PSA Vigo, que destruíu 5.000 empregos en 10 anos e precarizou ao máximo os que conserva, premiada polo Consello de Economistas de Galicia por xerar “emprego de calidade”

O Consello de Economistas de Galicia ten previsto
entregar hoxe, por primeira vez, un premio que trata de
distinguir a aquelas empresas que contribúen á creación de emprego de
calidade en Galicia e implementan proxectos que redundan no
crecemento económico e ano PIB galego.
Á sección sindical da CUT en Citroën non nos
estraña nada que este galardón, concedido polos que defenden o libre
comercio e a competitividade entre empresas e traballadores e
traballadoras, se lle vaia entregar no día de hoxe ao grupo PSA, e
concretamente ao centro de produción de Vigo, que cada vez fabrica máis
barato desde o punto de vista, sobre todo, dos custos laborais, para
deste xeito aumentar a marxe de beneficios dos seus accionistas.

Pero concederlle a PSA Vigo o premio á creación de emprego de
calidade é descoñecer a realidade social da plantilla.
Dos 5.200 traballadores e traballadoras que hai actualmente en Vigo no
taller, só 1.300 conservan un contrato de 8 horas, sen
cláusulas de variabilidade, sendo os outros 3.900
contratos a tempo parcial de 4 ou 5 horas ou de 8 horas con
cláusulas de flexibilidade, con horarios que se modifican cada mes,
semana, e incluso no propio día, o único que intenta tapar e a realidade
dun sector (o do automóbil), cada vez máis precarizado en Galicia, onde
PSA Vigo obriga ao resto das auxiliares a aplicar as mesmas políticas
que aplica no seu centro.
Políticas que van en contra da propia conciliación
familiar e laboral, onde cada día que pasa externalízanse máis postos de
traballo para que estes sexan asumidos por empresas multiservicios con
salarios e condicións de miseria, sen esquecer que o persoal de novo
ingreso en PSA Vigo asina contratos de 4 horas a tempo parcial, realiza
xornadas de 26h en sábados e domingos e tres ou catro xornadas de luns a
venres. Estes compañeiros e compañeiras cobran arredor de 500€ menos por
mes que outro traballador con certa antigüidade no centro que realiza o
mesmo traballo.
A día de hoxe, a dirección de PSA Vigo ten
aberto un ERTE no centro que a CUT xa denunciou no xulgados do
social por abusivo e que só ten como fin o rendemento económico. Os
contratos de 8h, que son máis caros, son enviados ao ERTE, namentres os
eventuais fan xornadas maratonianas. Ese é o emprego de calidade
polo que vai ser premiado PSA? Unha empresa que fomenta a
deslocalización de emprego e das empresas para aproveitar a proximidade
de Portugal e deste xeito abaratar os custos de man de obra. A mesma
empresa que está creando, coa complicidade das administracións publicas,
un corredor marítimo con Marrocos para fomentar a implantación de
provedores neste continente e deslocalizar a produción e o emprego.

Quizais este premio debería ser concedido pola Cámara de Comercio do
pais veciño.
En 2007 a plantilla rozaba os 10.500
traballadores/as en PSA Vigo, sen ter daquela a 4ª quenda creada. A día
de hoxe, coa 4ª quenda incluida, somos 5.800.
En 2014 14 aplicáronse uns recortes económicos e sociais á totalidade da
plantilla que non decaeron no actual momento de recuperación da senda de
beneficios da empresa.
A dúbida da sostenibilidade das pensións sempre
estará vixente, por culpa das empresas que subscriben contratos de 4
horas con salarios de miseria e condicións sociais que non permiten
ingresos para cubrir as necesidades básicas.
A CUT manifesta o seu rexeitamento á
entrega deste premio a PSA Vigo, aínda que, como diciamos, que o
entreguen os economistas neoliberais que traballan para o capital e a
banca non é de estrañar, porque esas son as políticas e os intereses que
defenden. As que pón en práctica PSA Vigo.
Quen non debe ser cómplice desta situación son
aqueles e aquela que representan á cidadanía, que deberían ao noso
entender defender o emprego de calidade na comarca de Vigo e na Galiza:
o Presidente da Xunta, o Alcalde de Vigo e mesmo a Presidenta do
Congreso, xunto a outras autoridades políticas e sociais que
participarán no acto de entrega deste galardón. Coa súa
presencia son cómplices desta situación.
Noticia relacionada
A CUT Citroën rexeita a entrega do premio do Consello Galego de Economistas a PSA Vigo
Piden a Feijóo e Caballero que non acudan á entrega do premio a PSA “por crear emprego de calidade”