• Número 419
  • 29 de xaneiro de 2019

CUT - CRTVG - Represalias na CRTVG

Ana Pérez deixa de presentar na TVG após 23 anos

É un un dos rostros máis coñecidos da televisión pública galega e cara visíbel na mobilización do cadro de persoal da CRTVG contra a manipulación e pola independencia dos medios públicos

Ana Pérez levaba 23 anos presentando espazos na TVG e era un dos rostros máis populares da televisión pública galega. Desde 2017 presentaba o informativo Bos Días. Mais esa etapa chega ao seu fin, como a propia xornalista explica a través do seu faceboock. O motivo, aponta a imposibilidade de conciliar e motivos persoais. "Por motivos persoais e de conciliación, non podo asumir as esixencias da dirección de incorporarme media hora antes (malia que ata agora si era posible) e presciden polo tanto da miña presencia no informativo Bos Dias que viña presentando desde o 2017. Tampouco tiven proposta de poñerme á fronte de calquera outro espazo, asi que despois de 23 anos diante das cámaras, a partir do luns volverei ao traballo a pé de rua. Prometo facelo con ilusión, dignidade, ética e profesionaldiade, a pesar dos malos tempos que corren para a lírica".

Pérez é un dos rostros visíbeis nas mobilizacións que o cadro de persoal da CRTVG leva protagonizando desde hai meses na defensa da independencia informativa e contra a manipulación: "Despois de 34 semanas vestíndome de negro cada venres e defendendo uns medios públicos sen inxerencias políticas, independentes, plurais, honestos......o fácil sería pensar en que esta decisión é unha represalia cara á miña persoa pola participación activa nesas accións de protesta. Sería arrogarme unha importancia que creo non me corresponde, ademáis dunha decisión tan evidente e burda que prefiro pensar que ninguén xuizoso tomaría. O tempo dirá".

A súa carta no FB é unha estensa e comprometida defensa da necesidade e da función dos medios públicos onde tamén fai unha chamada á sociedade galega para que se molle por uns medios que son seus, "tod@s @s galeg@s os verdadeir@s propietari@s dos medios públicos, tanto dos de información como a sanidade ou a educación. Non son o cortijo de ninguén e somo nós @s que debemos demandar que respondan ao interese xeral e non ao do goberno de turno, sexa da cor que sexa".

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/ana-perez-deixa-presentar-tvg-apos-23-anos/20190118202457075331.html?fbclid=IwAR0yP4fJidOWFfpVhTOFyVQbUTY1sEEdcbRrcqkhj0GEMoaV-eHxSBIE9Oo

Apartan e represalían a rebeldía. Pero a dignidade e o compromiso na defensa dos medios públicos son imparables. Enorme Ana Pérez