A galega, entre as impulsoras dunha rede de academias de linguas minorizadas

A Real Academia Galega é unha das
seis entidades fundadoras da rede de academias, institutos lingüísticos
ou centros de investigación en linguas minorizadas e minoritarias cuxo
protocolo de colaboración se presentou a pasada semana en Iruña.
“O propósito [da rede] é promover o coñecemento e
on respecto da diversidade lingüística do continente”, sinala a
institución presidida por Víctor Freixanes nun
comunicado remitido aos medios de comunicación. Canda a Galega, fan
parte das impulsoras o Institut d'Estudis Catalans, a
Real Academia da Lingua Vasca–Euskaltzaindia, a
Fryske Akademy -dedicada ao frisón-, Lo Congrès
Permanent de la Lenga Occitana e Eurac-Instituto for
Applied Linguistics.
O texto, asinado no congreso internacional de
Euskaltzandia de Iruña, pretende “o recoñecemento en cada caso,
especialmente das academias, como representante das súas repsectivas
comunidades lingüísticas ante as institucións da Unión Europea co
obxectivo de garantir os seus dereitos e o seu futuro”.
Pola Academia Galega participou o sociolingüista
Henrique Monteagudo, quen na presentación do protocolo
falou da “necesidade de avanzar nun posicionamento común que visibilice
no contexto estatal a realidade das linguas propias das nacionalidades
históricas e poña en valor a diversidade lingüística de España”.
O documento recolle outras medidas, como o
“intercambio de experiencias no desenvolvemento de recursos e
ferramentas lingüísticas que sexan útiles para as comundiades de
falantes e para as investigadoras” ou “a posibilidade de traballar nunha
infraestrutura dixital”. A maiores, refírese á colaboración científica,
a compartir información, á coedición de publciacións de interese comín
ou á coorganización de xornadas, seminarios ou congresos.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/lingua/galega-impulsoras-dunha-rede-academias-linguas-minorizadas/20190121131915075376.html