Contra o sexismo e o racismo na linguaxe

“Pautas e consellos para evitar o sexismo ou o
racismo na linguaxe” é apenas un dos contidos da Guía da linguaxe
inclusiva que vén de elaborar a facultade de Ciencias da Comunicación da
Universidade de Compostela en colaboración co
Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza.
Porque o
documento, dispoñíbel en liña en
https://xornalismoinclusivo.wordpress.com/, tamén achega
materiais para “o tratamento informativo de colectivos como os nenos e
nenas, as persoas maiores, a comunidade LGTBQI, as persoas migrantes,
persoas privadas de liberdade ou persoas con capacidades diversas”.
Tamén a respecto da “cobertura de temáticas sensíbeis como a pobreza, o
desemprego, as catástrofes e emerxencias, a cooperación internacional o
comercio xusto ou o medio ambiente”.
A Guía de linguaxe inclusiva foi realizada polo
alumnado da materia Redacción Informativa de Ciencias da Comunicación,
impartida polos profesores Xosé López e José Casás.
Segundo explican os seus impulsores, o proxecto asume como referencia o
blogo do xornalista de La Voz de Galicia Nacho Mirás, morto
prematuramente, e “un exemplo no emprego de linguaxes inclusivas e un
puntal no combate contra todo tipo de discriminacións”.
A Guía de linguaxe inclusiva é unha iniciativa en
marcha que se irá ampliando ao engadir novos colectivos e áreas
temáticas “sobre os que construír recomendacións: os suicidios, as
adiccións, a prostitución, a moral e a relixión”.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/sexismo-racismo-linguaxe/20190121163449075383.html