A contención mecánica na saúde mental: Un recurso terapéutico máis ou vulneración de dereitos humanos?

A comezos de decembro o Movemento Galego da Saúde
Mental (MGSM)
iniciou a denuncia pública da utilización da contención mecánica
na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da
Coruña (CHUAC). Trátase dun procedemento polo que unha persoa é
inmobilizada con correas, fixándoa xeralmente a unha cama e o MGSM
alertaba de que no centro herculino existía "un cuarto con tres camas,
de uso mixto e simultáneo, para a contención mecánica de persoas
ingresadas, e non poucas veces realizada por períodos de tempo
prolongados".
A entidade levou a cabo concentracións semanais no
Obelisco da Coruña para concienciar á sociedade sobre o carácter
negativo deste procedemento, que definía como unha "violación dos
Dereitos Humanos Fundamentais" ademais de ser "unha vulneración
flagrante das recomendacións do Consello de Europa". Finalmente, a
pasada semana o CHUAC optou por transformar este cuarto de contención
en "dous cuartos para ocupación individual, no suposto de uso de
contención mecánica, con previsión de instalación de cámaras para a
realización de vixilancia intensiva".
O MGSM celebra o peche e afirma que "parece
que os xestores do CHUAC entenderon algo". Porén, esixe que o hospital
poña en marcha "un plan para a redución desta práctica" e pide
"reformar e dotar material e profesionalmente dun xeito adecuado a esa
Unidade", pois "as súas condicións son evidentes facilitadoras de
tratamentos irrespetuosos coa igualdade de tódalas persoas atendidas no
CHUAC e os dereitos humanos das persoas ingresadas", afirma.
"Que doado era pechar ese cuarto! Por que tardaron
tanto? Por que non fixeron nada dende que hai case tres anos comenzamos
a denunciar esta situación?", pregunta a entidade, que engade que "a
realidade da existencia dese cuarto era inaceptable dende o respecto
obrigado á dignidade humana, e máis aínda por funcionarios públicos". "A
mesma présa que se deron os xestores do CHUAC para modificala dende que
o problema se puxo na rúa co acto do Obelisco, e se comenzou a difundir
na sociedade, dinos ata que punto sabían que esto era intolerable. Pero
non facían nada", di.
Mentres, o CHUAC defende en conversa con
Praza.gal que "a contención forma parte dos recursos
terapéuticos cos que contan os profesionais da saúde mental, xunto cos
fármacos e as terapias psicolóxicas e debe dimensionarse na súa correcta
medida" e sinala que "hai que ter en conta que cando se recorre
á contención é porque se superaron outras actitudes terapéuticas".
O centro hospitalario é moi crítico co Movemento
Galego de Saúde Mental e as denuncias públicas realizadas nas últimas
semanas. Afirma que "este tipo de accións só contribúen a potenciar a
estigmatizacion dos pacientes con problemas de saúde mental,
mostrándoos como persoas agresivas, que precisan deste tipo de
atencións" e engade que "a realidade é que os pacientes que nalgún
momento necesitan -pola súa seguridade e a de quen os atenden- de
contención son só casos moi excepcionais". "Non se pode permitir
que se mostre aos profesionais sanitarios (psiquiatras, enfermeria,
etc..) dunha unidade de Saúde Mental como persoas que non queren o
mellor para a seguridade dos pacientes e dos propios profesionais",
engade o CHUAC.
Miguel Anxo García Álvarez, voceiro do MGSM,
afirmaba entrevistado por Praza.gal que "a vivencia dunha
persoa que é sometida a esta práctica é de absoluta indefensión. O
paciente perde mesmo valor en tanto que persoa. Pode danar gravemente a
súa dignidade" e sinalaba que "pensabamos que era algo do pasado, que
non estabamos neste nivel de gravidade das cousas. Foi algo que nos
removeu".
O Movemento Galego de Saúde Mental destaca que
o sucedido salienta "o valor da mobilización, de sair á rúa,
de informar á sociedade, de non calar" e, igualmente, "o efecto
balsámico sobre persoas que sufriron esta práctica e que sentiron que
alguén lles recoñeceu que foran inxustamente tratadas". O MGSM lembra
que puxo a situación en coñecemento do Defensor del Pueblo , do
que espera unha acción nos vindeiros meses, e que tamén agarda a
apertura de dilixencias de investigación penal pola Fiscalía Provincial
da Coruña.
http://praza.gal/movementos-sociais/a-contencion-mecanica-na-saude-mental-un-recurso-terapeutico-mais-ou-vulneracion-de-dereitos-humanos