• Número 419
  • 29 de xaneiro de 2019

Economía

As nais traballadoras cun fillo na gardaría poderán desgravarse ata 1.000 euros máis: descobre como

As gardarías teñen ata o 15 de febreiro para informar a Facenda dos nenos inscritos nos seus centros en 2018. De momento, as nais non teñen que facer nada ata que non empece a campaña da Renda

As nais traballadoras con fillos entre 0 e 3 anos xa contaban cunha dedución fiscal de 1.200 euros anuais, a percibir dunha vez a ano vencido tras facer a declaración da renda ou ben 100 euros mensuais. Agora, as nais que cumpran esas condicións poderán incrementar ata en 1.000 euros esa axuda e aplícase xa se o neno foi á gardaría durante 2018.

Para optar a ese suplemento, os centros infantís deben encher o modelo 233 mediante o que poñen en coñecemento da Axencia Tributaria a información sobre os menores e os gastos que dean dereito a esa nova dedución por maternidade. Ao ser este ano o primeiro, as gardarías contan con 15 días máis e poderán presentar a información ata o 15 de febreiro. En anos posteriores deberán facelo durante o mes de xaneiro. No caso de que a escola aínda non comunicase aos pais a existencia deste novo cheque gardaría, convén falar co centro para comprobar que os responsables están informados e que se teñen en conta os prazos.

Unha vez a gardaría faga o informe, esa información xa estará na base de datos da Axencia Tributaria e incorporarase na declaración de 2018, é dicir, a que faremos durante a primavera deste 2019. De momento as nais non teñen que facer nada ata que non empece a campaña da Renda, que este ano será do 2 de abril ao 1 de xullo. Cando se coñeza o modelo da declaración, saberase se as nais deben marcar algunha casa en concreto ou se directamente se aplicará a dedución cos datos recibidos polos centros.

 Os requisitos para pedilo

Para poder contar con esta dedución, débense cumprir os seguintes requisitos:

o    Que o pago se faga a gardarías e centros de educación infantil autorizados.

o    Que se abone esa mensualidade pola inscrición e matrícula, a asistencia -en horario xeral e ampliado- e a alimentación, sempre que se produciron por meses completos.

o    Considerarase tanto o importe pago pola nai como o satisfeito polo outro proxenitor, adoptante, titor ou acolledor.

o    Non se terán en conta as cantidades abonadas pola empresa na que traballan a nai, pai, adoptante, titor ou acolledor do menor nin as cantidades subvencionadas satisfeitas á gardaría ou centro de educación infantil. É dicir, que se a empresa ten algún tipo de cheque ou axuda para a gardaría, ese complemento non é compatible con este desconto do IRPF: hai que elixir unha cousa ou outra.

Quen ten dereito a percibir os 1.000 euros completos?

A dedución calcularase de forma proporcional ao número de meses que o neno estea inscrito na gardaría, o importe total do gasto efectivo do centro e as cotizacións e cotas totais á Seguridade Social.

Polo xeral, as nais que xa cumpran os requisitos para recibir a dedución dos 1.200 euros, tamén os cumprirán para recibir os 1.000 euros completos, se o neno asistiu á gardaría todo o curso en horario completo. "Só en casos nos que a nai teña un soldo moi baixo e cotice moi pouco á Seguridade Social, recibirán unha cantidade menor aos 1.000 euros", aclara o secretario xeral de GESTHA, José María Mollinedo.

Que pasa se o meu fillo cumpriu 3 anos e seguiu na gardaría antes de empezar o colexio?

Nese caso, poderanse ter en conta para a dedución os meses que o neno estivo na gardaría ata o mes anterior ao do comezo do segundo ciclo de educación infantil. É dicir, que se o neno empezou o colexio en setembro de 2018 e cumpriu os 3 anos en xaneiro de 2018, teranse en conta que de febreiro a xullo seguiu na gardaría á hora de aplicar esta dedución na declaración deste ano pero, igualmente, o centro deberá dar aviso a Facenda durante estes días.

https://cadenaser.com/ser/2019/01/15/economia/1547539136_486511.html?fbclid=IwAR3eetDhParvesDkaFov7-yQn-QwCMGUBghw95ocGoZ5aYUDtpC3NuVTsjg