Dúas sentenzas xudiciais dan a razón ás persoas refuxiadas

O Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade
Social vese obrigado a readmitir ao sistema de acollida a aquelas
persoas solicitantes de asilo que sexan devoltas a España en aplicación
do regulamento de Dublín. A medida chega tralas sentenzas xudiciais —
ámbalas dúas ditaminadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid—
que o 20 de novembro e o 7 de decembro de 2018 deron a razón a dous
novos refuxiados devoltos desde Holanda e Alemaña respectivamente, e a
quen o Estado español lles denegara a acollida, vulnerando o dereito á
tutela xudicial efectiva e á defensa, establecido no Artigo 24 da
Constitución.
Foi a través da publicación dunhas novas
instrucións que o goberno cambiou os criterios recoñecendo que a súa
negativa a reinserir no sistema de acollida a estas persoas era unha
violación aos seus dereitos, tal como viñan denunciando desde o grupo de
apoio a persoas devoltas como consecuencia do regulamento de Dublín
“Refugees Fighting for Rights”, que conta co apoio da Rede Solidaria de
Acollida, Coordinadora de Barrios e o Grupo de Acción Comunitaria.
Os dous mozos, “levaban loitando por isto un ano
enteiro desde que volveron a España e se lles negou por primeira vez o
reingreso ao sistema de acollida”, comenta Ana, da Rede Solidaria de
Acollida: “recibiron a sentenza con certo atraso pero con moita
alegría”. Esta activista advirte de que o camiño a partir de agora non
será fácil: para reinserirse no sistema deben de conseguir unha cita coa
Unidade de Traballo Social (UTS) da Oficina de Asilo e Refuxio (OAR).
“Non é fácil, e eles non están agora mesmo en ningún dispositivo —como,
por exemplo, o Samur Social— que lles poida facilitar unha quenda”. Así,
é posible que tarden en poder acceder efectivamente ao sistema.
O Regulamento de Dublín, acordado o 26 de xuño de
2013, establece que é o primeiro Estado da Unión Europea no que se
presentou a solicitude de protección internacional, o responsable de
examinala. Moitas das persoas solicitantes de asilo que ingresaron a
Europa por España, decidiron seguir a súa viaxe migratoria cara a outros
países, na maioría dos casos para reunirse cos seus núcleos familiares,
e ao ser devoltos en aplicación deste regulamento, atopábanse con que se
admitía a súa devolución, pero non se lles permitía o reingreso ao
sistema, condenándoas á situación de rúa sen posibilidade de acceder a
ningún dos recursos que por Lei lles correspondían.
O Estado español, que está obrigado a garantir un
nivel de vida digno ás persoas solicitantes de asilo, consideraba como
causa da perda das condicións materiais de acollida o “abandonar unha
praza do Sistema de acollida de protección internacional ou o itinerario
proposto sen a autorización da entidade responsable do mesmo”.
Na súa particular interpretación, o goberno
entendía que este abandono representaba “unha superación das carencias
económicas manifestadas polo beneficiario no momento de solicitar o
acceso ao sistema”, por canto non admitía que estivese a vulnerar ningún
dereito.
As novas instrucións son taxativas respecto diso.
No caso das persoas que abandonando un recurso de acollida financiado
pola Dirección Xeral de Integración e Atención Humanitaria (DGIAH), se
trasladan a outro país, e en aplicación do Regulamento de Dublín, son
devoltas a España, obrigan a que “ao admitir o traslado a España, o
estado asume unha responsabilidade coa persoa devolta, sendo a máis
básica a de garantir un nivel de vida digno no caso de carecer de
recursos económicos”. Por este motivo, continúa a instrución, “non se
considerará causa de perda das condicións materiais de acollida o
abandono de acollida temporal ou de primeira acollida financiada pola
DGIAH, cando o beneficiario fose devolto a España en virtude do
regulamento de Dublín e se manteñan o resto de requisitos para o acceso
ao sistema de acollida de acordo co disposto no manual de xestión”.
Un logro e novos retos
Foi o pasado maio cando unha vintena de
solicitantes de asilo se manifestaron fronte ás instalacións do por
entón chamado Ministerio de Emprego e Seguridade Social (MEISS) para
denunciar a súa exclusión do sistema de acollida. “Cremos que estes
casos son a punta do iceberg dun drama que estas persoas viven en
situación de vergoña e en silencio por non saber cales son os seus
dereitos”, explicaba ao Salto a avogada de Coordinadora de Barrios,
Patricia Fernández, quen
denunciaba que as estaba deixando en situación de indixencia ao non
recoñecerse o seu dereito a que España estude as súas solicitudes en
virtude do regulamento de Dublín.
As novas instrucións demostran que desde as
organizacións non se estaba pedindo asistencia social ou certas
concesións, senón que se trataba de facer cumprir a Lei. “O bo destas
sentenzas é que serven para todos —aclara Ana—, son moitas as persoas
que levan meses en situación de abandono case total”. As organizacións
levan desde xuño falando co Goberno para que cambiase esta situación,
pero “non cambiaron ata que non chegou unha resolución xudicial. Podían
liquidar esta situación antes, xeraron situacións de malestar moi
graves, dificultade de acceso á sanidade, imposibilidade de
escolarización…”
Con todo, a batalla non acaba con este logro,
sucede que unha vez reinseridos no sistema de protección, tras un ano de
espera “a moitas persoas mandáronas a outras cidades, a empezar de
novo”, denuncia Ana. Isto sen ter en conta as redes xa asentadas, os
vínculos, ou a escolarización das persoas implicadas. “Un caso
paradigmático é o dunha familia que ten a cargo un fillo dependente con
discapacidade motora á que mandaron a un lugar onde a vivenda non é
accesible e non hai ningún centro especializado educativo para poder
acollelo". Desde a Rede manifestan a súa percepción de que as UTS —quen
deciden a localización das persoas solicitantes de asilo— distribuirían
á xente sen un criterio claro de avaliación. “Falta un traballo de fondo
que ten que ver co estado de desborde destas unidades, pero aínda nesta
situación de desborde as cousas deberíanse facer correctamente”, sinala
Ana.
O grupo de apoio mutuo “Refugees Fighting for
Rights” cuxos integrantes pasaron de ser acompañados a acompañantes,
“son os primeiros que están atentos, que buscan a quen están nesta
situación para acompañalos, o problema é que agora estanos distribuíndo
por media España”, lamenta Ana. A integrante da Rede Solidaria de
Acollida dá por feito que quen queden seguirán as súas dinámicas de
apoio mutuo e, quen se marchen, “contan coa experiencia de coordinarse,
de traballar en equipo e apoiado a tanta xente distinta”. Unha
experiencia acumulada sobre procesos e institucións moi potente que xa
gañou unha primeira batalla.
https://www.elsaltodiario.com/refugiados/dos-sentencias-judiciales-dan-la-razon-a-las-personas-refugiadas