. A actitude dos sindicatos que asinaron é unha mostra da deriva do órgano de representación que, cada día que pasa, se converte máis claramente nun monicreque do goberno da universidade, mostrándose incapaz de activar a mobilización do colectivo para afrontar a situación á que nos conduce unha Xerencia e equipo de goberno que non queren devolvernos o que agora a lei permite.

Queremos facer unha soa reflexión máis, coa xornada de 35 horas semanais reduciríanse, directamente, 130 horas de traballo ao ano máis a redución da xornada que levaría aparellada esta medida nos períodos que se establecen de “xornada reducida”. Deixámosvos que fagades contas dos días que suporía esta medida, non llo imos facer todo á Xerencia.

Á hora de redactar este artigo o documento aínda pode ter algunhas modificacións froito do que os sindicatos asinantes acorden coa Xerencia.

Unha sinal clara de que a Xerencia non pensa abordar a negociación da recuperación das 35 horas é que na reunión realizada con el, despois da reunión da Xunta de Persoal, sinalou, primeiro que o vindeiro mes se iniciarían as conversas sobre este aspecto. Preguntado porque non se retrasaba a resolución, debido a ese curto prazo, volveuse atrás establecendo que as conversas se iniciarían, se pode ser, no vindeiro trimestre. Co pouco ou nulo espírito reivindicativo da actual Xunta de Persoal o tempo prolongarase do mesmo xeito que se prolongan as, sen ir máis lonxe, convocatorias de promocións.

Proposta de oferta de emprego público (OEP) de estabilización do persoal de administración e servizos (PAS) da universidade da Coruña (UDC)

Ademais das dúbidas relacionadas coa ausencia das prazas que publicamos no anterior PASquín, na reunión da Xunta de Persoal detéctanse os seguintes erros:

o   Non se cumpre o sinalado no seu día polo xerente. As prazas que se publican nas Ofertas de Emprego Público e que son susceptibles de seren convocadas polo procedemento de estabilización non se substitúen por outras.

o   Aparecen prazas de convocatorias de OEP (277 técnico superior en informática, téñense dúbidas sobre a praza 220, bibliotecario) mentres que outras non aparecen (387 e 388 técnico en relacións internacionais)

o   Durante a reunión aparece unha nova praza de posto base na ORI de Ferrol susceptible de ser considerada neste proceso de estabilización.

o   Sinálase, unha vez máis, a incapacidade institucional para ofrecer unha información fiable. Como xa salientamos noutras ocasións esa desinformación levou, no seu día, a que prazas que deberían contemplarse nas Ofertas de Emprego non se computasen, e, como se pon de manifesto de novo, a información volve a estar equivocada e incompleta.

Na reunión posterior co xerente recoñécese a pertinencia de que aparezan na listaxe as prazas:

Nº POSTO

POSTO

CENTRO/SERVIZO

044

Posto base

 Xerencia (xa contemplada na remisión de 17/01/2019)

173

Técnico en microscopía

Servizos de Apoio á Investigación

606

Auxiliar de servizos

Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física

As demais analizarémolas de xeito rigoroso.

Retíranse as prazas que, segundo o sinalado máis arriba, xa están nas convocatorias e OEP

A Xerencia revisará as prazas sobre as que se lle sinalaron dúbidas.

Neste punto APA deixou claro o seu rexeitamento ao proceso seguido tanto pola Xerencia como polo resto da Xunta de Persoal ao permitir que prazas que deberían ser convocadas polo procedemento de estabilización estean reflectidas nas Ofertas de Emprego Público o que establece unha clara discriminación respecto dunhas convocatorias (OEP) sobre outras (estabilización) que terán moi posiblemente diferencias substanciais na valoración da fase de concurso.

Acordo entre o reitor da universidade da Coruña e a Xunta de Persoal de PAS para o aboamento dunha gratificación por xubilación á idade legal, así como unha axuda familiar por falecemento e/ou incapacidade definitiva que supoña a ruptura da prestación de servizos coa Universidade da Coruña e dunha axuda por fillos/as do pas con diversidade funcional igual ou superior ao 33%.

A Xunta de Persoal, por unanimidade acordou rexeitar a proposta porque, unha vez máis establece un límite temporal para a súa vixencia, limitándoa o ámbito temporal ao período 2018-2020.

Na reunión coa Xerencia esta comprometeuse a entregar unha nova proposta o xoves, prazo que nesta ocasión cumpriu (novo texto).

Outras cuestións tratadas na reunión coa Xerencia, ademais das comunicacións recibidas pol@s traballador@s:

o   Temos constancia, por rumores, de que se nomeou unha persoa como vicexerente de Ferrol, parécenos incomprensible que un nomeamento desa relevancia e que ten vinculación directa coas relacións institución-traballador@s nese ámbito territorial non se comunicase @s traballador@s nin á Xunta de Persoal.

o   O xerente primeiro responde que unha comisión de servizos non se comunica, despois recoñece que pola relevancia do nomeamento debería ser notificado.

o   Reclámase, unha vez máis, o censo de traballador@s que permita facer a consulta acordada pola maioría da Xunta de Persoal sobre as puntuacións nas diferentes fases das convocatorias de concurso-oposición

o   O xerente toma nota

o   Protéstase porque temos constancia de que baixas de IT se ocupan con nomeamentos dos denominados de 3+3, debéndose ocupar por persoal interino.

o   Despois do pertinente debate o xerente entende a reclamación.

o   Despois de constatar que nos Orzamentos de 2019 o subconcepto 151.00 Gratificacións PAS funcionario aparece dotado con 2.000€, requírese que se informe á Xunta de Persoal de todas as compensacións realizadas no ano 2018 e se informe mensualmente, a partir de agora. Pregúntase porque figura esta cantidade nos orzamentos e se isto supón un cambio nas directrices institucionais neste capítulo.

o   O xerente responde que non hai cambio ningún na instrución. A compensación, como até agora, realizarase mediante tempo de descanso pero, en previsión de circunstancias especiais que serán comunicadas á Xunta de Persoal, resérvase esa cantidade.

o   Unha vez que a Xunta fixo público o acordo cos sindicatos CCOO e UGT, sobre a carreira profesional, faise máis necesario que nunca para a Xunta de Persoal reclamar, diante da institución a negociación dun acordo neste sentido. Sabemos que na situación pola que atravesa o órgano de representación, de próxima caducidade e os ritmos de negociación desta Xerencia complican o inicio da negociación, en todo caso a institución ten que presentar unha proposta neste sentido, senón presentaraa a propia Xunta de Persoal.

o   O xerente responde que lle parece imposible, neste momento, acometer esa negociación, non hai diñeiro e todo o que signifique incremento económico está filtrado pola propia Xunta de Galicia.

o   A nosa reflexión neste sentido é que o acordo que se negocie debe mellorar substancialmente o subscrito na Xunta de Galiza. A receita para conseguilo é a mesma que para todo o que corresponde co mantemento e incremento de dereitos, depende do noso ímpeto reivindicativo.

o   A Xunta de Persoal ten constancia de que un traballador con destino nun posto da RPT non realiza as funcións inherentes ao posto que, teoricamente desempeña.

o   O xerente sinala que si pero que se isto ocorre é sempre por necesidades institucionais e co beneplácito do persoal, o que entende é de agradecer.

o   Sinálaselle que, nese caso, cando menos, a representación d@s traballador@s, que ten como misión, entre outras, a de velar pola integridade da RPT, debería ser notificada do cambio de funcións.

o   O xerente entende que non é preceptivo.

o   Requírese a inmediata convocatoria das promocións que, segundo o acordo subscrito polas partes deberíanse ter convocado no primeiro trimestre do ano 2018.

o   O xerente aduce a imposibilidade do Servizo de Persoal de acometer todas as labores que se lle encomendan, intentando descargar a responsabilidade n@s compañeir@s do Servizo.

o   Contéstaselle que, en todo caso, a responsabilidade é súa, da Xerencia. Se o Servizo se ve superado polas circunstancias o xerente debe adoptar as medidas de reforzo que sexan necesarias, en ningún caso iso pode supoñer unha escusa para incumprir os acordos asinados.

o   O xerente informa de que se está en conversas coa USC para que un traballador fixo desa institución preste servizos na UDC para cumprir o establecido no “Real Decreto 3/2010, de 8 de enero, por el que se regula el Esquema Nacional de Seguridad en el ámbito de la Administración Electrónica”. O xerente sinala que esta persoa non terá vinculación permanente coa UDC, pero que a praza contemplarase na vindeira RPT.